Nos últimos meses estanse a dar a coñecer diferentes iniciativas que buscan normalizar o noso idioma fóra de Galicia

A normalización que vén de fóra

Nos últimos meses as noticias sucédense. O galego podería ser recoñecido na Unión Europea, no Senado, na Administración de Xustiza, no Parlamento. Toda unha serie de empregos que até o de agora non se abordaban aínda que son unha vella arela dos defensores da lingua. Unha modalidade de normalización que pasou moitos anos paralizada, semella botar a andar agora a grande velocidade.

Aínda que o galego é en principio lingua cooficial no Estado, na práctica as posibilidades de empregalo nas relacións coa Administración Central estaban até o de agora altamente limitadas. A busca dunha cooficialidade práctica real, na que os galegofalantes puidesen relacionarse co Estado totalmente no noso idioma é unha reivindicación de moitos cidadáns da autonomías cunha lingua propia. "Non deixa de ser paradoxal que o único lugar onde se dan adiantos e debates de relevancia sobre a normalización da lingua sexa na Administración Periférica do Estado e non na Autonómica", sinala o presidente da Mesa pola Normalización Lingüística, Carlos Callón.

Senado
Neste sentido, o pasado día vinte e cinco de maio o Senado aprobaba unha moción presentada polo BNG, o PNV e CiU pola que se procuraba un maior recoñecemento das linguas cooficiais en diferentes ámbitos. Por unha banda, apoiouse a modificación do regulamento da Cámara Alta para permitir que os senadores poidan intervir nela empregando calquera das linguas oficiais do Estado. No mesmo sentido, a Cámara acordou reclamarlle ao Goberno o cumprimento do Real decreto sobre Imaxe Institucional de 1999 que estabelecía que o Estado debe empregar todas as linguas oficiais en campañas, material gráfico e documental, webs e servizos da Administración Central. Esta iniciativa inclúe tamén a redacción nos diferentes idiomas de documentos tales coma os pasaportes, unha vella reivindicación.

Unión Europea
Nesta mesma solicitude incluíase a cuestión da presenza do galego, o catalán e o vasco na Unión Europea. Esta proposta fora xa apuntada polo Goberno Central, que anunciou que tentaría incluír na futura Constitución Europea un parágrafo no que se permitise "o uso de calquera outra lingua que os Estados membros determinen entre aquelas que gocen de recoñecemento oficial en todo ou parte do territorio". Esta proposta afectaría unicamente ás relacións dos cidadáns cos órganos da UE mais non convertería a nosa nunha lingua de traballo da Unión. Deste calquera xeito, obrigaría á tradución de diferentes documentos ao galego. Sen embargo, a oposición de Francia a incluír unha proposta deste tipo no futuro texto constitucional europeo impediu polo de agora a aplicación desta proposta. Desde a Mesa advirten, de calquera maneira, que ao seu ver, "a situación do galego, o catalán e o vasco non é a mesma na Unión Europea. Nós queremos que se recoñeza o galego como o falamos aquí" explica Callón, "mais temos a potencialidade do portugués, debese empregar o feito de seren do mesmo sistema lingüístico, de seren a mesma lingua, para proxectarnos internacionalmente". E anuncia que esta organización vai enviar unha carta aos eurodeputados das diferentes listas solicitando que empreguen esta lingua, "como vimos reivindicando desde os anos noventa. Tamén queremos que a institucións galegas se dirixan ás institucións europeas en portugués, non hai por que empregar o castelán". De calquera maneira, desde colectivo sinalan que, aínda que Francia non se opuxese a esta iniciativa, "a oficialidade plena na UE só se conseguiría se as linguas cooficiais estivesen recollidas na Constitución Española coma oficiais en todo o Estado ou se Galicia contase cun Estado Propio, que non é o caso".

Novas frontes
Aínda ao comezar xuño aparecía unha nova fronte na normalización das linguas cooficiais ao reclamar os parlamentarios de Esquerra Republicana de Catalunya o dereito a empregar o catalán no Congreso dos Deputados. Desde entón, diferentes partidos manifestáronse a favor de modificar o regulamento da Cámara Baixa no mesmo sentido que o do Senado para permitir esta cuestión. Tamén foi no Congreso onde se debateu a toma de consideración dunha proposición de Lei achegada desde o Parlamento de Cataluña pola que se solicitaba a oficialización total das linguas autonómicas na aplicación da Xustiza. A proposta reclama que sexa obrigatorio o coñecemento da lingua dunha Comunidade Autónoma para conseguir unha praza de funcionario na Administración de Xustiza na mesma. Ademais contempla a desaparición do castelán coma lingua habitual deste ámbito e quere estabelecer que os procesos se desenvolvan por defecto na lingua de cada Comunidade, a non ser que o xuíz e os participantes acorden empregar o castelán. Tamén prevé a tradución de todas as actuacións xudiciais ás diferentes linguas cooficiais.

Cervantes para todos
A toma de posesión, o pasado un de xuño, do novo director do Instituto Cervantes, o coruñés César Antonio Molina, deu tamén novos azos aos defensores da normalización do noso idioma a nivel estatal. Neste acto, Molina defendeu que "España é un país lingüisticamente plural e o Instituto esforzarase na etapa que hoxe comeza en dar a coñecer esta riqueza lingüística e as súas respectivas creacións culturais". Neste sentido amosouse disposto a apoiar as diferentes iniciativas que se lle propuxesen ao centro para dar a coñecer as linguas peninsulares. Na actualidade o Instituto Cervantes só dá clases de galego en París.

Arelas pendentes
A pesar dos grandes avances que está a ver a nosa lingua no exterior, quedan campos aínda por cubrir. "A primeira institución que se debería preocupar de potenciar o galego no exterior é a Xunta. Sería importante que abrise embaixadas culturais nos países da lusofonía, iso é algo que está dentro da administración vixente", reclama o presidente da Mesa. "Hai moitos lugares de emigración de galegos e galegas, histórica e recente, que debería ter máis cursos de galego para que os emigrantes poidan manter o vencello coa nosa lingua e coa nosa cultura". O pasado día cinco aparecía aínda unha nova proposta. A Organización polo Multilingüísmo reclamaba que a Casa Real adoptase as catro linguas oficiais do estado nas súas aparicións públicas, así coma nas súas visitas as diferentes comunidades con lingua propia e nas súas participacións en eventos internacionais. Do mesmo xeito, reclaman o emprego de todas as linguas nos documentos e webs desta institución, e que se estenda ese emprego a moedas e selos. As posibilidades de normalización non deixan de se expandir.