Saen novos números de "Dorna" e de "Grial" e un poemario sobre Ourense

Revistas e poemas

Dúas veterás publicacións culturais galegas como son "Dorna. Expresión Poética Galega" e "Grial" veñen de presentar os seus últimos números. Mentres en Ourense o Concello presenta unha colectánea de poemas sobre a cidade escritos polos máis diversos autores.


Dorna



Coincidindo coa celebración do Día das Letras saíu do prelo o número vintesete da revista "Dorna. Expresión Poética Galega". Neste número da revista, editada polo Servicio de Publicacións da Universidade de Santiago, inclúense poemas de Xavier Campos López, Ramón Caride Ogando, Xosé Díaz, Xosé Fernández Ferreiro, María Lado, Xavier Lama, Franck Meyer, Emma Pedreira, Xavier Queipo, Fran Alonso e Xavier Lama entre outros. Ademais, pódese ler unha entrevista a Chus Pato e, na sección "Voces de fóra", un artigo de T.S. Eliot sobre a creación poética e varios poemas do poeta hindú Rajvinder Singh. A nivel de crítica literaria atopamos, entre outros artigos, unha interesante recopilacións de sitios web sobre literatura galega realizada por María Xesús Nogueira.











Grial



O último número da revista "Grial", publicada pola Editorial Galaxia presentouse onte en Compostela baixo o título "Sobre a sociedade da cultura". Segundo Xan Bouzada Fernández, neste número reúnense algúns dos creadores máis relevantes en socioloxía da cultura a nivel internacional. Entre eles atopáse Gaëtan Tremblay, que realiza unha análise do "papel emerxente, diverso e polivalente da cultura". Outros autores destacados son Antonio Ariño Villaroya e o propio Bouzada, que analizan a cultura tradicional na sociedade actual e as políticas culturais en España, respectivamente.









Ourense en verso

O Concello de Ourense vén de presentar dentro da súa colección "Auria" o título "A cidade na voz dos seus poetas". Este volume, coordinado por Marcos Valcárcel consiste nunha escolma de case cen poemas dedicados á cidade. A condición posta por Valcárcel para incluir un poema na antoloxía é que no poema aparecese o nome da cidade ou algún dos seus pseudónimos literarios, ou ben que os versos tivesen unha nidia inspiración ourensá. Os autores que podemos atopar van desde Curros Enríquez ou Lamas Carvajal a Manuel Outeiriño ou Chus Pato, pasando por Xosé Carlos Caneiro, Manuel María, Fernández Naval ou Bieito Iglesias entre outros.