Os responsábeis e os usuarios das bibliotecas mobilízanse contra o canon por préstamo de libros

A pantasma que percorre os andeis

Unha sombra percorre os andeis habitualmente tranquilos das bibliotecas. A denuncia da UE sobre a incorrecta aplicación dunha directiva de 1992 acaba de tirarlle o po a unha das mais graves ameazas que pesan sobre estes estabelecementos. A posibilidade de que haxa que pagar un canon polos os libros destinados a empréstito público que podería afectar ao orzamento para a compra e difusión da lectura está a mobilizar bibliotecarios e usuarios destes centros de todo o Estado e, por suposto, tamén os galegos.

Foi en 1992 cando, atendendo ás demandas de autores e de editores, a Unión Europea decidiu emitir unha directiva na que se lles indicaba aos estados membros que o préstamo de libros, ao igual que o doutras obras culturais, debería realizarse unicamente co permiso explícito do autor ou pagándolle un canon específico. A mesma directiva estabelecía que á altura de 1994 cada país debería ter desenvolvida a lexislación específica que regulase esta cuestión, e permitía que cada estado crease excepcións á norma e eximise do pago e da lei aquelas institucións que considerase axeitadas. En España fíxose en 1996 unha reforma da Lei da Propiedade Intelectual que aplicaba esa exención a todos os centros públicos e os de interese cultural. O pasado mes de xaneiro coñecíase que Bruxelas iniciaba procedementos contra seis estados, entre eles España, por infrinxir esta directiva, o que trouxo a plena actualidade o debate sobre o pago por préstamo de libros na bibliotecas públicas.

O problema
A posibilidade de que os usuarios teñan que pagar por cada libro que levan en préstamo ou que parte dos orzamentos destinados á adquisición de fondos teñan que desviarse a cubrir este canon está a provocar unha mobilización sen precedentes no mundo das bibliotecas de todo o estado. Mentres o Ministerio de Educación e Ciencia, sinalou que os seus responsábeis manterán xuntanzas coas comunidades autónomas que teñen transferidas as bibliotecas públicas para discutir o tema e chegar a un acordo sobre como enfrontar o expediente. A ausencia dunha postura definida ante a aplicación da directiva desde esta institución levou a que asociacións de bibliotecarios e outros colectivos preocupados pola posíbel aplicación da norma se mobilizasen reclamando a atención da opinión pública.

Diferenzas e difusión
Os bibliotecarios consideran que existen fondas diferenzas entre o caso español e os países que aplican este modelo xa desde mediados do século XX (coma Dinamarca ou Noruega) e mesmo os que comezaron a aplicalo ao abeiro da directiva comunitaria. No Estado só un 20% da poboación emprega as bibliotecas públicas fronte a un 50% de media europea. De aplicarse un modelo coma o francés, no que os autores cobran un euro e medio por cada usuario das bibliotecas, trece dos vinte e catro millóns de euros que se gastan en adquirir novos volumes terían que destinarse a este concepto, segundo o cálculo realizado por Alejandro Carrión, director da biblioteca de Castilla e León. Os defensores da gratuidade dos libros de texto apuntan que as bibliotecas cumpren un destacado papel na difusión da literatura, sinalando que os libros máis prestados son tamén os que máis se venden, e que as persoas que empregan máis as bibliotecas son as que adquiren máis volumes. De imporse o canon o funcionamento dos préstamos "non ía ser o mesmo", sinalan desde a biblioteca do Fórum Metropolitano, "o número de prestamos podería baixar, o préstamo é un servizo público e supoño haberá xente que non queira pagar por el". Esta medida é definida coma "un ataque á un dos principais axentes de difusión da cultura", por Rosa Díaz, directora da Biblioteca Central de Vigo.

Mobilización na Coruña Deste xeito, a rede de bibliotecas municipais da Coruña iniciou unha intensa recollida de sinaturas. Nos dez días que durou esta campaña, un só destes centros, a Biblioteca do Fórum, reuniu catrocentas sinaturas. Os usuarios afectados responderon masivamente a este chamamento, e segundo informa unha das responsábeis deste centro "a xente bota as mans á cabeza, sinalando que era imposible". Os apoios recollidos enviáronse ás Xornadas contra o préstamo de pago en bibliotecas que se celebraron os pasados días vinte e vinte e un de febreiro en Guadalajara. "Polo de agora non temos pensado facer nada máis", sinalan desde o Fórum, á agarda de novas resolucións do colectivo de afectados.

Tamén autores
Non só os bibliotecarios e os usuarios de bibliotecas se están a mover en contra do préstamo de pago. Sen saír de Galicia encontramos un bo feixe de autores que asinan o manifesto contra esta medida. Fran Alonso, Antón Cortizas, Xesús Rábade, Helena Billar, Paula Carballeira, Agustín Fernández Paz, Francisco Fernández Rei, Enma Couceiro, Chus Pato ou Xosé María Álvarez Cáccamo son só algúns dos nomes que figuran nunha longa lista. Mentres, escritoras coma Rosa Aneiros ou Anxos Sumai teñen feito chamamentos desde as súas tribunas neste mesmo portal para apoiar o movemento dos bibliotecarios.

En aberto
O debate continúa aberto. Desde o Centro Español de Dereitos Reprográficos, no que están inscritos autores e editores, deféndese a necesidade de chegar a un acordo que protexa os intereses destes colectivos. O propio director de Xerais, Manuel Bragado, sinala nunha entrevista ao "Faro de Vigo" o catro de marzo que "o canon paréceme xusto para protexer os dereitos dos autores e dos editores", e reclama a necesidade de chegar a un acordo que protexa os intereses de todos os sectores. Desde os colectivos contrarios á medida reclaman que a exención que prevé a directiva comunitaria se aplique a todas as bibliotecas públicas. No entanto, os defensores do canon entenden que unha excepción tan ampla vulneraría de novo o previsto na directiva. Polo de agora non se albisca entre os andeis unha solución satisfactoria para todos os sectores, e a pantasma continúa o seu paseo.