Xogalego repasa a produción de videoxogos na nosa lingua

O proxecto de Recuncho Gamer conta con 90 referencias no momento do seu lanzamento

O proxecto de Recuncho Gamer conta con 90 referencias no momento do seu lanzamento
O proxecto Recuncho Gamer acaba de facer público Xogalego, un catálogo que recolle os videoxogos realizados na nosa lingua. A iniciativa, que arrinca con noventa referencias, prevé se ampliar e chegar en breve a unhas duascentas. Segundo explica a entidade responsable, Xogalego "nace polas dificultades actuais para atopar xogos na nosa lingua en páxinas como Steam ou nas tendas de Sony, Nintendo ou Microsoft".

Deste xeito "buscamos que Xogalego funcione tamén como un punto no que poñer en valor os estudios e persoas que crean videoxogos en galego e presentárllelo a un público interesado por xogar en galego". A iniciativa conta co apoio da convocatoria de apoio a Proxectos Culturais Singulares da Deputación da Coruña.

O catálogo achega fichas detalladas "elaboradas por un equipo que proba cada título para comprobar a presenza real do idioma e avaliar a súa utilidade pedagóxica". O nome do xogo, ano e estudio creador, as plataformas dispoñibles, o xénero, a idade recomendada, os idiomas incluídos e ligazóns oficiais para a súa adquisición ou descarga son algúns dos contidos que recolle o proxecto. A plataforma compleméntase con diferentes accións divulgativas, tanto en liña como en centros de ensino, para visibilizar a produción cultural nesta industria realizada na nosa lingua.

Este mesmo ano a Universidade de Vigo artellou unha exposición coa mesma temática, a recoller unha trintena de títulos publicados no noso idioma. Tamén está dispoñible na rede o proxecto Devuego, unha base de datos que se centra en videoxogos realizados no noso país, con independencia da súa lingua.