'Antes de nós' acada 18 candidaturas nos Mestre Mateo

Na lista de finalistas destacan tamén Sirât e 'As liñas discontínuas'

3/2/2026 | Santiago. Redacción | Seccións: Audiovisual
101 lecturas | Compartido 1 veces

Fotograma de 'Antes de nós'

Os filmes 'Antes de nós', Sirât e 'As liñas descontinuas' copan 40 das candidaturas finalistas desta edición dos Premios Mestre Mateo do audiovisual. A actriz Andrea Varela e o presentador Juan Fuentes anunciaron esta mañá as candidaturas finalistas da vixésimo cuarta edición dos galardóns, nun acto celebrado no centro sociocultural O Vello Cárcere de Lugo. A longametraxe 'Antes de nós', arredor da figura de Castelao, é a produción máis votada polas académicas e académicos, con 18 candidaturas, comezando pola de Mellor longametraxe, que comparte con 'As liñas descontinuas', Sirât e San Simón.

'Antes de nós' sitúa como finalistas a Ángeles Huerta en dirección e a Pepe Coira en guión, ademais de Cris Iglesias como interpretación feminina protagonista e Xoán Fórneas como interpretación masculina protagonista. En categorías de reparto son finalistas Luisa Merelas e Victoria Teijero, xunto con Adrián Ríos Rúa,Nancho Novo e o recentemente falecido Miquel Ínsua López. O filme é tamén finalista en dirección de fotografía con Lucía C. Pan AEC, dirección de produción con Lucía Caramelo, montaxe con Lucía Iglesias Fuentes, música orixinal con Sofía Oriana Infante Souto, son con Toni Penido, David Machado e Javier Pato, vestiario con Aránzazu Domínguez Veiga e maquillaxe e perruquería con Chicha Blanco e Lorena Calvo.

Pola súa banda, Sirât suma 11 candidaturas, é finalista en dirección e guión con Oliver Laxe xunto a Santiago Fillol, e destaca nas categorías técnicas con Mauro Herce en dirección de fotografía, Oriol Maymó en dirección de produción, Cristóbal Fernández en montaxe, Kangding Ray en música orixinal, Amanda Villavieja en son, Nadia Acimi en vestiario e Zaira Eva Adén en maquillaxe e perruquería.

'As liñas descontinuas' acumula 11 candidaturas, en dirección para Anxos Fazáns e en guión, compartido por Anxos Fazáns e Ian de la Rosa, ademais de Mara Sánchez e Adam Prieto como finalistas nas interpretacións protagonistas. O filme compite tamén en dirección de produción con Nati Juncal e Silvia Fuentes, dirección de fotografía con Sandra Roca, montaxe con Diana Toucedo e Laura Piñeiro, música orixinal con Xavier Bértolo e son con Xavier Souto, David Machado e Javier Pato.

Na categoría de interpretación feminina protagonista compiten tamén Alba Flores por 'Punto Nemo', Lucía Veiga por 'Mi Ilustrísimo Amigo' e Mara Sánchez por 'As liñas descontinuas'. En interpretación masculina protagonista son finalistas Adam Prieto por 'As liñas descontinuas', Flako Estévez por San Simón e Luis Tosar por Golpes. En reparto feminino complétanse as candidaturas con Desiré Pillado por 'O Home Perfecto' e Isabel Naveira por Lume, mentres que en reparto masculino é finalista Tatán por San Simón. Polo premio á curtametraxe, en imaxe real foron seleccionadas como finalistas Abellón, 'Adeus, Berta', 'Algo novo que contar' e Curmán, mentres que en curtas de animación son finalistas Lucus, Nuno, 'O Corpo de Cristo' e 'O Mesmo'. En Mellor documental son finalistas '360 Curvas', 'Ao son da nova regueifa', 'Deuses de pedra' e 'O silencio herdado'. As series web finalistas son Alucinema, Bechos, 'Contando los días' e Pipo.

 

En televisión, Weiss e Morales sitúase como unha das series máis recoñecidas desta edición, con Lucía Estévez como finalista en dirección, Jaime Pérez AEC en fotografía e Gaspar Broullón e Lu Rodríguez en montaxe. Compite en Mellor serie de televisión con Bibopalula, 'O Home Perfecto' e 'Punto Nemo'. 'O Home Perfecto' suma tamén candidaturas para Sonia Prol en dirección de arte e Fani Mosqueira en maquillaxe e perruquería. Na categoría de Mellor programa resultaron finalistas Cinephilia, Cos Pés na Terra, Raíña-me! e O videoclub. Cinephilia destaca ademais polas candidaturas de Simone Saibene a Mellor comunicador/a e Mellor realización, categoría na que compite con Diego Guerrero, Marcos Estebo e Breixo Llano por Cos Pés na Terra, Marcos Nine por Historias de Aquí e Miguel Gomar por Raíña-me!. En Mellor comunicador/a son tamén finalistas Lucía Veiga por Aquí Galicia Fest, Miguel Canalejo por O videoclub e Xosé Ramón Gayoso por Luar.

 

Na categoría de Mellor videoclip optan ao premio Ferido de Xoán Fórneas, 'Hibernarse – O videofilme' de Fillas de Cassandra, 'Non cho podo dar' de Sabela e María Escarmiento e 'Ontes fun moi malo' de Grande Amore. Polo galardón ao anuncio publicitario son finalistas Ao Noroeste do Oeste, Gadis – Compartimos la vida, Hematofesti 2025 – Festival de Humor e Literatura Infantil e Historia que nos impulsa.

 

O público de Lugo terá a posibilidade de asistir ás proxección das longametraxes e documentais finalistas nos Cines Códex, que contarán coa presentación dos equipos das obras. As sesións, repartidas durante os meses de febreiro e marzo, serán gratuítas, de acceso libre ata completar capacidade. As premiadas e premiados daranse a coñecer na gala de entrega dos XXIV Premios Mestre Mateo, que se celebrará o sábado 21 de marzo en Lugo.

Universo culturagalega.gal

Universos

Claves