O Consello da Cultura organiza Translittera, un evento que experimenta coas novas linguaxes poéticas en cinco fundacións

As letras saen do papel

| Santiago. Redacción | Seccións: Literatura
Compartir:

Videocreacións, performances artísticas... son palabras que están a orde do día e que revelan a caída das fronteiras entre as artes. Pero ¿que pasa coa poética? O Consello da Cultura Galega quere sacar a veta máis transgresora da poesía, buscar un achegamento máis efectista e directo co público levando novas linguaxes poéticas a cinco fundacións. Chámase Translittera e comezará o vindeiro día 18.

Moito máis ca poesía. “Translittera é como unha caixa na que colocamos unha bomba que estoura en mil anacos e logo lle pedimos a cada poeta que vaia buscar cada un deses fragmentos”. Deste xeito tan metafórico Rafael Xaneiro, a alma máter e coordinador deste evento, pretende explicar un traballo que xorde con vocación de continuidade, “porque a creación non se esgota no tempo, senón que permanece”. Pero tamén ofrece unha definición máis técnica do que dará de si esta actividade, ao apuntar que é “un espazo referencial para os creadores, especialmente poetas, para buscar novas linguaxes, para que traballen na experimentación desde a poesía”. Pero é moito máis, Víctor Freixanes, coordinador da sección de Literatura e Industrias de Edición do Consello da Cultura, que promove o evento explica que “queremos darlle voz tanto ás novas vías e ás novas xeracións para que poidan incorporarse, que poidan transgredir, desde o punto de vista da tradición creativa”.

O programa
Translittera é unha aposta innovadora por múltiples sentidos. En primeiro lugar porque pretenden experimentar coa linguaxe poética; en segundo lugar porque abre unha vía de colaboración entre diversas Fundacións galegas que nunca se uniran nun empeño común. Son a Eugenio Granell, a Luís Seoane, a Wenceslao Fernández Flórez, a Laxeiro e Ramón Otero Pedraio. Diversos espazos diferentes que, como ben dicía Víctor Freixanes na presentación, “propoñen unha viaxe desde Cecebre ata Trasalba, desde a cidade ata o rural, unindo esforzos para multiplicar os conceptos”.

Os artistas xogarán en cada un deses cinco espazos con diferentes materiais que van desde a palabra, o seu propio corpo, a voz, o vídeo ou as novas tecnoloxías para ofrecer unha visión renovada da poética que supere ao seu propio contido. Unha experimentación, en palabras do impulsor de Translittera, “necesaria para a autoevolución da creación galega”. María Lado, Lomarti, Yolanda Castaño, Iván Prado, Antón Lopo son só algúns dos nomes que compoñen a longa listaxe de poetas, artistas e músicos que se atreverán a experimentar coa linguaxe. “Interesaba, explicaba Rafael, buscar un grupo amplo que pertenzan a diferentes ámbitos de traballo”.

Unhas xornadas necesarias
Rafael considera que a importancia destas xornadas pasa porque “sería un espazo importante para a creación, unha referencia que ata agora non existe”. Ademais, cuantifica en dous puntos de partida que se conxugan neste evento e que fan que agrome agora e non noutro momento. En primeiro lugar está o contexto artístico xa que “ata o momento, explica o coordinador, racháronse os límites de creación entre diferentes disciplinas artísticas, pero non era o caso da literatura. Por iso, Translittera pretende ir máis alá da poesía como actuación escrita, con ánimo de instaurar a creación nese contexto actual”. É de entender que as xornadas pretenden evocar un punto transgresor da linguaxe poética que, co programa na man está garantido. Un punto no que incide o propio Rafael ao asegurar que “non sei moi ben que van facer os artistas, é unha sorpresa, pero ao tratarse de xente moi consolidada as súas propostas non decepcionarán”. Ademais do contexto histórico e artístico no que se asentan as xornadas, dáse unha segunda circunstancia, que para o coordinador “a arte en xeral e a poesía en particular está desvencellada da sociedade e penso que poder ser o primeiro paso para achegar a poética ao público”.

¿E despois que?
“O noso principal obxectivo, explica Rafael é conseguir un achegamento da poesía ao público, non só ao que xa é fiel á poesía, senón ao que é máis amplo”. Pero non é o único, teñen outro máis ambicioso que é o de conseguir que Translittera se converta nun referente (anual ou bianual) da creación poética. “En todo caso, continúa Rafael, o primeiro éxito é poder contar cos participantes, é poder facelo”. Para o que non poida asistir a algunha das cinco xornadas de intervención poética, poderá velo a través do DVD que se editará, a modo de catálogo, para dar conta de todo o que teña acontecido.

Que che parece esta nova?
64 lecturas 0 reaccións

Cando valoras a nova, culturagalega.gal aprende para ofrecerche a ti e outros usuarios con gustos afíns máis contidos de interese.

Axuda a difundir a cultura galega

Do mesmo ámbito

Diálogos na corda dos poemas

Diálogos na corda dos poemas

Doce voces da poesía nova establecen unha conversación con Xela Arias no proxecto 'O equilibrio dos extremos'

Universos

Explorar o Universo desta nova

Descobre máis noticias relacionadas con Poesía, Consello da Cultura Galega, Literatura, María Lado...