As figuras de Pardo Bazán, Méndez Ferrín e Fernández Flórez a análise na Coruña

Congresos Coruña

Os escritores ocupan estes días A Coruña. Tres encontros analizan as figuras de Emilia Pardo Bazán, que cumpriría no 2001 cento cincuenta anos, de Méndez Ferrín e de Wenceslao Fernández Flórez. Unha xornadas totalmente literarias que nos achegan aspectos pouco coñecidos destes literatos.


A condesa



A sede da Fundación Barrié acolle desde mañá e ata o xoves unhas xornadas de estudio sobre Emilia Pardo Bazán, nas que se analizarán, entre outros aspectos, os textos inéditos que escribiu ós quince anos.
Especialistas en literatura de diferentes nacionalidades abordarán desde o seu contexto histórico á súa producción novelística ou o seu labor como crítica literaria. Para a tarde do mércores está prevista a proxección do documental "Vida e obra literaria de Emilia Pardo Bazán". As xornadas rematarán con senllas mesas redondas nas que os participantes de cada día discutirán sobre a importancia de Pardo Bazán no seu tempo e a vixencia da escritora no século XXI.













Ferrín



As xornadas de estudio que a Real Academia Galega lle está a dedicar a Méndez Ferrín comezaron onte coa intervención de Darío Xohán Cabana.
O escritor, poeta e traductor da Terra Chá realizou, baixo o título de "O perfil do home público", un percorrido da militancia política de Ferrín desde a súa mozidade. Así caracterizou as etapas políticas do escritor en relación a tres "oposicións simbólicas". A primeira destas oposicións daríase, a comezos dos anos sesenta, entre o nacionalismo político de Ferrín e a "visión europeísta de Ramón Piñeiro".
Segundo Darío Xohán Cabana, a finais desa mesma década produciríase un novo enfrontamento entre o nacionalismo de esquerdas "de carácter altamente simbólico" de Ferrín e a tendencia "máis estatal" de Xesús Alonso Montero.
Desde 1972 produciuse un novo choque simbólico que remataría de conformar a ideoloxía de Méndez Ferrín, e que viría dado entre o escritor e o daquela secretario da UPG, Francisco Rodríguez.
O poeta e profesor Anxo Angueira abordará hoxe a partir das sete da tarde, a importancia de Ferrín coma articulista, e ata o venres Ramón Lorenzo, Manuel Forcadela e Xosé Manuel Salgado aportarán a súa visión sobre o autor, pechándose as xornadas cun recital poético de Laura Landeira.





Fernández Flórez

"Evasión e compromiso na metade do século XX" é o título do congreso que a Universidade da Coruña dedica desde hoxe e ata o venres ó escritor Wenceslao Fernández Flórez e que promete desvelar aspecto ata o de agora case descoñecidos do escritor.
Así por exemplo, o profesor José Carlos Mainer, autor da primeira biografía de Fernández Flórez, sinala que a imaxe de dereitas que se ten deste autor non é de todo certa. Segundo Mainer, Fernández Flórez defendía o amor libre e o aborto á altura de 1932, ademais de amosar un forte antimilitarismo. A pesar disto, a imaxe do escritor segue sendo a dun autor de dereitas.
Fernández Flórez debatiuse durante a súa vida entre a evasión e o compromiso, unha loita que se traduce para Mainer na súa propia obra e que leva o escritor a escapar polo humor, a ironía e a devaluación dos valores normais.
Desde este congreso, no que participarán especialistas de talla internacional, reclamarase unha maior atención ó autor, que moitos estudiosos consideran pouco valorado dentro da literatura española.