Receitas para revivir un entroido (I)

A documentación e a investigación revélanse como claves para recuperar estas tradicións

A documentación e a investigación revélanse como claves para recuperar estas tradicións
Sombreiro do Entroido de Samede. Fotografía de Zenay Studio Fonte: Web do Entroido de Samede.
Ano tras ano, por estas datas, os xornais repiten historias similares. Colectivos, case sempre do rural, recuperan máscaras do seu Entroido tradicional. Non cabe dúbida de que o fenómeno de recreación desta festividade está en auxe, pero non sempre é sinxelo saber por onte comezar. Repasamos, da man dalgunhas das iniciativas que están a traballar neste campo, as claves para pórse mans á obra de voltar á vida as vellas festas.

O proceso de recrear unha festa que, en moitos casos, só queda na memoria dunhas poucas persoas maiores, non é sinxelo. Coñecer o feitío dos traxes tradicionais, os personaxes que se presentaban, o comportamento que desenvolvían cada un, os cantos ou músicas propias da festa ou mesmo os espazos nos que esta transcorría supón un importante esforzo que debe ter en conta toda unha serie de factores.

O entusiasmo
Non é estraño que moitos destes procesos de recuperación comecen cun grupo de persoas que, sabedoras da existencia de festas xa desaparecidas, queiran recuperar a experiencia. Nalgúns casos mesmo é unha única persoa a que turra dunha aldea ou dunha parroquia para abordar un proceso coma este. Dun xeito ou doutro, un ingrediente imprescindible para abordar estas recreacións é o entusiasmo. Tal e como lembra Emi Cagiao, nome fundamental na revivificación do Entroido de Samede (Paderne) "eu inicialmente non tiña interese polo Entroido da aldea. Foi a raíz de falar con xente maior para un traballo de clase do meu fillo que vin o entusiasmo co que falaban desta festa. Puñan tanta paixón que me remexeron o corpo. Cando marchabamos un deles dixo que era pena que ninguén escribise sobre iso. E aí respondín que me encargaba eu". Deste xeito, o que ía ser un traballo de clase pasou a ser unha investigación e todo un libro. "Cada vez que falaba coa veciñanza de máis de noventa anos atopaba aquel mesmo entusiasmo, cando falaban do Entroido acendíaselles algo, contaxiáronme e vin que cumpría investigar isto máis a fondo", explica. Deste xeito, esa capacidade de espertar o interese de persoas que queiran tomar o relevo desta celebración aparece como un punto de partida fundamental para calquera recuperación.

A xente
No entanto, a motivación no abonda por si soa para activar estes procesos. É sabido que o abandono do rural foi unha causa fundamental do declive e desaparición de moitos entroidos, e a actualidade a falta de xente continúa a aparecer como unha das grandes pexas para a recuperación destes ritos. Aínda que en moitas ocasións persoas que viven fóra do lugar voltan para a festa, non sempre a participación é abonda para manter e transmitir unha celebración comunitaria destas características. "A falta da xente nas aldeas é o problema fundamental", apunta Emi Cagiao desde Samede. "Atopamos algunha mocidade nas aldeas pero a moitos non lles interesa o Entroido". De xeito similar se explica Ramón Varela, que desde o colectivo Escola do Alprende está a desenvolver un intenso labor arredor dos Entroidos da comarca de Bergantiños. "É difícil recuperar cousas cando hai pouca xente nova no rural. A xente maior participa, pero quen ten que turrar pola festa é a nova", advirte, a indicar ademais que "hai aínda trinta anos, mesmo cando os homes ían traballar fóra da aldea, quedaban alí as mulleres, os vellos e os nenos. Agora todo o mundo está a medio cabalo doutros sitios, as mulleres tamén traballan fóra e os nenos quedan cos avós ou van á gardería. Aínda que a xente viva na aldea, hai menos relación de comunidade e resulta difícil facelo como se debería".

Participacións especiais
En Ribadavia, a Oficina Municipal de Información Xuvenil está a traballar na recuperación da máscara das botargas, popular na vila a comezos do século XX. O responsable desta entidade, Manuel Araújo sinala que, sen se enfrontar ao mesmo problema de despoboamento que sofren moitas aldeas, tamén en localidades coma esta a implicación social resulta fundamental para o proceso. "O principal é a participación, e nese sentido vexo que o boca a boca é o máis efectivo, mesmo por riba das redes sociais", aconsella á hora de recrutar xente. Ademais das persoas que directamente fagan e leven os traxes, "cómpre involucrar o maior número posible de axentes locais, xa sexan asociacións ou colectivos informais. Iso xera unha curiosidade e un interese fundamental para procurar a continuidade". Ante esa situación, dáse a curiosa circunstancia de que por veces é xente de fóra do lugar a que corre en grande medida con esta recuperación. "O noso Entroido é como a ONU, temos xente da Coruña, de Santa Comba e de todas partes", explica Cagiao desde Samede. Para alén de atopar quen estea disposto a pór as correspondentes máscaras, hai festividades deste tipo que esixen tamén persoal con certa formación para se desenvolver. "Outro problema son os músicos. Na parroquia non os hai e non temos cartos para lle pagar a un gaiteiro e que toque. Ata hoxe conseguimos sempre o apoio da xente dos grupos folclóricos que se ofrecen a colaborar", lembran desde Samede. No caso de Bergantiños, é a propia rede do Alpendre, quen corre coa dinamización sonora das actividades. A celebración de danzas específicas como a muiñeira cruzada, a realización de desafíos ou coplas ou mesmo co manexo de animais como cabalos, fundamentais en Entroidos como o dos Xenerais da Ulla son outras actividades de Entroido que esixen a participación de persoas con certos coñecementos máis ou menos especializados.

Preguntar
O contacto directo coas persoas que poden lembrar o feitío orixinal destas festas desaparecidas é a base de todo proceso de recuperación. "Eu fixen un listado da xente maior que había na aldea e fun casa por casa a facer entrevistas", lembra Emi Cagiao sobre a documentación en Samede. Este traballo, de calquera xeito, non resulta sinxelo. "Cando entrevistas a unha persoa maior, leva tempo que che explique o que queres, porque o que che queren contar é a súa vida, o que fan ou mil historias. Eu tiña vantaxe porque son veciña e me coñecen. Ao final botei un mes, catro ou cinco horas en cada casa a preguntar". No entanto ten claro que "foi unha experiencia que lle recomendo a todo o mundo que faga se ten a oportunidade, xa sexa a falar sobre o Entroido ou con calquera escusa". Para alén das entrevistas, outros métodos de recollida de memoria oral son tamén de interese. "O primeiro ano que fixemos o Entroido decidimos xuntar a toda a xente maior, porque pensamos que dese xeito ían saír máis cousas. Fixémoslles un chocolate e deixamos que falasen entre eles, a compartir as súas lembranzas, foi unha experiencia brutal", recomenda esta investigadora. Tamén no caso do Alprende de Oza as fontes orais foron imprescindibles para documentar o feitío destas festas. "Eu son profesor de baile tradicional, e os que estamos nisto adoitamos ir polas aldeas a recoller música e bailes. Interesábanos o contexto no que se desenvolvían estas manifestacións, entón fixemos unha asociación e comezamos a organizar eventos baseados no ciclo anual para cantar e tocar neles", lembra Ramón Varela. Dentro deste interese "comecei a preguntar polo Entroido e vimos que había moito material, todo un filón". Deste xeito, comprobaron como as figuras de madamas e galáns, están presentes por toda a comarca. "Sabiamos das mascarillas de Cerceda, pero vimos tamén que en Coristanco ou en Sísamo, Carballo, tamén había e foron aparecendo máis referencias, como as mascaritas de Arteixo". Á hora de acceder a informantes, Varela sinala que "ao traballarmos a nivel comarcal resulta máis sinxelo ter unha rede que permite chegar á xente".

Atender as fontes
Varela comparte com Cagiao o consello de traballar estas fontes con atención. "A moita xente fálaslle de Entroido galego e pensa nos peliqueiros. E ao mellor pregúntaslle á túa avoa e facían cousas similares. Pero ata que os empoderas un pouco e lle dis que é interesante non lle dan moito valor. É unha magoa que noutros ámbitos se dea por perdido esta festa cando ao mellor estaba aí hai aínda cincuenta anos e con atopar unha persoa que o fixese xa abonda para o recuperar". Segundo lembra Emi Cagiao, "cando nós recuperamos a muiñeira cruzada, levamos a xente maior para que nos explicasen como era. E había dúas irmás que nos ían corrixir o punto das airas, que se bailaba antes da muiñeira cunha fila de homes e outra de mulleres. E cando nos viron, non se atrevían a nos dicir que o estabamos a facer mal. Houbo que lles insistir para que nos explicasen que as mulleres non lle podiamos dar nunca ás costas aos mozos". Nese sentido, esta investigadora ten clara a importancia de acudir de xeito directo ás fontes. "Os seus fillos e netos, nas mesmas casas, non tiñan nin idea das cousas que contaban os maiores".

A importancia das fotografías
Sendo características fundamentais do Entroido as máscaras e traxes característicos, conseguir imaxes de como eran as vestimentas tradicionais para a festa facilita en grande medida o traballo para recrear estes elementos. E é que os testemuños orais non sempre son sinxelos de interpretar. "A partir do que me dicían os vellos fixen un debuxo, de como eran os sombreiros" que levaban os bonitos na zona. Con este material "tentei facer un modelo e cando conseguín unha foto e vin como eran na realidade descubrín que era moito máis espectacular do que pensara. A miúdo temos a idea de que hai 80 anos todo era máis pobre, pero dentro das súas posibilidades, a xente facía cousas rechamantes". O caso de Samede é, dentro dos Entroidos recuperados recentes, un dos que contaba con máis documentación gráfica. "As familias tiñan fotografías gardadas, e isto non é común. Este Entroido desapareceu nos anos 60, e daquela non era nada habitual que houbese fotografías. Lembro unha casa onde conservaban unha coma un tesouro, gardada nun pano", sinala Cagiao. De xeito curioso, a comunidade desta aldea, no momento no que o seu vello Entroido estaba a se extinguir, tiña xa moi clara a importancia que a imaxe posuía na conservación da tradición. "Cando xa vían que se estaba a rematar, quixeron ir á Coruña para que alguén os gravase en vídeo. Eran conscientes de que o Entroido acababa a ninguén o ía lembrar. Eles levábano no sangue e non querían que se perdese unha festa que lles dera tanta alegría".

A materia do Entroido
Menos habituais aínda que as imaxes son os restos materiais que se conservan dos vellos Entroidos. Mesmo dos máis coñecidos na actualidade, como o de Laza, non sobreviviron moitas máscaras ou traxes ao longo das décadas. O específico do seu uso ou a dificultade da súa conservación levou a que en moitos casos desaparecesen estes elementos da festa. Cando comezou a recuperación en Samede "a xente comezou a achegar cousas que tiñan. Un trouxo a corneta que mercara o seu pai despois da Guerra Civil e que se empregaba para avisar cos seus toques da zona pola que estaba a se desenvolver a festa. Outros recuperaron mantóns que levaban os bonitos". De xeito similar, Ramón Varela lembra o achado dun sombreiro orixinal destes personaxes nunha casa de Coristanco, un modelo que facilitou outras recreacións destes elementos. Deste xeito, cando os membros do Alprende ían recoller información "procuramos levar un sombreiro feito por nós, e a partir del a xente explicaba como os puñan e como os facían". No caso de Ribadavia, a recuperación das botargas contou como modelo cunha recreación previa do traxe, que Francisco González, antigo profesor no IES de Ribadavia interesado por esta tradición, realizara xa nos anos 80.

A bibliografía
Haxa ou non haxa imaxes, e para alén das lembranzas da xente maior, en non poucos Entroidos recuperados resultaron fundamentais as referencias escritas sobre as festas para detonar os procesos de recreación. Así en Ribadavia, a máscara pegada da máscara local quedar apenas en ditos como "ir feito unha botarga" ou "ser unha botarga", polo que a aposta pola recreación tivo que se centrar en diferentes referencias bibliográficas, que resultaron fundamentais para este labor. "Quería facer algo sobre o Entroido e contactei co Museo Etnolóxico de Ribadavia. Alí proporcionáronme diferentes textos sobre a máscara", explica Araújo. O estudo de Frutos Fernández González sobre este personaxe, a mención que fai Eladio González no Dicionario Enciclopédico Galego-Castelán, a de Carlos Ares sobre festividades de inverno da provincia de Ourense ou o estudio de Julio González Montañés sobre Teatro e espectáculos públicos en Galicia compoñen a bibliografía coñecida sobre este personaxe. "González Montañés sinala que ata comezos do século XX era a máis popular da comarca de Ribadavia e doutras de Ourense, que era muda, que vestía quen traxe ridículo chamado quiñola e levaba na man unha vexiga inflada coa que azoutaba os cativos". Este material, ademais desas referencias sobre o comportamento e aspecto do personaxe facilitou tamén "algunhas imaxes de como eran, e indícanse cores concretas para o traxe que nos serviron de inspiración". Hai mesmo casos, como os do Centulos do Entroido pontevedrés, pendentes de recuperación, do que só nos quedan referencias escritas.

Ollar outros entroidos
Algo que está a coller pulo nos procesos de recuperación de Entroidos é a atención outras formas destas tradicións. Encontros como a Mascarada Ibérica Vibomask de Viana e Vilariño, as Xornadas sobre o Entroido en Galicia da Sociedade Galega de Antropoloxía, intercambios con outras localidades ou centros como o Museo Galego de Entroido, poden facilitar un contexto ou novas ideas sobre as funcións e comportamentos dos diferentes personaxes presentes nas festas, iluminar a evolución dos mesmos ou presentar novas cuestións que se poden contemplar nos procesos de recuperación. Desde a perspectiva comarca coa que traballan desde o Alprende, Ramón Varela recoñece que "ao ollar outros entroidos vese tamén a conexión, con variacións". O recurso a persoas que se dedican á investigación desta festa pode mesmo ser fundamental nun proceso deste tipo. Así, por exemplo, no caso de Marcón, en Pontevedra, por exemplo, a revitalización desta tradición contou coa investigación previa que realizou a Sociedade Galega de Antropoloxía.

As funcións do Entroido
Canda á masa mínima de persoas necesarias para unha celebración deste tipo, é de interese tamén comprobar se a celebración ten oco na dinámica local. Nese sentido, Ramón Varela apunta que na súa comarca "nos lugares onde máis se conservou o Entroido penso que foi porque tiña unha función social. Aquí en Rececinde, Coristanco, mantívose porque na festa manifestabase o enfrontamento co lugar de enfronte, había unha rivalidade. No meu caso, e vou facer trinta anos, de pequenos iamos correr o Entroido sen que ninguén nos mandase, e viamos xente maior que tamén ía. Pero os que teñen cinco anos menos xa non foron, perdeuse ese sentido, entraron outras dinámicas", advirte. Dun xeito similar, o recoñecemento destas tradicións fóra da localidade, mediante a asistencia a encontros especializados ou pola atención mediática que pode espertar a festa, aparece como un importante factor de motivación para que as comunidades continúen con el. Canda a isto, factores como a conexión interxeracional, a valorización do coñecemento dos maiores ou o xerar novos espazos para a festa e o encontro poden aparecer como dinámicas motivadoras que se poden aproveitar.

No entanto, contar con recursos humanos e materiais suficientes e ter documentado o xeito no que se desenvolvía non abonda para revitalizar un Entroido. Cómpre ter en conta toda unha serie de recursos e de posibilidades que abordamos nunha vindeira reportaxe.