As Xociviga cumpren 21 edicións recordando o audiovisual luso e as producións documentais

Audiovisual con acento

Ademais de ser unha forma de entretemento, o audiovisual permite gravar en celuloide o que os ollos non puideron ver. Por iso son os mellores documentos do acontecer histórico. Isto é o que pensou a organización das Xociviga que, cando cumpren 21 edicións dedican unha edición á Revolución dos Cravos e un programa onde os documentais teñen moito protagonismo. Son a memoria viva en oito milímetros.

"Santa Liberdade" (Margarita Ledo, 2004), "Un bosque de Música (Ignacio Vilar, 2004), "Hai motivo" (varios autores, 2004) xunto con "Torre Bela" (Tomas Harlan), "Bom Pobo Portugués (Rui Simones), "Outro País" (Sergio Trefaut) e así até un total de 30 traballos compoñen o prato forte de "Documentalia", a sección sobre a que gravita a 21 edición das Xornadas de Cine e Vídeo de Galicia, as Xociviga. Anxo Santomil, coordinador do evento, comenta que "igual que a curtametraxe, o documental é un xénero no que se fai moita incidencia, que cada vez concentra a máis público e que consideramos como reflexo da realidade".

Espello social
"As Xociviga foron desde o seu inicio un lugar para promover o cinema galego e portugués e nese sentido, mantéñense os mesmos principios que viron nacer a estas xornadas". Así se explica o coordinador dun evento que cumpre 21 anos; un feito que o converte no máis antigo do audiovisual no noso país. E nesta edición preténdese recuperar parte do esplendor que as Xociviga tiveron no seu día. Unha dirección xa apuntada desde o ano pasado, cando o Concello do Carballiño ideara nun ambicioso proxecto que incluía un obradoiro de imaxe impartido por algún coñecido cineasta (entre os nomes que sonaron con forza estaba o de Alejandro Amenábar), no entanto, a achega económica da Consellaría chegou tarde e demasiado pequena e houbo que reestruturar o programa.

"Vímonos, explica o coordinador, obrigados a facer unha partición do programa (houbo dúas xornadas de conferencias e sesións os días 6 e 7 de agosto) e a atrasarnos en relación co que eran as nosas datas habituais, que son sempre a primeira semana de agosto e iso fixo que mudara un pouco o programa". E o cartel final quedou composto por proxecións, mesas sectoriais e exposicións.

Unha homenaxe ao 25 de abril
A revolución dos Cravos cumpriu este 25 de abril 30 anos, e esta efeméride non podía pasar por alto nas Xociviga, que se caracterizaron desde as súas orixes por marcar un fío de conexión entre o que acontecía entre Galicia e Portugal.

Nese sentido as xornadas tiveron dúas sesións de preámbulo na que se lle fixo unha homenaxe a Otelo Saraiva de Carvalho quen, en palabras de Anxo Santomil "foi o verdadeiro cerebro organizador da revolución do 25 de abril" . Otelo Saraiva estivo en Carballiño o venres 6 de abril para falar do suceso que puxo fin á ditadura máis antiga de Europa, acabando ao tempo co último imperio colonial do mundo occidental.

Alén da mesa de debate inaugurouse no Concello unha exposición "O 25 de abril" que exhibe a colección de fotografías que pertence ao "Centro de Documentación da Universidade de Coimbra, e que son instantáneas do que aconteceu ese día.

O programa recolle tamén unha mostra do audiovisual galego (en longametraxes e curtametraxes feitas pola Escola Galega de Cine e pola Escola de Imaxe e Son), portugués, documentalia e as producións das televisións locais.

Recuperando o espírito de diálogo
Á parte do que é son as seccións dedicadas ao cine galego, hai un cine dedicadas ás televisións locais alén das reunións sectoriais na que estarán presentes representantes de festivais de cine de Portugal. Segundo Anxo Santomil "o que se pretende é que haxa un intercambio entre as producións galegas e as portuguesas tanto en Portugal como aquí en Galicia". Ben sendo, unha forma de reunir ás persoas responsabéis para que se poidan coordinar as programacións dos filmes tanto en Galicia como en Portugal.

Alén diso, as Televisións Locais, un fenómeno en auxe, terán aquí un espazo para presentación dos seus proxectos. Estarán Televinte de Chantada, Onda TFV de Coruña con "Un mar de lágrimas", Televigo con "De cabo a cabo" e Canal 7 con "Fado". Son as mesas sectoriais que servirán de termómetro para medir a temperatura das producións do audiovisual.

Mirando cara o futuro
O ano pasado o Concello do Carballiño acariñara con ilusión a posibilidade de que se constituíra un Padroado que garantise o futuro destas xornadas. A idea, coordinada por Anxo Santomil, caeu no esquecemento ao "non contar coa implicación das institucións que deberían de estar alí e que son a Consellaría de Cultura e a Deputación". Máis tarde, pensouse en que se poderían inaugurar vías de colaboración co outro evento do audiovisual importante que se producía na provincia de Ourense, o Festival de Cinema Independente. "Até o de agora non se produciron, e nós non temos noticias ningunha de que isto se produza, mais en parte porque a Consellaría de Cultura debería de facer de intermediario", explica Anxo Santomil a este respecto. De momento, a vía de permanencia do evento segue en mans do Concello, aínda que cada vez máis pretende concorrer ao financiamento privado.