Unha ferramenta para ollar máis lonxe

culturagalega.gal redeséñase con novas funcionalidades para adaptarse a unha nova Internet e realidade cultural

6/2/2026 | Santiago. Redacción | Seccións: Comunicación
150 lecturas | Compartido 0 veces

Mañá sábado 7 de febreiro hai cento cincuenta anos aparecía en Ourense unha cabeceira que, ao seu xeito, cambiou a historia do país: O Tío Marcos d’a Portela. Promovida por Valentín Lamas Carvajal, foi a primeira publicación periódica en lingua galega e inaugurou un camiño de modernidade para a nosa cultura. É por iso que o 7 de febreiro celebramos cada ano tamén o Día dos Medios en Galego. Quixemos aproveitar a proximidade desta data para remudar culturagalega.gal no visual e no tecnolóxico. Este é o terceiro redeseño da nosa plataforma. culturagalega.gal, nacida en outubro do 2000 no seo do Consello da Cultura Galega, é hoxe o medio dixital en lingua galega máis lonxevo aínda en liña e celebrámolo cun importante cambio de imaxe e novas funcionalidades.

Este terceiro redeseño chega a unha Internet moi distinta de aquela coa que comezamos. No ano 2000 a cultura galega tiña unha presenza moi escasa en Internet e moitas institucións e empresas de comunicación e cultura aínda non se incorporaran con certa solvencia ao mundo dixital. O Consello da Cultura Galega considerou moi relevante abrir un espazo para achegar presenza e visibilidade á cultura e lingua de Galicia. O número de usuarios era escaso, accedía a través de ordenadores de sobremesa e o seu ámbito socioeconómico e xeográfico estaba máis marcado. Só estes datos xa nos fan ver unha realidade ben distinta á actual. Hoxe o ecosistema dixital galego conta con moitos máis contidos, creadores, asociacións, empresas e institucións inclúen sempre, con máis ou menos forza, Internet nas súas iniciativas e os hábitos do consumidor cultural son tamén canalizados por Internet e o consumo a través de dispositivos móbiles e axentes intermedios como as redes sociais. 

 

Centro de recursos estratéxico
O novo redeseño aborda todas estas cuestións a través de varios eixes e partindo da reflexión de cal é o rol que teñer que ocupar as sedes web dos cibermedios nunha época de consumos e usos tan diversos. É por iso que fixemos evolucionar a plataforma para convertela nun espazo máis intelixente, que funcione como un centro de recursos estratéxico para comprender a cultura galega contemporánea. A sede dixital de culturagalega.gal é un espazo agradable para descubrir as novidades da cultura do país e recrearte en grandes historias e ao tempo é unha potente base de datos que permite estender os teus intereses, explorar novos ámbitos temáticos e descubrir persoas, entidades, ideas. 

 

Para iso decidimos construír un núcleo tecnolóxico que explota a enorme cantidade de información publicada polo medio desde outubro de 2000. Son máis de 36.000 noticias publicadas de forma constante e de acordo con criterios xornalísticos e editoriais rigorosos, coherentes e constantes ao longo de máis de vinte cinco anos de información. Queriamos que a nosa información, organizada de novos xeitos, che ofreza a perspectiva do tempo e do espazo, permita descubrir redes persoais e conexións. 

 

Ferramentas para explorar

Algúns exemplos: agora as buscas son case instantáneas e ofrécenche inmediatamente unha panorámica ao redor do que estás buscando. Cada noticia anticípache o que buscas sen necesidade de entrar nela. E no bloque da dereita o sistema comprende os ámbitos persoais, temáticos, de entidades e cronolóxicos do que buscas, permitíndoche refiltrar as buscas para coñecer máis a relación do buscado con entidades ou outras persoas. 

 

E outro exemplo: en cada noticia verás abaixo unha análise temática e de contidos chamada Universo. Ao clicares no botón, accederás a un universo temático no que estendemos esa noticia cara os ámbitos nos que ela se atopa. Podes configurar esa páxina de universos como queiras, seleccionando, agregando e engadindo etiquetas que permiten configurar a túa propia culturagalega.gal de acordo cos teus intereses. En Universos tamén podes explorar e ver os elementos en contacto entre persoas e entidades, descubrindo as redes simbólicas, de contidos e persoais na cultura contemporánea de Galicia. O sistema, ademais, aprende das nosas interaccións e mellora e vaise refinando cada día. Irás vendo que progresivamente se vai facendo máis preciso. As reportaxes son un dos puntos fortes de culturagalega. Agora a súa visualización mellora e che permite descubrir grandes historias e análises e profundidade, que tamén podes gardar de xeito individual.

 

Un aspecto moi importante de culturagalega é tamén a nosa vinculación co momento presente, a industria cultural e os creadores. Por iso na nova área Bule-Bule podes acceder ás exposicións activas en Galicia, ás estreas de espectáculos ou de audiovisual, a un enorme catálogo de discos de todas as temáticas e a un robusto quiosco co que podes coñecer a actualidade e o pasado das revistas culturais, con entrada a un enorme mundo de coñecemento sobre o país. 


A defensa da visión común
A nova culturagalega.gal está concibida para que sexa gozosa a consulta dos nosos contidos, que che acompañen no teléfono móbil e que se adapten ao teu mundo, ás túas demandas e intereses. Pero tamén para alentar á descuberta dunha cultura, unha lingua e unha identidade vizosas, que moitas veces non é doado ver no seu conxunto, ou que non é sinxela de descubrir e estenderse. Canto máis navegues por culturagalega.gal, descubrirás grandes creadores, interesantes iniciativas, novos contidos que abrirán novas portas. 

 

Nun mundo de fluxos dixitais cada vez máis parcelados e segmentados a través das redes sociais, culturagalega.gal refórzase para preservar unha visión global, no presente e no pasado inmediato, da nosa cultura, defendendo o espazo público común que achega sentido e visión á sociedade galega. Ese é o novo obxectivo de culturagalega.gal, a plataforma de divulgación cultural do Consello da Cultura Galega. 

Agardamos que gostes dos cambios. 


Do mesmo ámbito

Universos

Explorar o Universo desta nova

Descobre máis noticias relacionadas con Culturagalega, Lingua galega, Internet, Consello da Cultura Galega...