A USC lidera un proxecto Interreg para por en valor as rutas romanas da fachada atlántica

Vías que non son da COTOP

Ademais das pontes, murallas e demais monumentos, os romanos deixaron en Galicia un importante legado que está oculto. Son as vías romanas, camiños que se crearon no Alto Imperio e que hoxe están en desigual estado de conservación. Localizalos, sinalizalos e aproveitalos para crear rutas culturais é o obxectivo dun grupo de traballo que agrupa a institucións galegas e portuguesas e que lidera un equipo da USC.

Antonio Rodríguez Colmenero é a alma máter dun proxecto do que nos explica que “participan entidades galegas e portuguesas. Por parte galega interveñen as Deputacións de Pontevedra, A Coruña e Lugo, o Centro Superior de Investigacións Científicas e tamén a USC, que leva a coordinación científica”. Todas estas institucións puxeron o seu gran de area para recuperar os trazados do camiño romano. A todo este proxecto, explica Antonio, “chámaselle “Vías Atlánticas” porque trata de poñer en valor as vías máis próximas ao océano atlántico. Trazados dos que se conservan tramos orixinarios, noutros lados perdéronse e noutros convertéronse en camiños antigos”.

Fases do proxecto
Hai menos de quince días unha comisión de traballo xuntouse para resolver cuestións administrativas. “Tratábase, en palabras de Antonio Rodríguez, de delimitar o sistema de traballo, de establecer as fases e os prazos para entregar esas cousas a tempo e que non houbera atrasos”. En resumidas contas, nas primeiras sesións de traballo o que se fixo foi definir, a grandes trazos, as liñas do proxecto. Todo o traballo que se pretende resúmese nas seguintes filosofías: estudar o seu percorrido, limpalas e poñelas en valor.

As cousas pouco a pouco
“Na primeira fase, eu como coordinador científico, entreguei un dosier de tipo xeral tanto ás autoridades de patrimonio galego como ás portuguesas”. Ese informe inclúe a pertinencia do traballo, os diferentes obxectivos e o que se pretende facer no futuro. O paso máis inmediato, explica Antonio, é que “cada entidade, cada comunidade deberán nomear a un arqueólogo encargado de facer o percorrido detallado da ruta conforme ás pautas establecidas e describilo na súa totalidade”.

As vías ás que afecta
O proxecto “Vías Atlánticas” afecta principalmente ás vías XIX e XX. Dous trazados que transcorren polas provincias de Pontevedra, a Coruña e Lugo, así como as zonas do Cavado e do Miño en Portugal. Pasan por zonas eminentemente rurais, cun feble tecido económico e empresarial e con total ausencia de industrialización que foi determinante para que non se perderan definitivamente.

Non se trata dun proxecto illado, senón que se enmarca dentro doutro moito máis amplo que pretende a recuperación de todas as vías romanas do noroeste da península, e que leva estudando un grupo de investigación da Universidade de Santiago desde hai tempo. “Doutra banda, explica Antonio Rodríguez, o Consello da Cultura Galega encargounos un estudo de todos os miliarios do noroeste peninsular, no que se realizou o trazado de todas as rutas e as zonas as que afecta”. Este estudo, que foi editado polo CCG, era o Corpus teórico do proxecto. Galicia é unha das zonas do estado que conservaba máis miliarios, as antigas sinalizacións dos camiños que fixeron os romanos, que serviron de punto de referencia para saber por onde pasaban esas vías. De feito, a descuberta do Miliario de Adriano en O Burgo, en Pontevedra, foi un dos elementos que axudou a descubrir a vía romana XIX que tivo unha importancia destacada na historia da cidade de Pontevedra.

Outras etapas
Unha vez que se define por onde pasa o trazado, cómpre ver en que situación se atopa. Para iso está previsto que se realicen desde o mes de setembro unha serie de catas de exploración arqueolóxicas. Co informe desas catas procederase á limpeza e á súa sinalización.

De xeito paralelo aos traballos de limpeza, o comité de coodinación e de seguimento do proxecto “Vías Atlánticas” acordou comezar a traballar en outubro sobre as antigas vías que se pretenden recuperar con este plan. Como ben sinala Antonio Rodríguez non só se trata de saber por onde vai pasar o camiño, senón tamén de poder poñelo en valor. “Hai que convertelo en itinerarios culturais que teñen que ver non so coa historia romana, senón con todos os monumentos que hai situados a un lado e outro delas”.

A posta en valor
Poñelo en valor significa aproveitar o trazado das vías para crear rutas culturais que, por extensión tamén son turísticas. Sería, en palabras dun do participantes deste proxecto “convertelo en itinerarios culturais que teñen que ver non só coa historia romana, senón con todos os monumentos que hai situados a un lado e outro delas. A partir deste momento sería un camiño cultural e, ao final, tamén turística”. Debido á gran lonxitude das vías da fachada atlántica, este proxecto deixará ao descuberto unha grande riqueza. Antonio Rodríguez explica que “A vía XIX, que é a máis importante do territorio galego no tempo de Augusto pasa pola provincia de Pontevedra. Dela quedan miliarios pero moi poucos restos da calzada. Sen embargo, na provincia de Lugo, hai anacos bastante considerables do antigo camiño que irmandan a ecoloxía coa arquitectura e ofrecen unha fermosa síntese para convertelo nun extraordinario camiño cultural”. É unha recuperación do noso paso e unha revalorización do noso patrimonio. Aínda que o proxecto estaba previsto que concluíse este 2005, é posible que non sexa efectivo ata o vindeiro ano.