O calendario "O Gaiteiro de Lugo" mantén unhas vendas de dez mil exemplares anuais a case século e medio do seu nacemento

Relixioso, profético, astronómico, recreativo, patriótico, popular e barato

Naceu vencellado ao Rexurdimento. Acompaña os labregos do noso país desde 1857. As predicións, os chistes, as lúas e as datas da feiras acompañan textos dos máis destacados autores do país nunha publicación que saíu integramente en galego ao longo de todo o franquismo. Formando parte de xeito discreto e continuado da cultura do noso país, "O Gaiteiro de Lugo" mantense vivo e vizoso.

s calendarios agrícolas son un tipo de publicación que pode resultar ben curioso para quen non está vencellado ao agro. Trátase duns calendarios anuais que achegan unha completa información sobre as lúas, as mareas, os santoral, as feiras e os períodos máis axeitados para as diferentes tarefas agrícolas. Onda a esta información, adoitan achegarse chistes, refráns e textos tirados da literatura popular e culta, onda prognósticos meteorolóxicos e previsións para o ano. Aínda que o máis coñecido en todo o Estado é o "Calendario Zaragozano", nado en 1840, o noso país conta cunha máis que digna e histórica representación neste campo. O máis antigo (vai para os 150 anos) e coñecido é o "Gaiteiro de Lugo".

O nacemento
O Gaiteiro de Lugo naceu en realidade co nome "Calendario Gallego" xa en 1857 grazas ao traballo do impresor e activista cultural Manuel Soto Freire. Onda este publicaba outros almanaques de maior tamaño, para os que contou coa colaboración dalgúns dos nomes máis destacados do noso Rexurdimento, e a mesma Rosalía de Castro chegou a publicar neste primeiro Gaiteiro. En 1889 o proxecto pasou a mans de Xerardo Castro e logo ás do seu fillo, que continuaron a numeración e estilo do anterior. Non sería ata 1927 cando a cabeceira recollería denominación popular motivada polo gaiteiro (dous en anos bisestos) que adornaba a contraportada da publicación xa desde 1862. Foi nesta época cando se produciu a galeguización máis intensa desta publicación. A nosa lingua pasou de empregarse unicamente nas colaboracións literarias a estenderse a outras seccións, ata que en 1936, e por iniciativa de Filgueira Valverde, se produciu a galeguización completa do "Gaiteiro", segundo recolle a "Gran Enciclopedia Gallega". O noso idioma mantívose desde entón como exclusivo para todos os contidos.

Resumo da Historia
A mediados do século XX "O Gaiteiro" chegou a publicar máis de cincuenta mil exemplares que chegaban mesmo a zonas de Asturias, León e Zamora, normalmente a través de vendedores ambulantes. Ao longo da súa historia achegou abondosa información sobre os novos xeitos de cultivo e reflectiu abondosos feitos de actualidade, incluíndo na sección "Xuízo do Ano" composicións satíricas sobre o que se agarda nos seguintes doce meses e incluíndo a miúdo referencias sobre o acontecido nos anteriores. Segundo recolle o falecido sacerdote Nicanor Rielo Carballo no seu artigo "O Gaiteiro de Lugo. Un calendario único en Galicia", a composición que presenta o ano 1938 pódense ler referencias á Guerra Civil, e en 1955 menciónanse os "pratos voadores" tan en voga naqueles tempos.


Tradición literaria
Aínda que a tradición no Gaiteiro é que a maior parte dos contidos sexan anónimos, ao longo da historia non faltaron colaboracións coma os de Antonio Noriega Varela, Lence Santar, Crecente Vega, Díaz Jácome, algún dos irmáns Álvarez Blázquez, Uxío Novoneira ou Álvaro Cunqueiro. Filgueira Valverde realizou unha continuada colaboración ocupándose de seccións coma "Notas vellas" ou "Xentiña pouco agradecida", logo de desbotar a idea de lanzar un calendario semellante de Pontevedra en 1930. O profesor Filgueira tamén abordaba cuestións de edafoloxía e achegaba, co asesoramento de Ramón María Aller, as predicións astronómicas. Igualmente foi responsable de introducir abondosos textos de literatura galega dos máis diversos autores, desde Cabanillas a Pondal ou Curros Enríquez. Foi en 1957 cando, ao facerse os cen anos do Gaiteiro, este galeguista deixou a súa colaboración. Pouco despois o xornal "La Región" adquiría a cabeceira e seguía a publicación, desde 1964 ata 1973, continuando a lista de autores destacados dos que aparecían textos, con nomes coma López Ferreiro, Manuel Lugrís ou o mesmísimo Castelao.

Travesía do deserto e rexurdir
É a partir deste cando se produciu o máis longo período sen que este calendario saíse á luz. En 1996 a publicación voltaba á vida, logo dalgúns anos desaparecida, por iniciativa do presidente da Deputación de Lugo Francisco Cacharro, que apuntou á comisión de cultura deste organismo a necesidade de recuperar a histórica cabeceira. Logo de chegar a un acordo co propietario dos dereitos, Serafín Núñez Ramos, este organismo retomaba a edición. Segundo explica Juan Carlos Fernández Porteiro, responsable do Servizo de Publicacións, "tírase unha media de dez mil exemplares" que saen xa no mes de agosto e que se distribúen mediante o tradicional sistema dos vendedores ambulantes. "Póñense á venda e son os vendedores fundamentalmente os que adquiren. Tamén se envía a aquelas librarías que o solicitan". Na actualidade o prezo de venda ao público do Gaiteiro son tres euros. "Pódese dicir que é o supervendas da Deputación, está a ter unha aceptación tremenda. O noventa por cento distribúese pola venda ambulante, e estamos reeditando constantemente porque se continúa a solicitar", asegura Fernández Porteiro.

Manter a tradición
Nesta nova xeira, o "Gaiteiro" continúa a manter o seu mesmo formato e practicamente contidos, "no deseño non lle tocamos, queremos respectar integramente o que era o gaiteiro de sempre, tanto en formato como en contido", explica Fernández Porteiro. Os textos manteñen o estilo histórico do calendario, que segue a ser "Relixioso, profético, astronómico, recreativo, patriótico, popular e barato", segundo a súa propia portada, e que continúa a se elaborar de xeito anónimo. Como novidade, inclúe un completo libro de mareas. "Antes non se publicaba, é unha idea completamente diferenciadora, xa que queremos que cubra tamén o sector pesqueiro. Somos a primeira publicación que tiramos os datos sobre mareas de practicamente toda España" asegura o encargado da súa publicación. Polo momento, como se pode comprobar, o "Gaiteiro” ten o futuro, polo momento asegurado, e unha vitalidade que ben poden envexar moitas publicacións máis novas.

O misterio do Gaiteiro, e outras historias
O descoñecemento destes calendarios é moi grande entre a cultura oficial, sendo os datos máis completos localizados o xa mencionado artigo que Nicanor Rielo publicaba en 1998 na revista "Lucensia. Miscelánea de Cultura e Investigación" (número 16, volume VIII), e a entrada sobre esta publicación existente na Gran Enciclopedia Galega, redactada posiblemente por Filgueira Valverde, segundo indica Rielo. Alén desta histórica publicación, cara aos anos sesenta outros dous calendarios semellantes que axiña conseguiron un grande éxito lanzáronse a competir co "Gaiteiro", manténdose vivos tamén ata o día de hoxe. Trátase de "O Mintireiro Verdadeiro", que puxo a andar no ano sesenta o sacerdote José Regadío desde Palas de Rei, e do "Almanaque Agrícola ZZ" publicado pola empresa Zeltia Agraria e as súas sucesoras, tamén grandes descoñecidas sobre os que hai moito que contar.