Clanes, Bibopalula e Cos pés na terra Premios Mestre Mateo especiais 2025

Os premios entregáronse na reunión de finalistas celebrada en Pontevedra

3/3/2025 | Santiago. Redacción | Seccións: Audiovisual
53 lecturas | Compartido 0 veces

Foto de finalistas dos XXIII Premios Mestre Mateo do Audiovisual Foto: AIgi Boga para AGA

A habitual xuntanza de finalistas dos XXIII Premios Mestre Mateo da Academia Galega do Audiovisual celebrada o pasado venres 28 de febreiro no Pazo da Deputación de Pontevedra, serviu unha vez máis como marco de proclamación e entrega dos tres premios especiais, apoiados por algunhas das marcas patrocinadoras dos galardóns. Este ano os recoñecementos recaeron no programa 'Cos pés na terra' e nas series Bibopalula e Clanes. José Luis Ramírez Matos, Director Zona de Pontevedra Metropolitana de ABANCA foi o encargado de entregar o 'Premio ABANCA ao impulso da sostibilidade' ao programa 'Cos pés na terra' producido por Filmax para a CRTVG, "por contar desde 2011 a través de máis de 200 programas as pequenas e grandes historias de persoas que apostan polo rural como medio de vida, ensinando como saen adiante cada día, con esforzo e esperanza, promovendo unha cultura de amor e coidado polos recursos naturais".
Marcial Gende, representante de Deleite, entregou o 'Premio Deleite á promoción da lingua' á serie Bibopalula "por ofrecer a unha nova xeración de nenos e nenas a posibilidade de desfrutar dunha serie de animación feita na nosa lingua, e transcender o audiovisual a través dunha ampla oferta de contidos complementarios que sinalan un camiño cara un escenario máis optimista para o futuro do galego". Bibopalula é a primeira serie musical de debuxos integramente en galego. O proxecto foi creado por Laura Mahía e Andrés Mahía e producido por Undodez en colaboración coa Televisión de Galicia. A serie está protagonizada por un grupo musical chamado A Banda do Bosque, formado por un merlo, un paporrubio, unha pega e un peto. Os catro amigos, xunto con outros paxaros, vivirán aventuras relacionadas coa natureza, a música e o seu entorno onde se enxalzarán valores como a amizade, a empatía ou a resolución de conflitos de maneira pacífica. Ademais, ao redor da serie destacan iniciativas como a publicación dun conto infantil, contido adicional en Youtube, unha aplicación móbil específica, a participación en plataformas de música e unidades didácticas para os colexios.

Xoan Allegue, presidente das Bodegas Martín Códax, foi o encargado de entregar o 'Premio Martín Códax Rías Baixas', Fillo do Atlántico á serie Clanes "pola autenticidade e espectacularidade coa que se retrata a riqueza paisaxística da comarca do Salnés, como marco e escenario principal dunha trama de thriller, intriga e romance, que colleita éxitos de audiencia a nivel mundial". Clanes é unha serie dirixida por Rogel Gual e protagonizada por Tamar Novas, Clara Lago, Xosé A. Touriñán, Melania Cruz, Francesc Garrido, Miguel de Lira e Diego Anido entre outros. As localizacións cobran especial protagonismo na historia. A serie está rodada principalmente en Galicia, nas Rías Baixas, en concreto na Ría de Arousa. Clanes conta a historia dunha nova avogada que chega para establecerse na pequena vila de Cambados.
A gala dos XXIII Premios Mestre Mateo celebrarase o vindeiro 15 de marzo en Lalín e recoñecerá o talento das producións galegas máis salientables do último ano.

Universo culturagalega.gal

Universo

Explora o Universo

Pincha para ampliar esta historia
no seu contexto cultural galego