Vintedous relatores analizarán a Otero Pedrayo en Ourense

Xornadas de aprendizaxe

O Centro Cultural Simeón da Cidade das Burgas acolle os días vintedous e vintetres deste mes unhas xornadas na que analizará a figura de Otero Pedrayo. Vintedous relatores abordarán os máis diversos aspectos deste histórico da cultura galega. Tamén esta semana Compostela acollerá un curso sobre estratexias de normalización lingüística organizado por CTNL (Coordinadora de Traballadores de Normalización Lingüística). Pola súa banda, esta fin de semana o val de Lóuzara lembrou a un dos seus poetas máis destacados, Fiz Vergara Vilariño, con diferentes actos de homenaxe.







Otero Pedrayo



A Dirección Xeral de Promoción Cultural organiza para esta semana as Xornadas sobre Otero Pedrayo que se desenvolven en Ourense os días vintedous e vintetres. Entre os vientdouse relatores que se achegarán á cidade para aportar a súa visión sobre o Patriarca das letras, atopamos especialistas en ámbitos dan diversos coma a Literatura, a Historia ou a Xeografía entre outros. A apertura das xornadas irá a cargo do catedrático de Historia Xosé Ramón Barreiro Fernández, que dará paso ós arquitectos Iago Seara e César Portela. Tamén na primeira xornada Francisco Javier Río Barja tratará a teoría da paisaxe de Otero Pedrayo, e Enrique Bande Rodríguez tratará a relixiosidade do homenaxado. O primeiro día destas xornadas rematará coa conferencias de Juan Luís Saco Cid sobre "Don Ramón mestre na aula" e de Ramón Villares, que tratará a figura de Otero coma historiador. O peche das xornadas irá a cargo de Basilio Losada coa conferencia "O ensaio histórico sobre a cultura galega no seu tempo e no noso". O prazo de inscripción remata hoxe mesmo, e pode realizarse na Dirección Xeral de Promoción Cultural da Xunta.













Normalización



A Coordinadora de Traballadores de Normalización Lingüística organiza para os días vintedous, vintetres e vintenove deste mes o curso "Deseño e implementación de campañas de normalización lingüística". Con este curso preténdese facilitar ós axentes normalizadores as ferramentes e coñecementas axeitadas para desenvolver o seu labor. O programa trata áreas que van desde a análise da filosofía de actuación ata a determinación de obxectivos, análise de recursos, desenvolvemento da campaña e avaliación do proceso. O encontro celebrarase na Facultade de Filoloxía da Universidade de Santiago, e a inscrición custa oito mil pesetas, que se reducirá a cinco mil para parados e estudiantes.













O poeta Fiz Vergara Vilariño recibiu recentemente unha homenaxe dos seus paisanos de Sarria e do val de Lóuzara cando falta pouco para cumprírense os catro anos da súa morte. A homenaxe incluíu, ademais dun xantar de confraternidade, a descoberta dunha placa en memoria do autor no cemiterio de Santalla de Lóuzara. Tamén se aproveitou a ocasión para presentar o sábado o poemario "Pedinche luz prestada", de Marica Campos, que gañou o primeiro certame convocado co nome do poeta. Vergara Vilariño publicou obras coma "Nos eidos da bremanza", que acadou o Premio da Crítica de Galicia en 1990 ou "Orfo de ti en terra adentro" entre outras.