A recuperación de tradicións e a busca de elementos diferenciadores marcan as celebracións do Entroido

O vento tras a máscara

Desde a recuperación da festa do Entroido despois do franquismo, esta celebración veu pasando por diferentes etapas. Nos últimos anos, a recuperación de tradicións case esquecidas e a busca de elementos diferenciadores marcan a festa por todo o país. As gárgolas de Celanova, a recuperación da figura do galo en Poio ou de tradicións coma o domingo de piñata en Marín son bos exemplos do vento que sopra tras as máscaras nos últimos anos.


Os ventos do Entroido sopran desde hai anos nunha dirección clara. Despois da represión do franquismo que fixo case desaparecer a festa, durante os anos oitenta produciuse unha reinvención desta celebración nas cidades que tendía a uniformizar os actos en todos os lugares, imitando modelos foráneos de grande fama coma os carnavais de Tenerife ou do Brasil. Sen embargo, desde a metade dos anos noventa aproximadamente, estase a ver un retorno cada vez maior ás formas tradicionais do Entroido nas aldeas ao tempo que as diferentes vilas e cidades buscan elementos diferenciadores que fagan a súa festa única. O interese por animar os cidadáns a que consideren máis súa a celebración está a motivar unhas iniciativas que xorden tanto dos concellos de como de asociacións de veciños e que se van consolidando ano a ano.

Inventar a tradición
"Celanova non tiña unha tradición de Entroido como a que podía haber en Xinzo ou en Verín". Quen o recoñece é Antonio Piñeiro, técnico de cultura deste concello, que sinala tamén que "aínda que hai constancia da celebración desde hai máis de cen anos non existía unha máscara propia". A presión eclesiástica que supuña para a festa a presenza na zona do mosteiro de San Rosendo foi, segundo Piñeiro, unha das razóns que dificultaron a consolidación de tradicións coma as de zonas próximas. "Na busca de darlle unha identificación propia buscamos no propio mosteiro, xa que existe alí unha riqueza onírica fastuosa", lembra. E alí encontraron as gárgolas que, segundo a lenda local, cobran vida pola noite. A idea era subvertir a función das gárgolas para expulsar auga e facer que durante o Entroido se transformen en personaxes carnais que buscan quen lles invite a un viño.

Espallando gárgolas
No 2002 saían á rúa pola primeira vez sete destas máscaras, realizadas pola artesá Concepción Caride e pintadas polo ilustrador Macaco. Desde aquela, o Concello tentou ir difundindo esta nova tradición entre a poboación, cun éxito crecente. "Esta ano en moitos colexios os nenos están a facer as súas máscaras de gárgolas", sinala Piñeiro, que recoñece que esta iniciativa "puxo Celanova no mapa dos entroidos da provincia, e mesmo espertou máis expectativa fóra que dentro do concello, cunha grande resposta a nivel de medios de comunicación".

O galo vello
En Poio non precisaron inventar unha tradición, o que fixeron foi recuperar e transformar unha antiga festa vencellada ao Entroido que se perdera. Susana Portela, concelleira de Cultura, investigou as orixes e a evolución histórica das tradicións da zona, e descubriu que, ao igual que en moitos outros lugares de toda Europa, en Poio tamén se realizaba desde a Idade Media unha Corrida do Galo. Era esta unha competición na que os mozos da zona competían para matar ou capturar un galo que se colgaba dunha corda ou se puña nunha ola, unha festa que marcaba tradicionalmente a fin do Entroido, e a pesar do paso do tempo mantívose ao longo do tempo até o primeiro terzo do século XX en lugares concretos do concello coma A Seara, O Sartal ou Aríns. Segundo Portela, "esta tradición sobreviviu durante a ditadura, aínda que dun xeito máis sutil. Desapareceu o galo, xa que era un luxo, pero facíase unha piñata sempre rememorando a morte do galo".

Resurrección do galo
Foi nos anos oitenta cando se comezou a recuperar esta tradición, que, pouco a pouco, fora esmorecendo. Foi un grupo de xente nova que se agrupara baixo o lema "Todos contra o lume" quen colleu "a figura do galo propia do Entroido, a corrida e a morte que fechaba a festa. Iso si, un galo simbólico, deseñado e modificado para participar nos desfiles e nas festas", lembra Portela. Deste xeito, o galo estase consolidando coma un símbolo do Entroido en Poio, unha figura que visita as distintas parroquias e encabeza os desfiles, deixando atrás antiga corrida que acababa normalmente coa morte do animal. Pasaron xa case vinte anos desde o primeiro enterro do galo en Samieira, aínda que foi na última década cando a celebración recibiu un especial apoio do Concello, que quere potenciar este símbolo coma "unha particularidade que debe pervivir despois de tantas vicisitudes", sinala Portela. Aínda que recoñece que a peculiaridade deste enterro atrae algúns visitantes foráneos, o máis importante para ela é "que a xente do concello participe nas festas".

A restauración das potas
En Marín a recuperación de elementos tradicionais mesturouse coa "entroidización" da historia da vila para conseguir unhas festas diferenciadas. "En Marín lévamos tres anos coa recuperación do xogo de 'hurrar as olas'", sinala Xosé Vilas, membro da Comisión Borrallenta que organiza as festas nesta vila. Coma noutros lugares de Galicia a tradición era coller as potas vellas da casa, enchelas de borralla e xogar a pasalas nun corro até que alguén lle rompía e tiña que escapar a correr dos outros xogadores. "Que nós saibamos, Marín era o único lugar no que se facía de toda a zona da costa", lembra Vilas. Coa intención de ter unha mascota propia do Entroido, "tiramos dúas personaxes da historia da vila, Dona Urraca, que era a dona de Marín cando esta era un coto, e don Diego, a quen llo doou despois". Estas personaxes, vestidas ao xeito medieval participan en todas as actividades das festas.

Xente e tradicións
Ao enterro da sardiña, recuperado xa durante os anos oitenta, sumouse a celebración, no domingo posterior ao Entroido, do domingo da Piñata, para o que tamén se recolleu a tradición dos bolos de pote, un prato que só se facía durante esta época e que tamén se fora perdendo no tempo. A organización da festa corre por conta da Comisión Borrallenta, na que participan asociacións, comparsas e representantes do concello. Vilas recoñece que nos últimos anos, coa recuperación destas tradicións "hai máis xente participando, sobre todo xente maior no domingo de olas, e tamén os rapaces". Os datos semellan darlle a razón a Susana Portela cando sinala que "durante moitos anos a nosa propia cultura e identidade sufriu unha certa desidia. A xente ten curiosidade unha vez que coñece a historia da festa e iso anímaos a participar, asumíndoo coma algo propio, e iso é un éxito".