A historia do “siñor Afranio” resume unha parte do exilio interior vivido durante a guerra civil

Vivir para contalo

“Afranio de Amaral” foi o escudo co que o deputado Antón Alonso Ríos se refuxiou da morte logo da sublevación militar do 36. Disfrazado dun naturalista brasileiro vagou durante tres anos pedindo esmola e traballando como criado de labranza desde a súa Silleda natal ata Ourense, desde onde fuxiu por Portugal. A súa é unha deses historias que nos deixaron os exiliados interiores, os que optaron por sobrevivir agochado entre os seus verdugos.

Os avatares políticos que se viviron en Galicia entre 1936 e 1939 deixaron tras de si, un regueiro de historias de heroes anónimos, de loitadores sen tregua cuxos periplos aínda hoxe están no esquecemento. Mergullándonos na historias do exilio atopámonos co “siñor afranio”, un deputado disfrazado de esmoleiro, de criado de labranza, de falso frade...o que concentra as claves e as metáforas dun período tan crucial da historia do país. Foi o pseudónimo que Antón Alonso Ríos empregou para sobrevivir nos duros anos da guerra civil agochado na Terra de Montes.

¿Quen foi Alonso Ríos?
Alonso Ríos (Silleda, 1887-1980) foi un idealista loitador a prol do labrego marxinado nos duros anos da emigración, do labor da educación e dun interese liberador do home galego. Este fillo de labregos estudou maxisterio en Santiago, carreira que lle permitiu ser nomeado logo profesor auxiliar. Con a penas vinte anos colleu o camiño da emigración, xa trazado polos seus irmáns, onde fixo visible a súa preocupación pola calidade do ensino nas escolas creadas polos emigrantes, e defendeu a idea de que estes centros funcionasen nun réxime de federación baixo programas comúns con profesorado escollido.

Pero as súas ideas aperturistas e de marcado corte social, non só afectaron ao ambiente académico, senón tamén a un idealismo inusitado arredor da figura do labrego marxinado. Concibiu plans para a forestación das terras, plans de traballo nas industrias derivadas, así como buscou solucións para lacras do agro galego como o caciquismo,o minifundio ou a opresión fiscal.

Coa proclamación da II República no 1931, Alonso Ríos Volveu a Galicia desenvolvendo no noso país unha intensa carreira política en favor da República, ao mesmo tempo que desenvolvía o seu traballo de profesor en Tomiño. Foi a nova cara e voz do agrarismo galego e un dos impulsores do Estatuto galego que debía ser sometido a referendo o 26 de xuño de 1936.

De toda a súa actividade política quedou constancia a través dos artigos publicados nos xornais e revistas de Arxentina (durante a súa primeira etapa de emigrante) e de Galicia. Nas primeiras colaborou en “El despertar gallego”, “Galicia” e “Crítica”, mentres que aquí fíxoo de xeito moi intenso en “El Pueblo Gallego”. Ademais da súa faceta de columnista, publicou dous libros “Co pensamento na patria galega” (Bos Aires, 1942) e “A cultura galega na súa dimensión americán” (Bos Aires, 1961). Houbo un terceiro libro moito máis persoal, “O Siñor afranio. Ou como me rispei das gadoupas da morte”, de carácter autobiográfico no que Alonso Ríos conta como se converteu no Siñor Afranio desde o 26 de xullo de 1936 ata primeiros de xuño de 1939.

¿Quen foi o Señor afranio?
O Siñor Afranio foi o nome co que Alonso Río se autobautizou para convivir durante a guerra civil por Galicia sen ser descuberto. Asumiu a identidade dun naturalista brasileiro nado en Lisboa que andou polos camiños pedindo esmola desde que morrera seu pai. Co seu aspecto deteriorado pola fame e a dura vida de fuxitivo no monte, nin os seus coñecidos, nin os verdugos que tiñan posto prezo á súa cabeza o recoñeceron. Amparado no seu disfrazo vagou polas aldeas de Galicia cun único obxectivo: conseguir fuxir con vida.

Durante os tres anos que durou a guerra civil o “Siñor Afranio” foi un mendigo, traballou nas colleitas, foi criado da casa e mesmo chegou a facer dun frade. Foi a picaresca da súa vida para conseguir sobrevivir ao tempo que foi vendo como os seus amigos e compañeiros foron apresados, torturados e asasinados.

Cando finalmente consegue saír por Portugal, vai ata a Marrocos desde onde parte no barco “Lipari” ata Bos Aires, onde é recibidio como un símbolo e trunfo da resistencia. Unha vez alí, o “siñor Afranio” convértese outra vez en Alonso Ríos e traballará con xente como Castelao ou Suárez Picallo, na defensa de Galicia. En 1944 os únicos deputados galeguistas refuxiados en América (é dicir, Alonso Ríos, Castelao, Elpidio Villaverde e Suárez Picallo) fundan en Montevideo o “Consello de Galiza”, cuxa presidencia ocupará Alonso Ríos á morte de Castelao.

Durante os últimos anos da súa vida, Alonso Ríos continuou participando activamente en todas as actividades patrióticas da colectividade e, tal e como afirma Lois Pérez Leira na Enciclopedia da Emigración “coa súa morte desaparecerá a última expresión da representación patriótica dos galegos emigrados”.