Os espectáculos de formato medio protagonizan unha Feira do teatro cun máis foros e actividades paralelas

Unha semana para todo un ano

A Feira do teatro chega ao seu ecuador. A maior parte dos programadores xa están na cidade de Santiago e a xente do sector enfróntanse a un dos eventos máis importantes que teñen ao ano. Durante cinco días, cinco escenarios de toda a cidade concentran as obras que se verán nos teatros e auditorios do país, e nalgúns do estado, durante todo un ano. Estar é tan importante para as compañías que sempre hai roces. Pasen e vexan.

Facer un sumatorio de cifras para falar do teatro non ten moito aquel. Máis que nada porque no teatro o que vale, o que importa, o que vende, en resumidas contas, é a calidade do que se fai encima das táboas. Nese camiño, no de mellorar os espectáculos, están todas as compañías seleccionadas conseguindo espectáculos máis logrados e con maior calidade escénica. De feito, o director da Feira do Teatro, Víctor López Carbajales apunta que “hai un maior esforzo por parte de todas as compañías en presentar producións de formato medio ou medio-grande. Hai un tempo que as compañías fixeron formatos de dúas ou tres persoas, e mesmo monólogos dun único actor, pero pouco a pouco hai unha recuperación deses formatos medios. Este ano vese claramente Matarile ten doce actores, Áncora seis ou Atlántico cinco”. Un exemplo do traballo co que as compañías se preparan cada ano e que logo presentan á feira.

Coa feira xa encarrilada o seu director considera que “a acollida este ano é bastante boa”. Entre os dous primeiros días, xa chegaron ao espectáculo uns 150 programadores dos 215 que está previsto que asistan. E non só iso, “a verdade é que onde están os espazos escénicos estanse a cumprir os horarios, non hai atrasos e as funcións están saíndo ben”.

Nivel de vendas
O director da feira asume claramente que “é unha feira estrictamente para profesionais e programadores”, é dicir, o obxectivo final é conseguir un maior número de vendas e unha maior proxección dos espectáculos galegos. Sen embargo, hai quen aproveita este evento para ver teatro a baixo prezo (as entradas custan 3 euros por cada función). “Como hai douscentos inscritos”, asegura Víctor López, “hai funcións para as que é imposible abrir espectáculos para o público en xeral”. Por iso haberá que agardar a que as funcións sexan contratadas para formar parte das rede galega de teatros e auditorios ou para calquera das establecidas no estado (a vasca –SAREA- a madrileña, a catalana...) para poder ver as súas propostas.

Á parte do que se vende internamente, do que forma parte da propia dinámica do mercado, hai unha serie de eventos nos que a participación galega xa está asegurada. Forman parte dun programa inaugurado por Víctor López Carbajales desde a súa chegada á Feira do teatro o ano pasado. O proxecto pretende asinar convenios con outras feiras, centros ou redes para conseguir unha maior promoción das compañías galegas. E o resultado non foi nada malo. Dentro das actividades paralelas á exhibición, o IGAEM presenta estes días unha serie de convenios que aseguran a presenza do teatro galego noutros eventos. Tal e como nos comenta o director, catro compañías estará na Fira de Teatre al Carrer de Tárrega (en Lleida), unha en Baleares, outra en Euskadi e outra en Madrid. Unha forma de promover o teatro que tivo moi boa acollida por parte das compañías, que terán que traducir os seus espectáculos para asistir a outras zonas do estado. Agora ben, a presenza das compañías galegas noutras feiras do estado, implica tamén unha contrapartida que é que outras compañías de fóra estean na feira de teatro galego. Un feito que se nota no cartel que conta con 18 compañías galegas e 8 de fóra.

As críticas
Nunca chove a gusto de todos, e cando se trata dun evento tan importante como este, menos. O ano pasado Uvegá teatro, este Talía Teatro, unha compañía que no último ano presentou 117 funcións de teatro infantil, quedaron fóra da feira que organiza o IGAEM. Unha decisión nada popular e que ten dúas visións diferentes. Artur Trillo, de Talía Teatro, asegura que “hai quince días recibimos unha chamada persoal do director para asegurar que non estabamos na feira porque cría pouco conveniente, entre outros motivos, porque era un espectáculo que presentamos a semana pasada”. Un feito que nin confirma nin desmente o director da feira, que asegura que non responderá na prensa a estes comentarios.

En todo caso, Talía atopou este ano unha fórmula para dar saída ao seu problema que para Artur Trillo, “é unha inxustiza”. Estiveron á porta das representacións teatrais e repartiron octavillas artesanais feitas por eles entre os programadores para que asistiran ao programa paralelo que montaron no colexio Peleteiro. Ata o domigo, Talía Teatro organizará o seu off (nome que se lle dá aos programas paralelos) a partir das 12:15 e no que representarán catro das súas montaxes: “Mundos contados”, “Bicos con lingua”, “Menos lobos” e “Eu asino só”. O propio Trillo asegura que “non se pode comprobar a cantidade de funcións que se perden por non estar na feira este ano, o que máis nos doe é a deconsideración da compañía, porque supón non ter en conta o teatro infantil que as programacións dos concellos están demandado”.

Mirando cada adiante
Coa experiencia dunha única feira, con media edición aínda por desenvolverse, Víctor López Carbajales, toma nota de todas as críticas e feitos que se sucederon nos dous anos que leva de mandato. Asegura que “o primeiro que tivemos que conseguir é que fose un proxecto estable, para o que era preciso unha certa continuidade do equipo organizativo, ademais dun aumento de programadores e do nivel que se presente. E iso xa se conseguiu”. O seu empeño derivou na creación de múltiples seccións paralelas que servisen de foros de debate e de diálogos que actuasen como puntos de encontro entre todas as partes implicadas e que permitisen que sexa, máis que unha feira, unha festa do teatro.