Xanela da Cultura organiza o I Certame Galego de Poemas en SMS

Mensaxes poéticas

A revolución na comunicación que supuxo o sistema de mensaxes a móbiles (SMS) dá un paso máis no noso país coa chegada da poesía neste formato. Xanela da Cultura vén de convocar o primeiro de certame de poemas deste tipo, que só poderán ter un máximo de cento sesenta caracteres. Tamén estes días se están a celebrar as Jornadas da Língua da Coruña, no marco das cales se presentou onte ó público a Associação Galega de Escritores.

Poemas móbiles




Poemas de ata cento sesenta caracteres poderán enviarse ó 620 976 379 e participar no I Certame Galego de Poemas SMS Xanela da Cultura, organizado por este portal de Internet. Os poemas poderán enviarse nun período de quince días contados a partir do 28 deste mes, e serán avaliados por un xurado presidido por Fran Alonso e composto polos poetas Ana Romaní, Concha Pino e Kiko Neves, e polo secretario da Fundación Observatorio Urbano do Eixo Atlántico José Ramón Ojea. Os internautas, pola súa banda, poderán escoller os seus poemas favoritos en Xanela da Cultura, e mediante os seus votos outorgarase o premio popular. Durante o desenvolvemento do concurso tamén se publicarán na páxina microrrelatos no mesmo formato a cargo de Santiago Jaureguizar, Xavier Queipo, Xurxo Borrazás, Camilo Franco, Rosa Aneiros, Ramón Caride Ogando, Anxos Sumai, Xosé Carlos Caneiro ou Quico Cadaval entre moitos outros. Os poemas finalistas e os microrrelatos serán publicados en papel nun volume realizado por Edicións Xerais de Galicia.












Jornadas e Escritores



Desde o luns vense celebrando na Coruña as Jornadas da Língua, coorganizdas polo Movimento de Defesa da Língua, Expressão Sonora, Grei Gentalha e a Associação Galega de Escritores. Precisamente esta asociación presentouse ó público na tarde de onte durante o desenvolvemento das xornadas. A Associação, que a pesar de non ter sido presentada leva xa dous anos en funcionamento, pretende acadar o recoñecemento dos escritores galegos que escriban en portugués e facilitar a súa comunicación cos países de língua oficial portuguesa. O cargo de presentación correu a cargo de Celso Álvarez Cáccamo e de Alfredo Ferreiro Salgueiro. Logo do acto celebrouse unha mesa redonda sobre "O âmbito lingüístico-literario na Galiza: reflexões desde a dissidência", na que tamén participou João Guisám Seixas. Para hoxe está previsto que Nelsom Leite, do Partido Socialista Unificado dos Trabalhadores do Brasil realice unha análise sobre a situación do seu país. A xornada de mañá estará dedicada á linguaxe non discriminatoria coincidindo coa celebración do Día do Orgullo Gai e Lésbico. Para o venres haberá unha proxección de diapositivas sobre Cabo Verde e un concerto a cargo do cantautor Rui David. O sábado celebrarase un campeonato de futbol non competitivo e para o domingo prevese unha xornada de convivencia no parque de Santa Margarida.