As administracións públicas coinciden na necesidade de contar co sector privado para definir políticas sobre o libro

A unión fai o libro

As voces son unánimes. A loita por incrementar os índices de lectura e salvar o sector do libro da crise na que semella instalado é unha loita común na que deben participar todos os implicados. Desde diferentes administracións do Estado trabállase neste sentido creando grupos de traballo nos que están representadas as editoras, as librarías as bibliotecas e os distribuidores. O V Congreso de Editores que se celebrou até o pasado quince de maio en Compostela serviu de marco para reflexionar sobre esta cuestión.

A mesa sobre política para a promoción do libro e da lectura que se celebrou na tarde do pasado catorce de maio dentro do V Congreso de Editores amosou claramente que as políticas estatais neste sentido están a buscar un consenso entre os sectores público e privados para potenciar o sector. De feito, a mesa comezou cunha completa análise dos modelos até certo punto contrapostos que seguen neste campo dous países achegados como son Francia e Reino Unido. Hilario Hernández, da Fundación Germán Sánchez Ruipérez, fixo un completo percorrido das políticas públicas sobre o libro nestes dous estados e, deste xeito aclarou que en Francia séguese unha política feita fundamentalmente desde o estado que permitiu unha fonda modernización das bibliotecas nos últimos vinte anos. Pola contra, Hernández revelou que no Reino Unido as políticas de lectura desenvólvense cunha maior integración do estado con diferentes entidades privadas e mesmo organizacións non gobernamentais levan boa parte do peso nas actividades de fomento da lectura.

Eivas e coordinación administrativa
Na mesma mesa, Rogelio Blanco, Director Xeral do Libro do novo goberno, recoñeceu que "son necesarios vinte millóns de libros para nos achegar á cantidade de libros por habitante do norte de Europa e de Escandinavia", xa que a media europea é 1,80 libros por persoas mentres a española non pasa de 1,08. Blanco ofreceuse a acordar coas diferentes administracións autonómicas as medidas que o goberno central vaia desenvolver sobre este campo, e apuntou que en breve haberá unha primeira toma de contacto da propia Ministra de Cultura cos responsábeis das comunidades. O mesmo compromiso de diálogo foi reclamado por Santiago Fisas, Conselleiro da Cultura da Comunidade de Madrid, que apuntou a necesidade de acordos que, alén das administracións, impliquen tamén os diferentes sectores da industria editorial e as bibliotecas, apuntando o que semella ser a tendencia en canto a políticas públicas neste eido.

Os proxectos de Galicia
María do Carmen García Campelo, Directora Xeral de Promoción Cultural da Xunta, aproveitou este encontro para afondar nas medidas que anunciara Manuel Fraga na xornada inaugural e, especialmente, para realizar constantes chamadas ao diálogo e ao entendemento cos editores que conformaban maioritariamente o seu público. A encargada das políticas do libro no Goberno Autonómico apuntou, seguindo na liña do xa anunciado polo presidente e polo conselleiro de Cultura que tamén en Galicia se vai buscar un grande acordo polo libro con editores, libreiros, bibliotecarios e distribuidores que "podería chegar a rango de Lei" tal e como anunciara Fraga. Despois de facer un resumo das actuacións desenvolvidas polo seu departamento, apuntou que "en quince días convocarase a todo o mundo, buscando un novo punto de partida para o sector". Entre as medidas que xa está a barallar o goberno está a creación de xefaturas provinciais de sección para as bibliotecas xa que, segundo García Campelo, no traspaso de transferencias deste sector á Xunta deuse un baleiro de coordinación ao perderen as deputacións as funcións que tiñan neste campo. Tamén referíndose a este sector, a directora xeral anunciou que continúa o traballo de dotar de Internet a totalidade das bibliotecas do país, proxecto para o que se dispón dun orzamento de un millón seiscentos mil euros, así como de completar o proxecto do programa de xestión en rede dos catálogos das bibliotecas. Anunciou ademais a posta en marcha de novos programas de animación á lectura en bibliotecas e centros escolares e reafirmou a intención do goberno de considerar o libro coma sector estratéxico. Alén de convocar unha mesa de diálogo cos representantes dos diferentes sectores implicados, apuntou que haberá un Consello Asesor do Libro que funcionará ao xeito de comisión permanente desa mesa e que contará "cos representantes máis importantes do sector". Alén diso, apuntou que nesta mesa estarán presentes membros da Consellaría de Educación, nun esforzo por conseguir unha maior transversalidade das medidas que se tomen sobre as letras.

A situación avanzada de Andalucía
María Luísa Torán, xerente do Pacto Andaluz polo Libro, amosou un panorama no que propostas semellantes ás achegadas desde a Xunta xa están a funcionar. Torán explicou brevemente o funcionamento do Centro Andaluz da Letras e do Pacto Andaluz polo Libro. Entre os éxitos importantes de cara á promoción do libro apuntou a dotación de Internet e de novos servizos ás bibliotecas da comunidade e as intensas campañas de promoción da lectura que chegan a colectivos de todas as idades e que conta cunha importante presenza en medios coma a televisión autonómica. No entanto, recoñeceu que o Pacto Andaluz polo Libro, que conta coa representación de todos os campos implicados e quere ser "o marco de referencia de todas as accións relacionadas co sector" non conseguiu polo de agora todos os seus obxectivos e "tivo unha traxectoria desigual no cumprimento de compromisos". Neste sentido anunciou que van "reiniciar o contacto cos membros do pacto, concretar as achegas que deben realizar ao mesmo e estabelecer compromisos concretos de actuación" e chamou á "axuda de todas as forzas".

Resumo de intencións
En xeral, todas as intervencións coincidiron en afirmar a necesidade de implicar o sector privado nas políticas para favorecer a lectura e o libro. Aparentemente, e excepto no caso de Andalucía, onde este tipo de políticas xa se están a desenvolver desde hai anos, as administracións presentes na mesa sinalaron que estamos ás portas dunha nova etapa no fomento do libro e da lectura, na que o diálogo ocupará un lugar central e que combinará medidas de apoio á industria cun forte desenvolvemento das bibliotecas e campañas de promoción do libro e da lectura. Haberá que ver os problemas cos que se pode encontrar esta nova perspectiva (algúns deles aparentemente xa apuntados desde a Andalucía) e se realmente se conseguen os obxectivos de facer do Estado unha comunidade de cidadáns lectores.