A Asociación de Periodistas de Galicia (APG) ven de presentar e difundir o número 10 da revista anual Comunica, dedicado neste ao estado da innovación na comunicación en Galicia. A nova edición de Comunica inclúe o informe 'O estado da innovación na comunicación en Galicia', elaborado pola APG en colaboración coa Xunta, a Universidade de Santiago e o Banco Sabadell. O estudo ofrece unha unha radiografía diacrónica que analiza o percorrido histórico de innovación e os retos de futuro dos medios de comunicación galegos (prensa escrita, en papel e dixital; radio/audio; e televisión), pero tamén doutras técnicas ou expresións comunicativas como a ficción cinematográfica e a dobraxe, o teatro, a música, a publicidade, a comunicación institucional e empresarial, a comunicación política, a fotografía, o deseño gráfico ou a sinalización urbana.
O informe, estruturado en vinte capítulos e que contou coa colaboración das profesoras da USC Tania Fernández Lombao e Marta Rodríguez Castro e o asesoramento do xornalista Alberto Barciela, inclúe artigos de 25 destacados académicos e profesionais e unha enquisa sobre a situación actual da innovación nos diferentes ámbitos comunicativos ofrecendo ademais algunhas propostas. Algunhas das conclusións do informe recollido neste número dez da revista 'Comunica', que xa está dispoñible para descarga son: Evitar que as políticas institucionais públicas sexan alleas ás oportunidades de renovación das industrias culturais e creativas tradicionais – tanto no que se refire ás organizacións empresariais, coma aos seus profesionais-, pola importancia económica e simbólica que ten a comunicación, mesmo tamén para a existencia de Galicia. E propón promover novas dinámicas de emprendemento e sinerxías de interacción entre profesionais e colectivas, de formación, co-creación, alfabetización e colaboración en rede, para apoiar a creatividade e a innovación nas ICC. O informe estima necesario tamén aumentar e mellorar información das artes plásticas, escénicas e outras actividades das ICC nos medios de comunicación; recuperar políticas institucionais de anos atrás (como a Fotobienal, entre outras), para as actividades artísticas fotográficas; propiciar "a integración audaz e intelixente da IA no ecosistema de comunicación e cultural galegos, mediante estratexias público-privadas"; ou reanimar, renovar e ampliar a idea organizativa dos clústeres, para a súa adaptación a redes creativas e de investigación máis flexibles, informais, innovadoras e globais.
