"La Voz de Galicia" recolle nunha colección corenta títulos de autores galegos que publicaron en castelán

Voces en castelán

Despois de vender arredor de seis millóns de exemplares das obras máis representativas da literatura galega, La Voz de Galicia recunca agora vendendo canda ao xornal corenta títulos de autores galegos que escribiron en castelán. Unha panorámica que vai desde o século XIX até a actualidade e que o xornal considera un complemento básico para a biblioteca de calquera persoa interesada pola cultura do país.

É sabido que desde a Idade Media foron moitos os autores nados en Galicia que empregaron a súa arte para maior gloria das letras castelás. Para alén de nomes internacionalmente recoñecidos, coma Camilo José Cela, Valle-Inclán ou Torrente Ballester, a miúdo nomes asociados á loita pola nosa lingua publicaron algunhas das súas mellores obras no idioma cervantino, a miúdo polas dificultades para publicar en galego. Deste xeito tamén Rosalía de Castro, Eduardo Blanco-Amor, Otero Pedrayo ou Álvaro Cunqueiro achegaron o seu xenio á literatura en castelán.

Unha colección para reunilos a todos
"La Voz de Galicia" acaba de anunciar o lanzamento dunha colección de libros que se venderán acompañando o xornal por un euro e medio e que recollen corenta destes títulos escritos en castelán por autores galegos. A intención da Biblioteca Gallega de Autores en Castellano é completar, coa Biblioteca Galega 120, unha panorámica sobre a literatura realizada por autores nados en Galicia, segundo explica Tucho Calvo, coordinador deste proxecto. "A Biblioteca Galega 120 deu unha ampla panorámica da literatura galega, e agora trátase de reunir a obra de moitos autores que son parte fundamental da literatura en castelán e que naceron en Galicia ou que centraron no país boa parte da súa produción". Na selección inclúense desde obras aínda vivas no mercado, coma o "Querido Corto Maltés" de Susana Fortes ou o clásico "Madera de boj" de Cela, até libros que non se publican desde hai décadas coma "La casa de Lúculo", do xornalista Julio Camba. A nova colección mantén as características de edición da Biblioteca 120, e poderá adquirirse a partir do vindeiro doce de setembro a un euro e medio o exemplar. A tiraxe inicial será de cincuenta mil exemplares para cada libro da colección.

A selección
"Para escoller as obras seguimos o esquema da colección anterior, que foi consultar moitas fontes e ir seleccionando aos poucos", sinala Tucho Calvo. "Facer unha colección deste tipo require sempre negociar con autores, herdeiros dos dereitos, editoriais... e non sempre podes completar a colección que pensas que sería a ideal". Neste sentido, o xornal recoñece ter buscado obras que puidesen ser difíciles de atopar nas librarías. "Nalgún caso, o título seleccionado non é o máis coñecido do autor, por existir unha edición recente do mesmo ou porque é fácil e encontrar", indica La Voz.

Negociacións
Como se pode supor, e ao igual que coa Biblioteca 120, xorde a cuestión de até que punto isto pode supor unha competencia para as editoriais. Sorprendentemente, as negociacións con estas empresas para conseguir os dereitos das obras foron máis sinxelos no caso das obras en galego, a pesar de que a competencia se desenvolve nun mercado menor. "Coa Biblioteca 120 había nas editoras un interese en colaborar coa difusión da cultura galega", explica Tucho Calvo, " sen embargo, coas editoriais de fóra a negociación establécese en termos estritamente económicos", polo que a inclusión de obras aínda no mercado supuxo unhas negociacións máis complexas. "Contamos coa vantaxe de que moitas obras, a pesar da súa enorme transcendencia, están sen editar desde hai moitísimos anos".

Continuidade
Os promotores da iniciativa son conscientes de que na colección non están algúns dos autores máis destacados do noso país "faltan moitos que están na Biblioteca 120 e que non repetimos, mais que poderían estar", recoñece Tucho, que apunta que, "se a acollida fose moi boa, cabería a posibilidade de facer unha segunda parte con outras obras", mais a priori non está prevista a continuación. Polo de agora, e entre outros, poderemos encontrar nos quioscos obras coma "La casa de la Troya" de Pérez Lugin, "Historias e invenciones de Félix Muriel" de Dieste, "La catedral y el niño" de Blanco-Amor, "Flor de santidad" de Valle-Inclán, "Crónica del rey pasmado" de Torrente Ballester, "Los pazos de Ulloa" de Emilia Pardo Bazán, "Vida y fugas de Fanto Fantini" de Cunqueiro, ou un clásico como é "La cocina práctica" de Picadillo, por citar só algunhas das obras máis coñecidas que se inclúen na serie.