A escavación de Tralocastro amosa unha rúa pavimentada de catro metros

A terceira campaña está a delimitar tamén outras estruturas deste importante xacemento

A terceira campaña está a delimitar tamén outras estruturas deste importante xacemento
o reitor da Universidade da Coruña (UDC), Ricardo Cao; o alcalde do Concello de Ferrol, José Manuel Rey; e a delegada territorial da Xunta de Galicia, Martina Aneiros; encabezaron este mércores unha visita institucional á terceira campaña de escavacións arqueolóxicas no Castro de Esmelle.
A terceira campaña de escavacións no Castro de Esmelle, tamén coñecido como Tralocastro, comezou o pasado 14 de xullo, da man da Cátedra de Arqueoloxía e Educación Patrimonial que promove a Universidade da Coruña (UDC) xunto co Concello de Ferrol. Neste enclave da Idade de Ferro, cunha superficie estimada de 20.000 metros cadrados e tres aneis defensivos, comezou a albiscarse, xa na segunda campaña, unha rúa pavimentada moi ben conservada. Logo de ampliar a zona de traballo, puido comprobarse que as súas dimensións rozan os catro metros de ancho. Segundo as primeiras hipóteses, esta rúa estaría situada na zona de acceso ao castro e bordea dúas estruturas nas que están a traballar: un edificio alongado duns 50 metros cadrados e un torreón defensivo. Con todo, cómpre sinalar que unha parte do equipo que participa nesta terceira campaña arqueolóxica está a realizar tamén traballos de escavación nunha típica casa castrexa situada na croa e duns 4.6 metros de diámetro.

Un ano máis, dirixen esta campaña de escavacións arqueolóxicas na parroquia de San Xoán de Esmelle o profesor de Historia Antiga da Facultade de Humanidades e Documentación do Campus Industrial de Ferrol, Juan Luis Montero Fenollós, e o investigador do Instituto de Ciencias del Patrimonio (incipit) do Consejo Superior de Investigaciones Científicas (CSIC), Samuel Nión Álvarez. Como ven sendo habitual, o primeiro ocupa o posto de director científico e o segundo o de director técnico. Xunto a eles, e ata o próximo 1 de agosto, está a traballar equipo de preto de 20 persoas, principalmente, estudantado universitario, mozos e mozas xa titulados, así como persoal investigador vinculado á Universidade da Coruña (UDC). Con todo, nesta terceira campaña tamén participa alumnado da Universidade de Jaén (UJA), da Universidade de Sevilla (US) e da University Of Melbourne (Australia).

O reitor da Universidade da Coruña (UDC), Ricardo Cao; o alcalde do Concello de Ferrol, José Manuel Rey; e a delegada territorial da Xunta de Galicia, Martina Aneiros; encabezaron este mércores unha visita institucional ás escavacións arqueolóxicas. Tamén participaron na xornada a vicerreitora do Campus de Ferrol e Responsabilidade Social, Ana Ares; a concelleira de Turismo, Patrimonio Histórico, Sanidade, Consumo, Benestar Animal e Mercados, Maica García; a de Educación, Universidade e Política Lingüística, Patricia Cons; e o de Cultura, José Antonio Ponte Far.