Xerais reúne nunha antoloxía trilingüe os poetas galegos de década dos 90

De última xeración

"A tribo das baleas". Un título que agocha unha selección da última xeración poética das letras galegas. Escritores máis ou menos novos que comezaron a acadar resonancia durante a década dos noventa agora reunidos por Helena González, profesora de galego na Universidade de Barcelona, para Edicións Xerais nunha antoloxía que pretende rechar fronteiras ó saír nunha edición trilingüe en galego, inglés e español. A edición daa antoloxía abre o debate sobre quen forma realmente esta xeración.






Característica


Os poetas antologados son seis homes e sete mulleres, nacidos entre 1955 e 1977. O criteiro empregado por Helena González para decidir que formaba parte desta colectánea non foi a idade, senón o ano de edición de obras e o afán rupturista e anovador dos autores.
Segundo Helena González, os autores esollidos "abren novos camiños" e teñen o valor de "romper cos dogmas e renovar os mitos da identidade galega" fronte á xeración dos oitenta "con máis obrigas históricas".
O título da obra é debedor do poemario "Baleas e baleas", publicado por Luisa Castro en 1988 e que constiuíu un dos puntos de arranque da poesía dos noventa.
Outra das características que Helena González sinala desta xeración é a creación "dun discurso poético, claramente feminino" común a todas as escritoras presentes na antoloxía con idependencia da súa idade.












Seis homes e sete mulleres


Seis homes e sete mulleres son os poetas incluídos nesta antoloxía. Trátase de nomes que comezaron a darse a coñecer durante a última década e que van consolidando a súa posición no panorama das nosas letras.
Así, atopamos a Fran Alonso, Rafa Villar, Antón Lopo, Estevo Creus, Miro Vilar e Xabier Cordal como os principais poetas masculinos dos últimos dez anos.
Mentres, Ana Romaní, Enma Couceiro, María do Cebreiro, Chus Pato, Anxos Romeo, Olga Novo e Helena de Carlos son as poetas presentes no volume.
Segundo sinala o poeta e crítico literario Vicente Araguas nun artigo publicado en "O Correo Galego", chama a atención desta antoloxía a ausencia de autoras tan destacadas nos últimos anos coma Lupe Gómez ou Iolanda Castaño









Edición trilingüe


A antoloxía preséntase dentro da colección Ablativo Absoluto de Xerais nunha edición en galego, español e inglés que, segundo Helena González é a primeira destas características no noso sistema literario.
Con esta edición, a encargada da escolma sinala que pretenden "tirar abaixo as fronteiras" e facer chegar fóra de Galicia autores que doutro xeito tardarían anos en ser traducidos.
Logo de presentarse na Universidade de Santa Bárbara, o volume chega hoxe a Compostela cun recital que se realizará ás oito desta tarde no café Airas Nunes.