A Xunta crea o premio 'Bibliotecas que inspiran'

Valorarase a novidade e a orixinalidade dos proxectos desenvolvidos para mellorar as competencias lectoras da cidadanía

A Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude acaba de convocar a primeira edición do certame 'Bibliotecas que inspiran', co que se pretende dar continuidade ao Premio de Innovación Bibliotecaria de Galicia, que leva xa sete edicións, recoñecendo os proxectos desenvolvidos polas bibliotecas municipais para o fomento da lectura e das competencias dixitais da cidadanía. O galardón, ao que poden concorrer os concellos que sexan titulares de equipamentos integrados na Rede de Bibliotecas Públicas da Xunta, ten como obxectivo impulsar e visibilizar as propostas de boas prácticas de xestión bibliotecaria, redundar nun mellor servizo á cidadadanía e promover e dinamizar a lectura e o acceso á cultura.

Tal e como publica hoxe o Diario Oficial de Galicia, establécense dúas categorías, dotadas cada unha delas cun premio de 3.000 euros, en función da poboación do concello onde se asente a biblioteca: unha para as entidades locais cunha poboación de ata 10.000 habitantes e outra para municipios que superen esta cifra. Desta maneira, preténdese favorecer a participación de pequenas bibliotecas que, por contar con recursos máis limitados, puideran atopar dificultades para presentarse xunto con grandes centros. As propostas terán que estar xa executadas e relacionadas co fomento da lectura, especialmente entre as persoas con maiores dificultades de acceso ou con menor hábito lector, coa aprendizaxe ao longo da vida e a adquisición de competencias dixitais, a cohesión social e a participación cidadá, a posta en funcionamento de novos servizos ou a redefinición dos existentes e a difusión do funcionamento da biblioteca. Así como tamén se relacionan coa recuperación, preservación e divulgación da produción cultural de interese para Galicia, especialmente do ámbito local.