Diego Rodríguez. Foto: RAG
Unha das publicacións máis relevantes aínda inéditas de Manuel Murguía veu finalmente a luz da man da Real Academia Galega (RAG). As Rimas populares de Galicia. Edición e estudo dos materiais conservados, editadas da man de Diego Rodríguez González, bibliotecario e responsable de Patrimonio da fundación Barrié, ofrece unha panorámica da poesía popular que Manuel Murguía foi compilando ao longo da súa vida. O volume, o número 11 dos Anexos BRAG, será presentado este mércores 4 de febreiro ás 19 horas na Casa Museo Casares Quiroga (A Coruña).
Diego Rodríguez localizou os materiais do libro, hai xa máis de vinte anos, dentro da colección Said Armesto que preserva a fundación Barrié. Velaí estaba 77 follas coa transcrición "lusitanizante" dos poemas que encargara Manuel Murguía a Florencio Vaamonde Lores. E había outros materiais, como uns limiares ao libro conservados na RAG que indicaban que a publicación das Rimas estivo moi próxima en varias ocasións pero non se chegou a materializar. A documentación revela que Murguía foi colleitando eses poemas non tanto polo seu propio traballo de campo, senón a partir da súa rede de colaboradores: escritores como Marcial Valladares, José Ojea, Bernardo Barreiro e mesmo a súa filla Alejandra. E os materiais son importantes porque tamén indican a escasa intervención de Murguía nos textos. Este aspecto é relevante porque con frecuencia se ten acusado a Murguía de intervir nos poemas para darlles máis historicidade. O corpus tamén amosa os cambios ao longo do tempo na propia tradición oral: “Na primeira parte do século XIX, o romanceiro estaba fortemente galeguizado e a conexión con Portugal era moi fonda”, advirte Diego Rodríguez.
Murguía tiña unha gran confianza no poder transformador deste legado e sempre foi consciente da urxencia da súa publicación. “Pasaron máis de 150 anos pero estamos seguros de que estas reliquias que reflicten a alma do pobo galego nunca chegarán tarde”, confía Diego Rodríguez.

