Poetas e músicos uniron as súas artes a través de varios obradoiros e dun concerto no encontro Clave Sónica

Letras e notas

Música e poesía. Habitualmente cada unha destas artes vai pola súa banda, excepto nas ocasións en que se musica algún poema ou se fai un recital con acompañamento sonoro. Na busca dun encontro que fose máis aló destes actos puntuais, a Asociación de Escritores en Lingua Galega e a Asociación de Músicos en Lingua Galega puxeron en marcha un evento no que os dous xeitos de expresión se encontrasen en pé de igualdade. E chamáronlle Clave Sónica.

A idea naceu hai xa dez meses na Asociación de Escritores (AELG). Segundo explica Yolanda Castaño, secretaria deste colectivo, "o obxectivo é conseguir o coñecemento mutuo de dous mundos habitualmente estancos, conseguir unha maior interrelación entre as dúas artes e abrir vías de investigación ao redor desta fusión." Deste xeito iniciaron coa asociación de músicos (AMELGA) os contactos para dar forma a esta iniciativa, que foi recibida moi positivamente. "A fusión entre música e poesía é unha relación antiga, a poesía naceu cinguida á música. Nos últimos tempos esta relación estaba máis esquecida, e desde a AELG e de AMELGA quixemos impulsar iso ao fío da modernidade", sinala Yolanda. A idea non era facer unhas xornadas teóricas arredor das posibilidades do encontro destas artes, senón ver exemplos prácticos do que podería xurdir dese encontro. "As xornadas foron moi prácticas. Existen moitos foros acerca de teoría e de historia, e desde a AELG queremos tanto neste caso coma en futuras actividades, darlle un enfoque máis práctico, que se abran a novos campos e aprender". E así nacía Clave Sónica.

Tres Obradoiros
O eixe deste encontro consistiu en tres obradoiros separados, con diferentes estilos e rexistros. O obradoiro A, que se desenvolveu ao longo da tarde do venres, consistiu nunha mestura de bases electrónicas do DJ Nathan Carther aplicáronse as melodías de Uxía Pedreira, Guadi Galego e Xavier Díaz. A este combinado musical engadíronse os textos de María do Cebreiro, Estevo Creus e Lucía Aldao, que participaron no seminario, e de Chus Pato que os cedeu para a actividade. O sábado arrincou co traballo do obradoiro B. Nel experimentábase cunha base musical que partía do folk máis anovador a conta de Hector Lourenzo, Davide Salvado, Quim Farinha ou Pepa Yañez entre outros. Neste obradoiro musicáronse dun xeito máis tradicional os textos de Paco Souto, Raúl Pato e Lino Braxe. Na tarde o folk cedeu paso á electrónica. Carlos Santiago, da Psicofónica de Conxo, seleccionou textos de Rafa Xaneiro, Najla e Richard Ribera e sobre unha base rítmica organizou os poemas a partir de voces sampleadas, mesturándoos cun colaxe de textos do panorama poético actual.

Xeito de traballo
Estes obradoiros foron en realidade o final dun proceso de traballo previo. Tanto no obradoiro A coma no B as asociacións convocantes serviron coma ponte entre autores e músicos que estaban interesados en probar novos camiños creativos ou que xa tiveran experiencias neste campo. Postos en contacto, os participantes foron acordando con que estilos musicais e poéticos querían traballar, seleccionaron os textos e foron vendo as posibilidades da súa combinación musical. No caso do obradoiro C foi directamente Carlos Santiago o que seleccionou os textos concretos sobre os que traballar. O traballo que acabou esta fin de semana nos diferentes obradoiros, coa intención de garantir a calidade das pezas. De calquera xeito, e a pesar dos contactos previos, os participantes nos obradoiros tiveron que achegar importantes doses de improvisación e de flexibilidade para levar a bo termo os traballos.

Reflexións
Alén dos obradoiros, Clave Sónica non deixou de lado a reflexión sobre os puntos de encontro entre poesía e música. Deste xeito celebráronse dúas mesas redondas para as que a organización procurou contar con artistas que xa teñen experiencia nos dous campos, desde compositores e autores de letras até artistas multimedia ou mesmo persoas coma Antón Mascato, experimentadas nos problemas de editar produtos nos que se fusiona música e poesía . Onda el, na tarde do venres Santiago Jaureguizar, Xurxo Souto e Maite Dono analizaron os posíbeis xeitos de crear un público galego para os produtos culturais do país. O sábado foron Xavier Cordal, Xavier Díaz e Uxía Pedreira os que achegaron a súa opinión sobre a relación entre estas artes, centrándose máis en cuestións coma a necesidade de letras musicábeis coa que se encontran a miúdo os músicos e como valoran estes a rima antes que o ritmo parar aplicar nas súas composicións.

Concerto final
Ás dez da noite do sábado chegou o fin de festa deste evento. Un concerto no Teatro Principal no que se puideron ver os resultados dos obradoiros. De cada un deles saíron entre dúas e catro pezas que se interpretaron en directo, e a elas sumáronse as actuacións de tres creadores que practican de xeito habitual tanto a arte poética coma a musical. A Estíbaliz Espinosa, poeta e cantante da Orquestra Sinfónica de Galicia sumáronse César Morán, que tedn musicado algúns dos textos máis coñecidos da lírica galega, (desde Méndez Ferrín a Xela Arias), así coma a violinista e autora Luísa Villalta. Coma o resto das actividades de Clave Sónica, tamén este festival foi totalmente de balde, e a concorrencia, bastante nutrida, segundo a organización, quedou sorprendida dos resultados do encontro.

Futuro
Despois da experiencia, calificada polos organizadores coma "moi positiva", estase a barallar a posibilidade de editar dalgún xeito o material gravado, tanto en audio coma en vídeo, que saíu do encontro. Foron moitos os interesados que se achegaron ao Auditorio de Galicia para ver en directo como se fundían nunha soa peza as creacións destas dúas artes.Desde as dúas organizacións amosaron a súa confianza en que se poidan celebrar unha segunda edición deste evento nun futuro próximo.