Allariz transformou unha vella fábrica de curtidos nun dos puntais turísticos da vila ao crear o Museo do Coiro

Darlle a volta ao coiro

Unha vila rural, un río abandonado unha fábrica de curtidos obsoleta e en ruínas. O panorama é habitual en moitos dos lugares do noso país, sen que a priori se vexan moitas alternativas para este tipo de contorno. Sen embargo, en Allariz o que semellaba un destino ineludíbel transformouse nun puntal de atracción turística coa recuperación do río Arnoia e a construción dun parque etnográfico no que sobresae o Museo do Coiro.

O ano 1989 foi movido no concello de Allariz. Discrepancias entre os veciños e o alcalde motivaron meses de intensas mobilizacións populares que acabaron depondo ao rexedor e provocando unha mudanza de goberno. Entre as principais reivindicacións dos veciños estaba a recuperación do Río Arnoia ao seu paso polo lugar. "Para a xente de Allariz o río é a arteria e o símbolo do concello", explica a actual concelleira de cultura Pilar Gallego. "O feito de ver o río feito un sumidoiro e en estado e abandono foi a pinga que colmou o vaso". Alén da contaminación das augas, as ribeiras estaban cubertas de mato e en lugares coma o actual parque infantil podía verse un vertedoiro de entullo, e non existían planes para recuperar este contorno.

A historia do coiro
Non é de estrañar que ante esta situación, e atendendo ás reivindicacións veciñais, unha das prioridades do novo goberno fose arranxar a situación do curso fluvial. "A partir de 1990 comezou o proceso de recuperación do río, e o primeiro paso foi a recuperación dos muíños e da fábrica de coiro", explica Gallego. A fábrica estaba daquela totalmente en ruínas, como moitas outras situadas no concello. "O coiro era o sector máis importante no concello a comezos do século XX", sinala a concelleira. Esta industria substituíra á que se baseaba no anteriormente no liño, e mantívose, onda a cerámica, coma a principal actividade da vila até os anos cincuenta, chegando a existir corenta fábricas dedicadas a esta actividade, que non tardaron en esmorecer logo desta época.
O edificio no que se sitúa o museo, a antiga Fábrica de Curtidos Familia Nogueiras, é orixinal do século XVIII e supón, segundo informa Helena Rodríguez, responsábel dos museos de Allariz, o máis completo exemplo de arquitectura dedicada a esta fin que se conserva en Galicia. Logo de ser adquirido polo concello, procedeuse a unha completa recuperación do lugar, realizada integramente con materiais tradicionais e que respecta a configuración orixinal do edificio, con pequenas modificacións para o adaptar á súa nova función museística.

Actualidade do museo
O museo ofrece na actividade a posibilidade de coñecer polo miúdo o proceso de
fabricación do coiro, amosando xa na súa distribución arquitectónica arredor dun patio as tres fases principais do tratamento das peles: o lavadoiro, a mudanza e a acaba. Cada un destes procesos está explicado de xeito detallado a través de diferente paneis informativos. No proceso de rehabilitación decidiuse complementar a información dedicada ao proceso de fabricación do coiro coa instalación no lugar dun taller de zapateiro que, aínda que non estaba situado orixinalmente no conxunto, permite coñecer unha profesión intimamente relacionada con este material. O material etnográfico presente no museo conseguiuse en boa medida grazas ás doazóns de veciños, que se completaron con adquisicións do concello e con elementos que aínda se conservaban na fábrica. No lugar, un artesán traballa e vende pezas de coiro alén de amosar aos interesados as diferentes salas, e de xeito periódico organiza cursos e actividades para dar a coñecer este traballo. O edificio acolle tamén puntualmente concertos e outros espectáculos e actividades no seu patio e alberga en réxime de concesión un pequeno estabelecemento hostaleiro.

Contexto do museo
A rehabilitación deste espazo é só unha parte do proxecto que recuperou completamente o río Arnoia para a cidadanía. Unha praia fluvial, a recuperación dunha fábrica de liño e do Muíño do Burato, todos eles situados mesmo ao carón da vila, alén do saneamento da auga e a mellora do contorno conseguiron facer do río un lugar idílico. Os tres espazos restaurados, onda o Centro de Documentación etnográfica de Vilanova e o Museo Galego do Xoguete conforman o Parque Etnográfico do Río Arnoia, integrado na Rede de Museos de Allariz. Cada un destes lugares conta con cadanseu empregado que explica os diferentes procesos e contidos dos centros.

Proxectos
Entre os proxectos máis inmediatos para este museo está a realización, este mesmo verán, dun curso de iniciación na artesanía do coiro para rapaces. A medio prazo, queren continuar a dinamización do lugar programando diferentes actividades. Ademais "temos pensado incorporar novas tecnoloxías, coma proxeccións de vídeo ou ordenadores que permitan unha maior interacción dos visitantes co museo e plasmar mellor a información que recollemos sobre o lugar". Dun xeito máis global, acábase de rehabilitar un novo muíño á beira do Arnoia así coma outra fábrica de coiro na zona de Vilanova, co que a corporación fecha polo de agora o proceso de recuperación de edificios históricos vencellados ao río.