Felipe Arias ingresa na RAG como membro correspondente

O plenario da entidade aprobou a incorporación do historiador, arqueólogo e museólogo

16/12/2025 | Santiago. Redacción | Seccións: historiasociedade
69 lecturas | Compartido 0 veces

Felipe Arias. Fonte: RAG

A Real Academia Galega acordaba no seu plenario deste 12 de decembro a incorporación de Felipe Arias como membro correspondente da entidade. O historiador, arqueólogo e museólogo, que dirixiu o Museo Provincial de Lugo e o Museo do Castro de Viladonga, posúe unha longa "nómina de traballos científicos que desenvolveu durante máis de medio século de actividade, conta cun destacado perfil divulgador arredor do patrimonio e da súa conservación en publicacións periódicas, monografías, cursos e xornadas", segundo apunta a RAG.
Para alén do seu traballo como arqueólogo e museólogo, o autor "asinou máis de 300 textos entre artigos científicos, colaboracións e obras colectivas, e foi o creador da revista do Museo de Viladonga, Croa". Asinou ademais libros como Las Murallas romanas de Lugo (1972), Guía arqueológica romana de Lugo y su provincia (1975), Inscriptions romaines de la province de Lugo (1979), A romanización de Galicia (1992), o Diccionario de termos de Prehistoria e Arqueoloxía (1995) ou a guía Museo do Castro de Viladonga (1996 e 2009).

Como membro correspondente, Arias colaborará nas tarefas científicas da institución sen participar nos órganos de goberno da mesma. Segundo recollen os estatutos da entidade, os membros correspondentes "deberán ser persoas que colaboren nos traballos da Academia ou que á institución lle interese incorporar ós seus traballos".

Universo culturagalega.gal

Universo

Explora o Universo

Pincha para ampliar esta historia
no seu contexto cultural galego