Diversas institucións recuperan a memoria literaria e humana de Eduardo Blanco Amor

Un futuro branco para Eduardo

Eduardo Blanco Amor foi un dos escritores máis vitalistas e universais das nosas letras. 25 anos despois do seu pasamento, diferentes institucións reivindican a súa memoria como icona da modernidade cultural e da loita contra a marxinación pola diferenza. Ourense hai dúas semanas e o vindeiro sábado Bos Aires acollen actos que exaltan a súa relevancia na literatura galega.

“Blanco Amor, que non gustou de ser apreixado nin pola súa vida nin pola súa obra, crea nas súas narracións personaxes estandartes da liberdade que superan con moito o prosaísmo da realidade cotiá”, así define ao escritor Pilar Rus Gascón, autora do libro “Imaxe do mundo en Eduardo Blanco Amor”. A propia vida de Eduardo Blanco Amor supera moitas veces a esta realidade: escritor, fotógrafo, xornalista, conferenciante...Agora cúmprense 25 anos do seu pasamento.

Na busca do tempo perdido

Este sábado a Consellaría de Emigración organiza unha homenaxe adicada a Blanco Amor en Bos Aires. Os actos, que se celebrarán no Teatro Castelao do Centro Galego, consistirán no descubrimento dunha placa conmemorativa e dúas conferencias. Afonso Vázquez-Monxardín fará un percorrido visual e sonoro pola vida e obra do escritor a través das fotografías tomadas polo propio Blanco Amor ou por outros e rematando pola escoita da voz do autor recitando os poemas galegos de Lorca no mesmo teatro. Víctor F. Freixanes disertará tamén sobre a súa vida e obra e Aurelio Miras, Conselleiro de Emigración, pechará o acto.

Non foi o único nesta pequena fervenza de homenaxes. Xa con anterioridade, o 2 de decembro o Pen Clube celebrara un emotivo acto en Ourense para conmemorar a súa morte, introducindo novos factores, ata agora nada habituais, na cultura galega, como a reivindicación da homosexualidade de Eduardo Blanco Amor. No acto, o profesor Xosé Manuel Valcárcel "condenou a homofobia e defendeu a liberdade sexual, non só desde a literatura, senón tamén nas súas intervencións públicas".

Peza sen encaixar

Sen embargo, Eduardo Blanco Amor “foi un home a destempo”, indica Luís González Tosar, Presidente do Pen Clube de Galicia. Sobre este autor pesaron lousas: “Eduardo Blanco Amor non foi recoñecido nin en vida, nin tampouco agora cando o tempo xa pasou. En vida foi a circunstancia dun escritor que lle tocou atravesar un tempo no cal non encaixaba. Non encaixaba porque era un home independente, republicano, galeguista e homosexual”, advirte Tosar. Blanco Amor vivía aquí e acolá, sen ser dun sitio nin doutro, deste grupo ou daquel. Nacera nunha familia modesta –a diferenza de moitos colegas procedentes da burguesía- en Ourense, formárase de xeito autodidacta, emigrou a Bos Aires con 23 anos e retornou dúas veces en Galicia para manter o contacto. Alternou coa xeración do 27, da que sempre se considerou parte, pero este grupo de creadores en lingua castelá nunca o integrou como tal. “Eran moi refractarios a un escritor que tamén cultivaba a súa lingua materna”, sinala Tosar.

Nin nun lado nin no outro. En 1959 decide presentarse ao público galego e escribe esa sorte de ‘trainspotting’ á galega que é ‘A Esmorga’. A obra non superou a censura franquista e rematou por ser editada en Bos Aires con grande éxito. A súa seguinte obra en galego, ‘Os medos’, desapareceu queimada polo autor despois dun ataque de ira. E a súa versión en castelán, ‘Los Miedos’, finalista do Premio Nadal, foi publicada pola editorial Destino , segundo escribe Valentín Paz Andrade no volume colectivo ‘Eduardo Blanco Amor: Letra, terra e liberdade’ (A Nosa Terra, 1993). A censura prohibiu calquera tipo de mención pública do libro, condenándoo así ao anonimato. Esas foron as magoadas cartas de presentación de Blanco Amor na súa volta a Galicia. A súa inserción no pequeno mundo cultural galego era difícil: “Blanco Amor é un maldito. Cando el chega en 1965 en Galicia, os papeis estaban xa moi repartidos”, afirma Vázquez Monxardín, “Cada un tiña unha cousa aquí xa. El non asumía con moita tranquilidade o de ocupar un papel secundario nese panorama cultural. Tamén lle pasou a outros retornados, como Lorenzo Varela”.

A esmorga universal

Sen embargo, a súa influencia na literatura galega foi decisiva, a partir desa viaxe etílica e alucinada pola noite de Ourense que é A Esmorga. Para Luís G. Tosar, “a novela galega nace á literatura universal coa Esmorga, porque todo o anterior estaba inzado de ruralismo e tópicos, de literatura que quere ser e non pode. A Esmorga é a primeira novela coa que nós colocamos á altura de calquera outra literatura europea”. ¿Influiría niso a vocación cosmopolita de Blanco Amor? O autor caracterizouse polas súas numerosas viaxes e a curiosidade continua polas xentes, as paisaxes e os costumes. Os seus artigos publicados en La Nación –o prestixioso diario de Bos Aires- sobre Chile, recompilados en ‘Chile a la Vista’ (Galaxia, 2003), acadaron unha considerábel sona na Arxentina e en Chile. O efervescente ambiente cultural do Bos Aires dos anos 30 e 40 tamén influíu na súa visión ampla da literatura e o mundo. “A Esmorga”, conclúe Vázquez Monxardín, “é unha gran novela porque podía estar escrita en galego ou en chinés”.

No ano 1993 Blanco Amor foi homenaxeado co Día das Letras Galegas. Era o primeiro recoñecemento a este autor, que agora vive unha segunda época dourada de homenaxes. O Pen Club, segundo Luís G. Tosar, teno bastante claro: “Tódolos anos, arredor da data do 1 de decembro, imos homenaxear a Eduardo Blanco Amor porque non ten patronatos nin fundacións nin persoeiros que promovan o seu nome”.

Todo para reclamar o espazo no imaxinario colectivo do país de Eduardo Blanco Amor, un teimudo vitalista.