Unha mostra celebra os cincuenta anos do "Merlín e familia" de Cunqueiro recreando o libro, o autor e o mito

Entrar na Selva de Esmelle

Entrar na selva de Esmelle de camiño a Miranda. Estes nomes, canda a outros coma Felipe de Amancia, Dona Xenebra e Merlín forman parte indiscutible do imaxinario galego desde hai agora cincuenta anos. Era en 1955 cando saía á luz "Merlín e familia", a primeira novela que Álvaro Cunqueiro daba ao prelo no noso idioma. Para celebrar ese aniversario e rememorar todo o imaxinario que nos legou, a Editorial Galaxia, en colaboración coa Consellaría de Cultura organizan unha exposición, varias conferencias e outras actividades arredor desta obra.

"Había que facer unha conmemoración polo cincuenta aniversario, pero o problema era como facer unha exposición sobre Cunqueiro cando xa houbera outras mostras sobre el", explica Gustavo Adolfo Garrido, comisario, canda a Víctor F. Freixanes e Xosé A. Neira Cruz, desta mostra. "Pensamos en facer unha achega á obra desde unha estética actual". Deste xeito contactouse con Fausto Isorna, que recreou mediante collage os personaxes da novela que representara Prego hai medio século con catorce gravados. Foi a partir desas imaxes que xurdiu a idea de desenvolver unha escenificación da novela. "Pensouse en recrear a novela para facer unha exposición didáctica e interactiva, de xeito que a xente que lese a novel puidese entrar nela e vise alí as personaxes”. Deste xeito, o Museo do Pobo Galego acolle ata o vindeiro mes de novembro este curioso xeito de se achegar a “Merlín e Familia".

Recrear un libro
O escenógrafo Rodrigo Roel foi o encargado de realizar estar reconstrución, que sen dúbida constitúe un dos maiores atractivos da mostra. "O que máis chama a atención da mostra é entrar na novela, que é como entrar no teatro", destaca Garrido. "Vense as imaxes de Fausto recreadas a tamaño natural, a Selva de Esmelle, o Pontigo, o cuarto do forno onde traballaba Merlín con todo o que traballaba tal e como estaba descrito na obra". Despois desta recreación, o visitante accede ao segundo apartado da mostra, que se dedica á biografía de Cunqueiro e á súa obra. "Procuramos facer que esta parte tivese pouco texto e moita imaxe", recoñece o comisario. "Hai fotografías, reproducións de cartas, edicións orixinais de case todos os libros do autor, a súa famosa máquina de escribir". Ademais destes e doutros obxectos relacionados con Don Álvaro, o visitante poderá contemplar un audiovisual no que o escritor dar un paseo polo seu Mondoñedo natal e os arredores.

A importancia de Merlín
Aínda que tanta actividade pode semellar excesiva para un único libro, Garrido destaca a importancia do Merlín nas nosas letras. "É un dos piares básicos da narrativa de galego, e marcou unha forma diferente de escribir en galego. Naquela época imperaba unha literatura realista, e entón que saíse un libro de fantasía a achegar un mito á cultura do país resultaba algo moi chocante e non se entendía moito. Sen embargo, iso recuperouse cando a literatura sudamericana puxo en marcha o realismo máxico". Para Garrido, a importancia fundacional do texto vese nas pegadas que deixou en autores máis actuais coma Xosé Luís Méndez Ferrín, Darío Xohán Cabana, Carlos García Reigosa ou Xosé Fernández Naval. Canda a eles, outros autores coma Ramón Lourenzo no teatro recuperaron a temática artúrica nas nosas letras, a miúdo desde un punto de vista achegado ao mito, como fixera Cunqueiro.

A transversalidade da maxia
Por moito que Cunqueiro abrise un camiño de cara a Merlín e aos mitos en xeral, a presenza do mago máis famoso do mundo (con permiso de Gandalf e de Harry Potter) na nosa cultura xa vén de antes. Na propia mostra pódese ver o manuscrito orixinal da primeira tradución da "Suite de Merlín" ao noso idioma, datado a comezos do século XIV. "É a versión máis antiga en galego-portugués dun tema artúrico. A súa descuberta en 1979 demostrou que toda a base artúrica estaba traducida ao noso idioma xa daquela". Este manuscrito constitúe tamén a primeira tradución que se conserva da materia de Bretaña a unha lingua peninsular. Ademais de contemplar o auténtico manuscrito, a mostra inclúe un punto interactivo no que se pode ver unha reprodución deste texto, unha transcrición paleográfica do mesmo, a versión en galego moderno e mesmo o orixinal francés.

O Merlín protagonista
Canda a este manuscrito, a terceira parte da mostra céntrase na figura de Merlín a través do tempo. Deste xeito, recóllense as diferentes representacións gráficas que se fixeron do mago desde a Idade Media. "Explícase a historia de Merlín con case toda a iconografía que se fixo sobre el. Vese como se pasou de representalo coma un vello con barba a un vello sen ela. Logo amosamos tamén o xeito en que se pasou da imaxe de mago serio ao tratamento do cine, con filmes coma 'Camelot', 'Excálibur' ou nos debuxos animados", destaca Garrido. Ademais, esta sección amosa tamén as obras de diferentes autores que se achegaron á figura deste personaxe ao longo da historia.

Máis Cunqueiro
Por moi completa que poida parecer a exposición, os actos de homenaxe non acaban aquí. A editorial Galaxia e a Consellaría de Cultura organizan paralelamente durante os dous meses que vai botar a mostra en Compostela unha serie de conferencias que permitirán coñecer ao público diferentes aspectos de Merlín e mais da obra de Cunqueiro. Escritores galegos, estudosos da figura do autor mindoniense e mesmos especialistas internacionais sobre os mitos artúricos coma Victoria Cirlot daranse cita semanalmente deste o quince de outubro para disertar sobre estas cuestións. Como peche da actividade, un encontro de poetas novos coma Yolanda Castaño, Antón Lopo ou Ana Romaní celebrará a Cunqueiro a través da lectura de textos do autor e de composicións propias, e Amancio Prada interpretará algunhas das súas adaptacións musicadas de poemas deste autor. Tamén ao longo deste tempo desenvolverase un servizo de contacontos cada martes, e editarase material promocional sobre este cincuentenario. Deste xeito, verá a luz a edición dunha obra conmemorativa das mostra que incluirá as ilustracións de Fausto Isorna e un limiar de Víctor Freixanes canda a textos do libro e imaxes da exposición. Ademais, publicarase un almanaque que recollerá os debuxos de Fausto. De cara ao futuro, está previsto que a mostra, instalada nunha estrutura desmontable de aluminio, visite outras localizacións. Barcelona e Madrid e dos centros do Instituto Cervantes de París, Lisboa, Roma e Nova York son algunhas das futuras paradas deste mago. De xeito paralelo, tanto Galaxia coma a Consellería de Cultura anunciaron a súa intención de desenvolver inicativas semellantes para celebrar os aniversarios doutras obras destacadas da nosa literatura. Haberá que ver en que outros bosques nos introducen.

As personaxes de Merlín e familia

As personaxes de Merlín e familia

50 ANOS CON "MERLÍN E FAMILIA"

Co gallo do aniversario dun dos libros máis famosos da literatura galega actual, a Editorial Galaxia preparou a exposición "50 anos con Merlín e Familia". A exposición, dividida en tres partes, introduce ao visitante no marabilloso mundo de Merlín e a Selva de Esmella, percorre a obra de Cunqueiro e analiza o percorrido do mito de Merlín ao longo da historia.

O deseñador Fausto C. Isorna foi o encargado de pórlle cara ás personaxes de Merlín a través de emocionantes fotomontaxes que agora podes percorrer na nosa galería.

Agradecementos: Verónica, Alberto, Fausto e Editorial Galaxia.

As personaxes de Merlín e familia

As personaxes de Merlín e familia

O quitasoles e o quita tebras

As personaxes de Merlín e familia

As personaxes de Merlín e familia

O Castelo de Belvís
Ilustración a partir do cadro de Urbano Lugrís "Lembrando mellores tempos"
Portada de "Merlín e Familia" (Galaxia, 2003)

As personaxes de Merlín e familia

As personaxes de Merlín e familia

As condesiñas de Folgar

As personaxes de Merlín e familia

As personaxes de Merlín e familia

Miss Spindle, Delfina de Tulé

As personaxes de Merlín e familia

As personaxes de Merlín e familia

Romualdo Nistal

As personaxes de Merlín e familia

As personaxes de Merlín e familia

Don Esmeraldino

As personaxes de Merlín e familia

As personaxes de Merlín e familia

Felipe de Amancia

As personaxes de Merlín e familia

As personaxes de Merlín e familia

Doña Simona

As personaxes de Merlín e familia

As personaxes de Merlín e familia

A serea grega

As personaxes de Merlín e familia

As personaxes de Merlín e familia

Dona Ginebra

As personaxes de Merlín e familia

As personaxes de Merlín e familia

Cobillón

As personaxes de Merlín e familia

As personaxes de Merlín e familia

Ofelia