Natalia Umpiérrez e Nuria Figueiredo expoñen en DUPLA

As artistas dialogan coas súas obras en cerámica e papel sobre o humano e o místico

As artistas dialogan coas súas obras en cerámica e papel sobre o humano e o místico
Tras varias exposicións monográficas (Lara Pintos, Diego Cabezas, Xaquín Chaves) a Galería DUPLA de Santiago de Compostela (Fonte de San Antonio, 9) volve a explorar as duplicidades como diálogo entre artistas, parte do seu proxecto fundacional, cunha nova mostra que estes días ven de inaugurar e que manterá ata mediados de agosto. 'Common people' reúne obras de Natalia Umpiérrez (Pontevedra, 1982 e Nuria Figueiredo (Ourense, 1986) na que as artistas achegan as súas lecturas do cotián desde a cerámica e o debuxo, transitando entra a sátira irreverente e o misticismo onírico, nun diálogo creado polo propio espazo da galería.

Ambas artistas teñen unha sólida traxectoria e recoñecementos no eido artístico, con obra exposta en numerosos espazos e eventos. En 'Common people' Umpiérrez explora os temores, desexos e contradicións humanas cunha linguaxe visual cargada de humor e crueza usando pezas de cerámica e papel habitadas por personaxes grotescas, quiméricas e en ocasións ridículos, que funcionan como espellos distorsionados da realidade. En contraste, Figueiredo transporta ao visitante a un mundo onde o humano e o animal fusiónanse en figuras híbridas de carácter ritual. A súa cerámica, concibida como exvotos, retablos ou altares profanos, propón unha experiencia sensorial e espiritual a través do simbólico. A artista fai da materia convertida unha celebración do ancestral, o máxico e o invisible.
Ligazóns