A Academia Galega do Audiovisual ven de dar a coñecer os destinatarios dos premios especiais que cada ano acompañan aos galardons Mestre Mateo. Estes recoñecementos, apoiados por algunhas das marcas patrocinadoras dos galardóns, serven para sinalar valores diferentes dos puramente relacionados coa arte e a técnica audiovisual. Este ano recaeron nas series Bibopalula e Pipo e nos filmes As liñas descontinuas e Antes de nós. Esta foi a primeira edición na que o público puido participar directamente na elección dun dos galardóns, votando ás súas producións favoritas a través da web oficial dos Premios Mestre Mateo. En total rexistráronse máis de 2.000 votos.
A designación tivo lugar durante a a tradicional xuntanza de finalistas dos Premios Mestre Mateo. Zaira Dapena Castro, Directora Territorial de ABANCA en Lugo foi a encargada de entregar o Premio ABANCA ao impulso da sostibilidade á serie Bibopalula "por integrar de forma coherente, creativa e responsable os valores da sostibilidade tanto na súa proposta narrativa como na súa vocación pedagóxica.". Este é o segundo ano consecutivo que esta serie infantil acada un destes galardóns, xa que o na anterior edición recibiu o premio á promoción da lingua. Bibopalula é a primeira serie musical de debuxos integramente en galego. O proxecto foi creado por Laura Mahía e Andrés Mahía e producido por Undodez en colaboración coa Televisión de Galicia.
Este ano o Premio Deleite á promoción da lingua o reciben tamén os mesmo profesionais, xa que foi para a serie web Pipo, recoñecendo o seu labor na creación de contidos audiovisuais que achegan o galego ás novas xeracións dun xeito natural, creativo e próximo. A serie parte dunha idea orixinal de Andrés Mahía, está dirixida por Laura Mahía e conta con música orixinal de Santi Jul e Iván Laxe, dentro dun equipo creativo que combina animación, humor e unha clara vocación pedagóxica para achegar contidos audiovisuais en galego ao público infantil. A serie Pipo conta a historia de Berta, unha nena de seis anos que vive coa súa nai e co seu irmán pequeno. Un día atopa no patio da casa a Pipo, un pequeno extraterrestre que cae do ceo, e decide agochalo no seu cuarto. Pipo é ruidoso, desordenado e moi comellón, pero pouco a pouco intégrase na familia mentres aprende costumes humanos.
O Premio Martín Códax Rías Baixas, Fillo do Atlántico foi para o filme As liñas descontinuas "pola súa sensibilidade e capacidade para converterse en embaixadora do espírito das Rías Baixas trazando un relato que proxecta unha imaxe auténtica e contemporánea de Galicia, na que a música ocupa un lugar esencial, reforzando o vínculo entre cultura, mocidade e creación". As liñas descontinuas é un filme dirixido por Anxos Fazáns e protagonizada por Mara Sánchez e Adam Prieto. A produción de Silvia Fuentes e Nuria Landete conta a historia de Bea, unha muller de 50 anos en proceso de divorcio e Denís un rapaz trans de 28 anos que loita contra a precariedade laboral, un suceso inesperado lévaos a coñecerse e este encontro transformará para sempre a súa realidade.
Ademais, Javier Arias, delegado territorial da Xunta en Lugo, foi o encargado de entregar o Premio Especial do Público Galicia Calidade á longametraxe Antes de nós, un recoñecemento a unha produción que destaca pola súa aposta pola calidade artística e técnica, contribuíndo a reforzar a proxección e o prestixio do audiovisual galego. A longametraxe Antes de nós propón unha aproximación íntima á figura de Castelao a través da relación coa súa muller, Virxinia, nun relato que se desenvolve en dous momentos clave das súas vidas. Dirixida por Ángeles Huerta e con guión de Pepe Coira, a película está protagonizada por Xoán Fórneas e Cris Iglesias e conta cun equipo técnico no que destacan a música de Sofía Oriana, a fotografía de Lucía C. Pan e a produción executiva de Zaza Ceballos, construíndo un retrato humano e emocional dun momento decisivo na vida de Castelao e na historia cultural de Galicia.
A gala dos XXIV Premios Mestre Mateo celebrarase o vindeiro 21 de marzo en Lugo, no Auditorio Fuxan os Ventos, e recoñecerá o talento das producións galegas máis salientables do último ano.



