Un estudo realizado por Socialia revela o destacado crecemento do terceiro sector en Galicia

A importancia do terceiro

O asociacionismo revélase coma un cauce cada vez máis estendido de participación na sociedade. Coincidindo coas tendencias dos países máis desenvolvidos, en Galicia o chamado terceiro sector rexistra nos últimos anos un forte crecemento. Socialia, entidade creada pola Obra Social Caixa Galicia para apoiar este ámbito, presentaba recentemente o primeiro estudo sobre a situación do asociacionismo en Galicia.

A percepción habitual sobre o asociacionismo en Galicia é a dun campo dominado polo minifundismo e por unha escasa profesionalización. No entanto, non foi ata finais do pasado mes de xaneiro cando se coñeceron os primeiros datos fiables sobre esta realidade. Socialia, a entidade creada pola Obra Social Caixa Galicia para fortalecer este ámbito, presentaba o día vinte e un dese mes o primeiro estudo sobre o denominado terceiro sector en Galicia.. Esta análise revela un panorama activo e dinámico, que precisa no entanto acabar de definir o seu papel na sociedade. Esta investigación foi dirixida por Víctor Pérez, catedrático de Socioloxía da Universidade Complutense, e para a súa elaboración consultáronse 2.492 colectivos de toda Galicia entre asociacións, fundacións e entidades relixiosas. Deles finalmente foron 671 os contestaron o cuestionario que se lles remitiu. "En Galicia non tíñamos ata o de agora ningún estudo sobre o conxunto do terceiro sector. Pola primeira vez imos ter datos cuantitativos e cualitativos sobre este ámbito", explica Sabela Couceiro, responsable de Socialia.org.

Mocidade
Un dos primeiros datos que destaca este estudo, é que dúas terceiras partes das entidades deste tipo que existen no país creáronse a partir de 1990. Ademais compróbase unha aceleración no ritmo de nacemento destes colectivos, xa que ata unha cuarta parte dos que contabiliza a análise naceron no último lustro. O informe destaca que este non é un risco exclusivo de Galicia, senón que é "unha tendencia xeneralizada que indica a transformación das relacións entre estado e sociedade civil nas sociedades avanzadas". A pesar do prometedor que semella este panorama, o propio estudo sinala que a pouca experiencia implica unha maior informalización dos grupos e reverte a miúdo nunha maior mortalidade das asociacións novas. A excepción á escasa idade xeral destas entidades son as asociacións de tipo relixioso, das que ata un 86% naceron antes de 1980 e a máis da metade son anteriores a 1941. En xeral, segundo explica Couceiro,"os datos que imos coñecendo amosan que a tendencia é similar á doutras comunidades autónomas en España".

As diferencias
Canda a idade, esta análise revela grandes diferenzas entre asociacións, fundacións e entidades relixiosas, fundamentalmente a nivel económico. Así, mentres un 40% das asociacións teñen uns ingresos anuais que roldan os 6.000€, o 80% das fundacións e das entidades relixiosas ingresan cada ano máis de 30.000€. O estudo salienta, de calquera xeito, que na maior parte dos casos de produce unha alta dependencia do financiamento público a través de subsidios e convenios. Isto provoca moitas veces problemas de organización polos longos prazos de pago e o xeito en que isto condiciona a realización de actividades. En relación con isto compróbase que o voluntariado é a base humana sobre a que se sustenta maioritariamente o traballo das asociacións, mentres son as fundacións e as entidades relixiosas as que teñen máis persoal contratado e profesionalizan a súa xestión.

Ámbitos de actuación
A acción social e a prestación de servizos sociais son os ámbitos de actuación dun 40% das entidades consultadas. Case a metade da asociación e un terzo das fundacións con obxectivos deste tipo dedícanse á asistencia a persoas con minusvalías e enfermidades, o que se manifesta coma unha das peculiaridades do noso país neste ámbito. "Entre as particularidades de Galicia está a importancia do sector asociativo dedicado a discapacidades, é o que o que conta con máis organizacións e está máis estruturado. Tamén é particular que o asociacionismo vencellado á terceira idade é mais feble que noutros lugares", apunta Couceiro. Os outros grandes temas que mobilizan deste xeito a xente no noso país son a cultura e a educación, que aparecen como razón de ser de case a terceira parte das asociacións e das entidades relixiosas e dun 38% das fundacións.

Detrás do estudo
A entidade que promoveu a realización deste estudo, Socialia, naceu hai tres anos coma un programa da Obra Social Caixa Galicia para fortalecer o tecido asociativo. "Coa elaboración do novo plan estrataxico no ano 2000, viuse a necesidade de abordar novas liñas, e entre isto estaba a necesidade de pasar da atención individualizada a unha acción coordinada co terceiro sector, co que a Obra Social colabora desde sempre", explica Couceiro. "Comezamos coa posta en marcha dun portal, que nos pareceu o máis axeitado para chegar ao conxunto do sector. Isto foise complementando con actividades formativas". A resposta das asociacións galegas a esta iniciativa foi moi positivo, "a día de hoxe temos 842 entidades inscritas en socialia.org, e ao mes incorpóranse unhas vinte ou trinta", apunta a responsable do proxecto, que destaca alén diso que "cada vez máis a participación é maior á hora de enviarnos noticias, demandas de voluntariado ou consultas". "Coa posta en marcha da investigación pareceunos un momento moi propicio para facer un encontro presencial". Este I Foro Socialia, que se organizou en colaboración con diferentes entidades do terceiro sector, concentrou en Compostela entre o vinte e un e o vinte e dous de xaneiro a cento oitenta participantes que analizaron en diferentes obradoiros o panorama.

Desde dentro
A análise que os propios colectivos realizaron sobre a situación do sector neste foro revela algunhas das carencias e obxectivos do asociacionismo galego. Coincidindo co informe, esta análise sinala a excesiva dependencia do financiamento público e a necesidade de buscar novas fontes de ingresos. Por outro lado, saliéntase unha situación de minifundismo sectorial e unha grande debilidade á hora de estruturar redes de colaboración entre colectivos. Tamén se tratou neste encontro o papel das organizacións sen ánimo de lucro coma prestadoras á sociedade duns servizos que non son cubertos polo Estado. A busca dunha mellor xestión de calidade como obxectivo, a reclamación de participar no deseño de políticas que afecten ao sector e a necesidade de definir as funcións e os dereitos deste tipo de entidades no conxunto da sociedade foron outros dos temas que representantes do terceiro sector galego trataron neste encontro.

En adiante
Logo de dúas iniciativas pioneiras como foron o foro e a publicación do informe, Socialia continúa o seu traballo. "Estamos aínda na fase de elaborar un pouco máis as conclusións que saíron do foro, e despois pensamos difundilas e ver que novas propostas xorden a partir delas", destaca Couceiro. Para o vindeiro mes de marzo presentarase o novo plan formativo para o sector que prepara este programa, e antes do verán agárdase que estea a disposición do público o texto íntegro do estudo sobre este sector. E é que as asociacións amósanse cada vez máis coma unha parte da sociedade que se fai máis forte que reclama o seu papel.