O Delas Fest contará con novas intervencións murais a cargo de catro artistas

Santiago de Compostela, Brión e Negreira acollerán os murais deseñados tras varios encontros coa veciñanza

O Delas Fest, festival feminista de arte urbana contextual, ven de presentar a súa sétima edición que comezará a desenvolverse o vindeiro 10 de xullo en Santiago de Compostela para despois chegar tamén aos veciños concellos de Brión e Negreira. A presente edición do Delas Fest contará con catro novas intervencións murais a cargo das artistas María Peña-Mapecoo, Hanna Lucatelli, Galleta María e Tamara Baz. Os murais executaranse entre o 10 e o 16 de xullo en Santiago de Compostela, e do 17 ao 24 nos concellos de Brión e Negreira, recentemente incorporado ao festival. As artistas, procedentes de diferentes puntos do Estado e de Brasil, mergullaranse nas historias e identidade dos barrios a través de encontros coa veciñanza que xa comezaron en xuño e continúan esta semana. O festival continúa en setembro coa súa programación expandida, que inclúe a terceira edición do Familia Delas Fest e actividades nos centros de ensino dos tres concellos participantes, reforzando así o seu obxectivo de achegar a arte urbana feminista a públicos de todas as idades.

Un ano máis, este traballo é posible grazas á confianza da veciñanza que, a través da convocatoria Muros en Man Común, aberta durante todo o ano, achegan a súa fachada a este repositorio. As artistas encargadas este ano son María Peña-Mapecoo (Oviedo, 1989), artista multidisciplinar e muralista, que pintará en Santa Isabel, Santiago; Hanna Lucatelli (Sao Paulo, 1990), deseñadora de moda, artista plástica ilustradora e muralista, que realizará a súa intervención entre os barrios de Vite-Vista Alegre, Compostela; Galleta María (Valencia, 1991) ilustradora e muralista que traballará en Negreira na Avenida de As Brañas; e Tamara Baz (A Guarda, 1985), deseñadora gráfica, ilustradora e muralista, que plasmará a súa obra xunto a EEI de Sabaxáns, Brión.

Xuntanzas coa veciñanza
Na presente edición cobran forza as xuntanzas de anfitrioas, amosando un ano máis o interese de 7H Cooperativa Cultural, entidade organizadora do evento, en pór en valor o territorio onde se executarán as intervencións murais a través dos saberes e historias de vida das mulleres vinculadas a el. É nesta busca por implicar á comunidade que estas xuntanzas adquiren un peso maior, sendo todas de carácter presencial. Ás realizadas no mes de xuño en Negreira e Brión, onde a veciñanza puido coñecer en primicia ás artistas, súmanse as que se desenvolverán en Santiago ao longo desta semana. Estas xuntanzas permitirán elaborar os bosquexos das obras, que serán presentados publicamente antes do inicio das intervencións. A metodoloxía participativa do festival reflicte a vontade de 7H Cooperativa Cultural por recoñecer e visibilizar os saberes das mulleres e a memoria local.