Paulo López Muñoz faise co XXVI Premio de Investigación Xesús Ferro Couselo

Henrique Neira obtivo a bolsa de 3.000 euros para elaborar unha Guía Literaria de Valga

O Concello de Valga daba a coñecer este 30 de xullo o fallo da vixésimo sexta edición do Premio de Investigación Xesús Ferro Couselo. O historiador lucense Paulo López Muñoz impúxose no certame e levará os 4.000 euros do galardón co seu traballo As orixes do rexionalismo conservador e centrista galego: Transición e proceso autonómico (1975-1983).

Segundo sinala a organización do premio, a obra "analiza o proceso de rexionalización das forzas políticas de centro e dereita xurdidas do aparello administrativo do réxime franquista, pasados case cincuenta anos dende a implantación do Estado das Autonomías". O autor atende a "cuestións coma as estratexias, discursos e praxe rexionalista destes partidos, así coma nos conflitos internos e con outras forzas, rastrexando tamén os seus precedentes en movementos políticos activos durante a ditadura". O fallo destaca que "o estudo aborda unha etapa moi interesante, como é a da consolidación da Autonomía galega", e "está moi ben estruturado dende o punto de vista da investigación".

Pola súa banda, o compostelán Henrique Neira fíxose coa bolsa de estudos deste certame, dotada con 3.000 euros, pola súa proposta Valga nas letras que propón desenvolver unha Guía Literaria de Valga "que reúna referencias a distintos lugares do concello en obras tanto orais (coplas, lendas, etc.) coma escritas (textos líricos, narrativos, teatrais...), prestando especial atención ás ensaísticas e aos textos sobre viaxes", explica a organización do certame.

Xulio Rodríguez González, Pegerto Saavedra Fernández, Marcial Gondar Portasany, e Pablo Sánchez Ferro foron os responsables da selección, acompañados do alcalde de Valga, José María Bello Maneiro, e mais os técnicos municipais Santiago Chenlo e Vanessa Losada, que exerceu de secretaria.