Falece en Ourense Antón Tovar, o poeta do pesimismo

Cando eu morra

Na madrugada do mércores finaba en Ourense Antón Tovar, o poeta do pesimismo, do íntimo e do cotiá. Aínda que empezou a publicar a súa poesía en castelán pouco a pouco foi virando cara o galego, lingua na que acadou a súa dimensión poética máis plena. Tovar deixa un legado de pesimismo, desexo de trascendencia, misterio relixioso, un sentido tráxico da existencia e tamén da rebeldía ante as miserias do mundo.

A última aparición pública de Antón Tovar foi o pasado 11 de xuño, nunha homenaxe que o Recreativo de Ourense lle brindou para conmemorar a reedición do que foi o seu primeiro libro "O tren e as cousas" (Ourense, 1960). Naquel encontro o poeta, moi debilitado aos seus case 83 anos por un problema respiratorio, dixo de si mesmo que non estaba de acordo con nada: nin coa sociedade, ni cos amos nin coa igrexa... Un feito que complementou noutra ocasión dicindo que tiña da "vida un concepto realista, é dicir, pesimista". E esta foi a súa filosofía, a súa esencia que plasmou na súa poética.

A lingua
Iniciouse na lírica de xeito serodio, con case corenta anos e fíxoo con "O tren e as cousas" que publicou en castelán e polo que obtivo o premio "Marina" da Poesía. Ao que lle seguiron "O ladrido" (1961) e "A lanzada" (1964), obra na que xa inclúe tres poemas en galego. Foi con esta obra cando Antón comeza toda unha evolución interior marcada polo cambio lingüístico, nun reencontro co galego. Un tema que se converteu nunha preocupación que mesmo chegaría a confesar no poema "Lingua que rexeitaron os meus pais"; e un tema sobre o que volvería máis tarde con "Calados esconxuros", no que edita unha serie de poemas dedicados á defensa do idioma.

Foi en 1960 cando obtivo o primeiro e o terceiro premio de poesía nos "Jogos Florais" de Guimarães cos poemas "O Can" e "Responso saudoso para don Henrique o Navegante". Poemas que forman parte do seu primeiro poemario en galego "Arredores" (Vigo, 1962) e ao que lle segue "Non" (Ourense, 1967). Dous volumes dos que a crítica evidenciou a escaseza de recursos lingüísticos pero unha sinceridade e autenticidade do sentimento poético.

Cultivou tamén o ensaio, xénero co que acadou en 1966 o premio Amor Ruibal pola obra Xoán XXIII e a Terra, publicado na "Hoja del Lunes de Orense" Dous anos máis tarde coñeceu, "nas praias de Martín Códax", a Tucha coa que casou e que lle serviu de alento para escribir sobre o amor. No ano 1973 viaxou até México con Celso Emilio e Méndez Ferrín, convidados polo Goberno daquel país para participar na homenaxe a León Felipe. Obtivo, entre outros, o Premio da Crítica de Galicia en 1981 e o Premio Losada Diéguez 1991.

A súa poética
Cunha linguaxe neutra e pobre en recursos estilísticos, Antón Tovar puxo o aceno na profundidade, no silencio, na autenticidade da angustia existencial, na dor e na soiedade, nun "eu" poderoso e auténtico. No entanto na súa "Autopoética, ou o que sexa" o poeta reivindicou a maxia claridade, transparencia e comunicabilidade, cun certo escepticismo polos ismos e as experiencias das vangardas en boga naquel momento. Polo que a crítica lle virou as costas e que lle serviu para reafirmarse xa non só no seu illamento con respecto á poesía do país, senón tamén manter a súa veta pesimista. De todos os xeitos a súa poesía era unha poesía política, no sentido kafkiano, amosando a súa verdade interior e a verdade dos homes do seu tempo.

A terra xoga outro dos papeis nucleares da súa poética. Unha terra plasmada tanto na súa casa natal "A casa da Pereira" da que gustaba de falar en "Arredores" ou en "Berros", coma no ámbito urbano. É Ourense, a cidade na que viviu ate o seu último día, un dos reflexos íntimos da súa expresión lírica e da que se poden encontrar trazos coma o río, a Ponte Vella e as festas populares.

Mais a poesía desempeñou tamén en Tovar unha vía de escape, de catarse e mesmo de psicanálise sobre o amor (que entende na dualidade sol e néboa, como a ventá aberta e a morte...), a vida e a morte. De feito o autor espella o seu pensamento nos seus versos do que saíron dous volumes a modo de confidencia "Diario sen datas" (1987) e "Diario íntimo dun vello revoltado" (2001).

O legado
Conta Xesús Alonso Montero nun artigo sobre o escritor que hai uns meses Antón Tovar foi entrevistado por Xosé Manuel del Caño quen obtivo material para publicar un libro de "Conversas" que en breve editará Galaxia. Será pois este texto o seu testamento definitivo, a súa última palabra. E esta tarde o seu corpo será incinerado e a súas cinzas quedarán depositadas no panteón familiar do cemiterio ourensá de San Francisco nunha cerimonia civil. Tal e como era o desexo deste comunista e poeta de vocación.