Receitas para revivir un entroido (II)

A fidelidade, a dificultade de manter prácticas comunitarias ou a transmisión son retos destacados nas recreacións destas festas tradicionais

A fidelidade, a dificultade de manter prácticas comunitarias ou a transmisión son retos destacados nas recreacións destas festas tradicionais
Personaxes do Entroido de Samede. Fotografía de Zenay Studio Fonte: Web do Entroido de Samede.
Alén da recuperación de máscaras e de personaxes concretos, o proceso de revivir un Entroido tradicional obriga a ter en conta toda unha serie de aspectos máis difusos pero non por iso menos importantes. Os comportamentos, as vías de transmisión para que a festa continúe ou o contexto no que se desenvolve a celebración son algúns dos retos aos que se enfrontan as diferentes iniciativas neste campo.

Contar con abonda documentación sobre un vello Entroido e cos recursos necesarios para o revivir non é nin moito menos garantía de que este se poida recuperar. As experiencias de Samede, Bergantiños ou Ribadavia amosan a necesidade de tomar decisións sobre o xeito no que se desenvolve a festa, como actúan os seus protagonistas ou as posibilidades de que continúe nun tempo no que as prácticas comunitarias orixinais mudaron dun modo drástico. A tarefa obriga a xerar complexos equilibrios e consensos para manter vivo todo un patrimonio inmaterial que vai moi para alén de traxes e de máscaras.

A fidelidade
Unha vez documentada unha máscara, á hora de a voltar á vida cómpre decidir ata que punto se aposta por unificar os aspectos de todas as participantes ou, se pola contra, se promove a creatividade das persoas participantes sobre un esquema básico para este elemento icónico. Neste sentido, a perspectiva comarcal coa que traballa Escola do Alprende en Bergantiños permitiulles comprobar a variabilidade que teñen os personaxes tradicionais, tanto en nome como en feitío, entre os diferentes lugares. "Semella que no interior de Ourense as máscaras cristalizaron en determinado momento e ficaron fixadas. Aquí, supoño que pola prohibición do Entroido pasou menos, entón manteñen unha estética xeral común con variacións. Ata acontece que nalgúns lugares púñanlle nome ao personaxe e noutros non", explica Ramón Varela. Deste xeito, o colectivo aposta por trasladar esas variacións ás recreacións actuais dos traxes. "Dentro do rigor e desa estética que muda entre as parroquias, tamén hai un punto no que lle engades algo persoal ao personaxe. Podemos pór un lazo nun ou noutro lugar, temos marxe e adaptámonos ás nosas posibilidades. O que máis muda é o sombreiro. Como se podía facer con papel e catro cousas, era o que resultaba máis barato e máis vistoso". Tamén en Ribadavia seguen a vía de personalizar destes elementos no canto de optar por unha recreación uniforme das máscaras orixinais documentadas, nunha vía que adoptaron tamén os merdeiros de Vigo entre outros personaxes recuperados. "Cada un pode facela como queira a partir desas referencias. Pode levar cornos ou non, pórlle cairos… non se trata de ser rigorosos coas orixinais, senón de facer algo creativo", lembra Manuel Araújo desde a vila do Ribeiro. Noutros casos, como nos entroidos dos xenerais Aríns ou de Cacheiras, a organización optou nos últimos anos por darlle liberdade ás crianzas que compoñen os coros de bonitos para empregar disfraces temáticos nesta actividade. Deste xeito, eliminouse o traxe rexional que se utilizaba desde hai tempo con vistas a facilitar a participación. En Reis, Teo, ou na Estrada, pola súa banda, integráronse personaxes desta celebración tradicional nos correspondentes desfiles de Entroido.

Incorporar intrahistoria dos entroidos
Tanto no caso de Samede como na investigación sobre Bergantiños son moi conscientes das mudanzas que se foron dando ao longo da propia historia da festa, todo un patrimonio inmaterial de anécdotas e feitos históricos que se transmite coa recreación e se incorpora como algo intrínseco á mesma. Así, en Samede, Emi Cagiao lembra que teñen constancia do momento no que comezaron a saír as máscaras infantís, como unha burla dos personaxes dos bonitos. Tamén saben do intre en que se comezou a empregar a corneta para anunciar por onde ía a festa, ou a anécdota que deu pé ao uso de máscaras de vimbios. "Os bonitos foron mudando o seu vestiario ao longo dos anos con diferentes achegas", recoñece, e apunta que, dentro da dinámica propia da festa, tamén "hai que se adaptar aos tempos. Os vixigueiros orixinalmente levaban máscaras feitas coas vexigas do porco, e tamén as levaban nas mans, pero resultaba moi laborioso e deixaron de as facer". De xeito similar, en Bergantiños "tres vellos de diferentes idades poden dicir cousas diferentes sobre como era a festa. Explícanche que ao longo da historia se fixeron as máscaras de diferente maneira. Como tentaban superarse uns a outros, ían mudando os traxes", lembra Ramón Varela. "Os choqueiros que desde hai anos ían cunha funda teñen tamén o seu sentido. Dicíannos que orixinalmente se vestían con sacos de patacas ou farrapos. A funda é unha versión máis moderna, colgabas catro cousas, puñas unha careta calquera e saías. Non importaba o aspecto, importaba o personaxe. Ao recuperalo facémolo tamén con trapos ou tiramos de referencias históricas como un señor de Carballo que unha vez se vestiu cunha funda á que lle pegou palla. É algo que evoluciona".

Contextos para a festa
O rechamante das máscaras tradicionais pode en ocasións embazar outros aspectos dos entroidos tradicionais cando se aborda a recuperación das festas. De xeito crecente, a consciencia de que o Entroido é moito máis do que unha máscara paradigmática faise presente nos procesos de recreación, e non son poucas as celebracións que resucitan personaxes secundarios e prácticas propias da festa. "Cómpre recuperar o contexto, os traxes son moi bonitos, pero empregalos para ir ao concurso de Entroido de Carballo non ten sentido", reivindica Varela desde Bergantiños. "Un traxe tradicional está moi ben e é moi visual, pero sen contexto non vale para nada, e recuperar iso é o máis complicado". Nese sentido a asociación lembra a necesidade de atender toda unha serie de manifestacións que se desenvolvían nesta época. "Antes as celebracións comezaban ata quince día antes", explica. Corridas do galo, que no seu tempo xa se facían con potes de barro a xeito de piñatas, regueifas ou foliadas facían parte destes ritos. Coma estes, desfiles con oficios e vellos, demos, animais, coplas, atranques ou apropósitos, figuras simbólicas e todo tipo de elementos fan parte da festa en diferentes localidades e reclaman o seu lugar nas recuperacións. En Samede, por exemplo, "facíase un teatro cunhas choronas que eran os pais do Policarpio", o boneco que representa a festa na aldea. "Había tamén curas e vellos, anxos, demos que puñan lume nos cornos e coplas de cego que se cantaban nesta época. Tamén nos contaron que facían personaxes como a vaca, coa que ían arando polo medio das casas. Ou armaban un serradoiro e púñanse a serrar o toro dunha árbore na cociña dunha casa. E logo era moi importante o enterro do Policarpio". Dentro destes personaxes "había quen se puña de oso ou de cabra, pero eran personaxes que logo foron desaparecendo", aínda que a máscara do oso recuperouse no novo Entroido local. Coma estas, "quedou moito na lembranza un home que ía de pescador e sentaba coa cana en cada poza do camiño, pero ao mellor saíron unha soa vez ou unhas poucas", apunta Cagiao, quen sinala de novo a dificultade de contar con xente abonda para incluír todos estes elementos na actual festa.

Os comportamentos
En relación a isto, cómpre ter claro se a característica principal dun personaxe é o seu aspecto, e ata que punto este era flexible, ou se pola contra o fundamental resulta o comportamento na súa interacción coa xente. Así, segundo lembra Cagiao, en Samede "os contrarios caracterizábanse, mais que por unha máscara concreta, por facer rir a xente, competían cos bonitos por chamar a atención pero non lle pegaban a ninguén", explica. Arredor destas cuestións "temos unha discusión grande porque a xente vai a outros entroidos e quere imitar o comportamento doutras máscaras. E o importante é representar o papel. Os contrarios teñen a misión de facer rir a xente, e eu non vexo que ninguén dos que os representa consiga iso. Tamén é certo que a xente se fixa máis nas máscaras máis rechamantes", admite. Segundo lembra Varela, "de pequeno só tapabamos a cara a iamos pedir ás casas". Aí era onde se desenvolvía a dinámica da festa. "A xente tentaba saber quen eras, e ti tentabas facerte entender sen falar para que non che descubrisen. Ou sacabas a bailar unha señora e facíaslle contos". Así diferentes personaxes tradicionais se caracterizaban principalmente polas súas actividades durante a festa. "Por aquí había o personaxe do varredoiro, que non levaba a cara tapada e que manchaba a xente coa vasoira da lareira, chea de cisco. Logo dos choqueiros había desde os que andaban con toxos e lle picaban á xente a outros que se tapaban cunha saba branca e manchaban á xente con fariña, como se fosen un muíño", lembra Varela. Encol desta cuestión, advirte que "é máis difícil recuperar a actitude nos propios pais do que nos nenos. Tamén pola dinámica que hai agora de crianza mudou a liberdade que tiñan os rapaces. Eu mesmo ía correr o Entroido de pequeno, e a miña nai, aínda que non lle gustaba, deixábame. Agora é algo impensable".

Facer prácticas de entroidar
Á hora de recuperar ese comportamento propio das festas, no Alprende integran estas propostas nas súas actividades asociativas. "Resulta complicado transmitirllo á xente máis nova porque xa non chegaron a vivilo e é difícil entender o espírito da festa. Eu levei un grupo de pequenos á feira de Carballo en 2021, porque coa pandemia era máis complicado ir polas casas, e fomos facendo bromas e pedindo polos postos. Primeiro fun eu só para lles ensinar como era e logo mandeinos pola feira, á xente fíxolles graza, e ese é o espírito. Agora imos por un lugar da parroquia cada ano na fin de semana do Entroido". En coordinadas similares se desenvolve a recuperación do merdeiro en Vigo, con actividades específicas para introducir as crianzas nas peculiaridades de comportamento deste personaxe. En Ribadavia, este 2023 será a primeira ocasión en que as botargas retornen ás rúas. Farano no marco do desfile de Entroido que organiza a vila, onde levará as tradicionais vexigas e perseguirá as crianzas. "A intención é que comecen a se coñecer, esta é unha primeira semente para a recuperación do personaxe", sinala Araújo. "Involucramos a xente do grupo de percusión Tabaleiros, que van no desfile, para que algúns deles leven o traxe e acompañen os voluntarios que o levarán".

A nova transmisión: Obradoiros
Para alén da transmisión da tradición que se desenvolve de xeito informal dentro das comunidades, moitos entroidos recuperados aproveitan tamén novos medios para se dar a coñecer e recrutar participantes. Os obradoiros para a elaboración de máscaras ou de traxes, para executar as danzas e músicas propias da época ou para aprender a lanzar desafíos aparecen como xeitos destacados de revitalizar as festas. Así, en Ribadavia a recuperación das botargas artéllase mediante unha actividade deste tipo, que se desenvolveron na localidade os días 17 e 18 de febreiro. Neste caso "son basicamente máscaras de demos, facémolas todas iguais, de cor branca e logo píntanse", lembra Araújo. "Precisamos que sexa algo sinxelo, hai que as facer un día, deixalas secar e posteriormente pódenselle engadir elementos como cornos ou bigote". Ao estaren estas máscaras feitas de pasta de papel facilita que calquera persoa poida aprender a elaboralas, unha situación que non se dá en todas as celebracións. De xeito similar, entroidos como o de Celanova coas súas gárgolas, unha máscara moderna que segue o estilo tradicional, optan tamén en 2023 por esta fórmula para garantir a presenza dos seus característicos personaxes nas rúas.

Ensaios
Dentro deste tipo de actividades existen algunhas que esixen unha certa especialización. É o caso das máscaras e dos traxes que precisan de persoas con coñecementos de artesanía específica para se facer. En Ribadavia, un grupo de costureiras da vila encárganse de recrear os traxes da máscara. "É un grupo informal que se reúne cada semana para explorar técnicas de costura", explica Araújo, e que se sumaron a este proceso. En Samede, pola súa banda, a aposta por recrear máscaras de vimbio nalgúns personaxes fai necesaria a colaboración de persoas con nocións deste traballo. De calquera xeito, na tentativa de recuperación apostaron tamén por actividades formativas deste tipo para manter diferentes aspectos da tradición. "Facemos ensaios para a muiñeira cruzada, axudamos se alguén quere facer sombreiros ou máscaras. Os obradoiros para aprender a facer estas cousas custan cartos. Moitas veces non contamos con toda a axuda que nos gustaría, hai que saber solicitar as subvencións, hai moita burocracia e aí coxeamos bastante", lamenta Cagiao, a sinalar unha limitación que enfrontan moitas destas iniciativas.

A nova transmisión: Escolas
Os centros de ensino aparecen como focos fundamentais para transmitira as tradicións a novas xeracións. No ámbito específico do Entroido pódese comprobar en casos como o dos Xenerais da Ulla, que contan con unidades didácticas específicas e actividades para diferentes niveis educativos. Ou no Entroido de Marcón, onde o alumnado viste os traxes tradicionais locais nas súas actividades escolares desta época. De cara ao futuro, en Samede teñen claro que resulta fundamental meter estas festividades tradicionais nos colexios. Segundo sinala Emi Cagiao, é necesario "que se lles inculque aos nenos este costume de se vestir co que haxa, e que non fai falta un disfrace de superheroe. A mellor transmisión é a educación dos pequenos, achegarlles o valor do tradicional e ensinarlles que participar nos Entroidos non é só ir mirar". Tamén por Bergantiños os centros de ensino desempeñan o seu papel na festa. "Os profesores do CRA de Carballo querían facer estas máscaras, e este ano van co alumnado á praza do Concello darlles visibilidade", lembra Ramón Varela. Canda a isto, a aposta pola publicación de libros, páxinas web, conferencias, actividades en redes sociais, vídeos ou fotografías fan parte duns anovados procesos que facilitan a difusión do Entroido tanto dentro da súa comunidade de orixe como fóra desta.

Futuro
Mesmo de logo conseguir documentar e recuperar os elementos desta festa, en Samede teñen claro que a loita por conservar esta tradición non remata. "Encantaríame saber o que se pode facer para meter este vicio, e que a xente nova se sinta orgullosa de termos un Entroido único, que fixo parte da vida dos nosos maiores", explica Cagiao. No caso de Bergantiños, Varela sinala que "a idea sería recuperar a celebración como se facía, con máis duración. Penso que nos vai quedar a tradición de ir a feira, pasámolo moi ben e tamén era tradición que houbese máscaras alí". No caso de Ribadavia, para alén de garantir a continuidade da presenza das botargas nas festas da vila, Araújo ten idea de "facer unha exposición cos traxes e as máscaras elaboradas, a incluír se é posible o traballo de Francisco González" primeiro recuperador da figura, "e darlle continuidade a este proceso".

O fundamental
Segundo conclúe Varela, na nosa tradición "hai un lote de material para quen o queira empregar e facer cousas. É do que se trata, o Entroido non é unha cousa estática. É algo que merece un respecto, como a música e o baile tradicional. Non vas meter cambios que desvirtúen todo o que estás a facer, pero para recuperalo de verdade a xente ten que se apropiar diso, sentir que é tan meu como do vello que o viviu no seu momento. Cómpre tratalo con respecto e ver como se facía pero hai que asumilo como propio". Con estas ideas incide nunha cuestión fundamental para que o Entroido tradicional teña continuidade: cómpre que a sexa divertido.