O ecomuseo das Torres do Allo na Costa da Morte abrirá ao público este verán

¿Que pasa na Costa da Morte?

21/6/2005 | Santiago. Redacción | Seccións: Sociedade
14 lecturas | Compartido 0 veces
Na Costa da Morte hai todo un patrimonio material único que define boa parte da nosa esencia cultural. As Torres do Allo, o Dolmen de Dombate, os Fornos de Forte de Buño… lugares dos que, de vez en cando, a prensa anuncia proxectos para recuperalos e dinamizalos coa súa posterior posta en valor. Pero, a día de hoxe… ¿que hai feito?
Hai tres anos a Xunta anunciou a creación dun parque do Megalitismo na Costa da Morte. Un proxecto que se integraría dentro dunha rede moito máis ampla que era a Rede Arqueológica de Galicia e que estaba prevista para este ano 2005. Pero a principios deste ano confirmaron que se adía ata o 2012. Por outra banda, La Opinión anunciaba hai un ano a aprobación dun Plan de Dinamización turística da Costa da Morte que, xunto co Plan Provincial de Protección Arqueolóxica, recuperarían xacementos e crearían dez centros que porían en valor a riqueza natural e artística da zona. A realidade, sen embargo, vai por outros derroteiros.

Desde o punto de partida
Felipe Senén, técnico de Xestión cultural da Deputación de A Coruña, asegura que “a realidade é moi triste, o noso patrimonio está pechado, non se pode ver e na Costa da Morte non hai ningún museo agás os que compramos aquí no pasado”. Ese pasado fai referencia á época na que Augusto Lendoiro era o presidente da deputación herculina e no que se mercaron as Torres do Allo, os Fornos de Forte de Buño e os Batáns de Mosquetín, os tres únicos museos que hoxe en día funcionan ou están a punto de facelo. Todos eles, e mailo dolmen de Dombate, o mellor exemplo da época megalítica que queda no país, e que comezou a recuperarse nesa época.

Dombate
Dombate é un xacemento paradigmático que está situado en Cabana de Bergantiños. É un megalito que permite ao gran público despexar moitas das dúbidas sobre os monumentos funerarios propios do Neolítico. Tal e como explica Felipe Senén en Dombate lévanse moitos anos traballando na súa recuperación, xa non só pola necesidade de protección do megalito, senón para poder dalo a coñecer. Isto quere dicir, explicar dun xeito didáctico o como, cando e a súa funcionalidade.

Nas últimas noticias que se deron sobre o dolmen de Dombate, anunciaban que o megalito estará cuberto por unha cúpula de cristal. Foi a solución proposta polo proxecto gañador do concurso de proxectos que convocou a Deputación da Coruña para abrilo ao público. De se levar a cabo, será unha actuación pioneira en Europa, que protexerá o dolmen da intemperie e albergará ao mesmo tempo un centro de interpretación. A empresa catalá Playmedia Motiongraphics é a que se encargou de facer este proxecto e de levar a cabo as actuacións museográficas. Precisamente a esta empresa é a que leva outras montaxes museográficas noutros centros propiedade da Deputación.

As Torres do Allo
A Deputación mercou as Torres do Allo -un pazo de finais de XVI- en 1988 fíxoo, segundo explica Felipe Senén, “como un recurso cultural e turístico para dar a coñecer experiencias novas e que formaban parte da xestión turística como un ecomuseo”. A Deputación contratou a rehabilitación do edificio ao arquitecto Iago Seara, que mantivo a estrutura do edificio buscando a súa funcionalidade, xa que ía acoller diversos servizos. Entre eles, servir de portal da Costa da Morte, un punto de encontro de visitantes e veciños dando a coñecer como era a vida nos pazos galegos. Playmedia Motiongraphics é a empresa que se encarga de explicar de xeito didáctico o seu contido, e isto pasa por contar o día a día nos pazos (desde como se cociñaba ata as situacións máis cotiás), a través de paneis e medios audiovisuais que pretenden recrear a época do xeito máis fiel posible. Os mesmos medios e mecanismos que desenvolven nos Fornos de Forte de Buño.

Os fornos de Forte de Buño
Aínda que estaba previsto que no 2003 se rematara a rehabilitación, non foi ata este ano. Unha vez concluída a recuperación do conxunto etnográfico do Forno do Forte en Buño que alberga unha cantina, un ecomuseo e unha taberna, a Deputación Adxudicoulle á empresa Playmedia os traballos de musealización.

Neste contexto o que se pretende é a restauración do mobiliario e dos útiles populares dos labradores, que foron recollidos nos últimos anos e que se atopaban gardados nas antigas vivendas. Ademais, tamén se pretende dar a coñecer como vivían os oleiros, así como explicar o seu oficio e o futuro da profesión. Para iso non só se deberá amosar fisicamente, coa recuperación do mobiliarios, senón tamén na recreación do seu modo de vida. Todas as previsións apuntan a que este complexo estará aberto ao público este verán, porque no mes de agosto se celebrará a tradicional Mostra da Olería (que ten lugar en agosto).

Fóra desta iniciativa pero moi relacionada con ela, o Concello de Malpica está a realizar xestións para mercar catro fornos que aínda quedan no casco urbano.

E os batáns de Mosquetín
Por último, no lugar de Salto en Vimianzo érguense os Muiños e os Batáns do Mosquetín (do século XVIII), o terceiro dos tres complexos que mercou a Deputación. Tanto os muíños como os batáns están recuperados desde hai un tempo, pero desde entón o proceso está paralizado. Entre outros motivos porque a Deputación aínda non encargou nin o seu proxecto de musealización nin ten clara cal será a súa xestión. “Aínda non se debateu se debería ser competencia da Deputación, dos Concellos, da Xunta ou dalgún ente privado, dalgún consorcio que os agrupe a todos” deste xeito Felipe Senén asegura que non é un problema puntual dos Batáns, senón un dos principais poblemas que ten a recuperación do noso patrimonio. “Os problemas de burocracia, continúa Felipe, entre as diferentes administracións ralentizan os proxectos. E vai pasando o tempo e un recurso cultural e artístico está pechado”.

Universo culturagalega.gal