Un documental aborda o papel de Castelao na modernización gráfica do país

O realizador Xan Leira presenta no Museo de Pontevedra esta produción audiovisual

21/1/2026 | Santiago. Redacción | Seccións: AudiovisualHistoria
112 lecturas | Compartido 1 veces

A nova produción documental do realizador Xan Leira, "Castelao, a revolución gráfica en Galicia. O Linoleogravado", presentarase este xoves cunha proxección no Museo de Pontevedra ás 19:00 horas. O filme propón un achegamento ao proceso histórico polo que o linóleo se converteu nun dos motores fundamentais da renovación estética e editorial en Galicia na década de 1920. O filme reconstrúe cronoloxicamente este fenómeno a través das voces de especialistas de referencia: Daniel Buján Núñez (bibliotecario e gravador), Ángeles Tilve Jar (directora do Museo de Pontevedra), Carlos L. Bernárdez (ensaísta e crítico de arte), Xoán Pastor Rodríguez (director do Museo do Gravado de Artes, Ribeira), Miguel Anxo Seixas Seoane (presidente da Fundación Castelao) e Ricardo Gurriarán (historiador).
O documental sitúa a súa orixe na estancia de Castelao en Europa —Francia, Bélxica e Alemaña— grazas a unha bolsa da Junta de Ampliación de Estudios destinada ao estudo de técnicas de gravado. Durante o seu período en París mergullouse no ambiente cultural da cidade: música, teatro, pintura, escultura, gravado clásico e estampa xaponesa centraron o seu interese. Mais, foi en Múnic onde descubriu as potencialidades do linóleo, unha técnica rápida, económica e ideal para ilustracións en publicacións de baixo custo, especialmente axeitada ao contexto galego da época.

Universo culturagalega.gal