Ourense vén de celebrar o camiño cultural "A esmorga" co que fai un percorrido polos espazos da obra de Blanco Amor

Literatura para vivila

Os escritores recuperan o seu contorno máis próximo para ambientar as súas novelas ou inspirándose nel para recrear un universo literario. Espazos o suficientemente recoñecíbeis para os habitantes e o suficientemente universais para que as obras poidan ser exportábeis. Mais dáse tamén que os lectores non só viven as obras léndoas, senón que tamén organizan xornadas para percorrer os espazos como se fosen os protagonistas das novelas. En Dublín no "Bloomsday" percórrese os lugares que Joyce narrou no Ullysses , en Castela faise o camiño do Quíxote, e en Ourense acábase de recordar a noite de bebedela que fixeron os protagonistas de Blanco Amor en A Esmorga.

A relación entre os escritores e as cidades van máis alá que o espazo no que viven. E iso se plasma na recreación dun universo literario que se recolle nas súas obras. Está o Macondo de García Márquez, a Vetusta de Clarín e na literatura galega hai moitos exemplos. A Pobra para Valle Inclán, Mondoñedo para Álvaro Cunqueiro, Padrón para Rosalía de Castro e Ourense (Auria) para Eduardo Blanco Amor, entre moitos outros. E precisamente, nesta última localidade desde hai 6 anos celébrase unha xornada que vai recuperando a traxectoria que fan as personaxes de "A esmorga".

Imos de esmorga por Ourense
Conta o xornalista ourensán Marcos Valcárcel que o domingo 7 de decembro de 1997 o hoxe desaparecido Clube Cultural Alexandre Bóveda e o Concello de Ourense puxeron en práctica unha idea acariñada moito tempo atrás. Ese vello propósito era o de inmortalizar a memoria de Blanco Amor organizando unha xornada na que se fose facendo o mesmo percorrido que os protagonistas da súa novela "A esmorga" pola cidade ourensá. Foi daquelas cando Alfonso Monxardín e Marcos Valcarcel crearon un folleto literario titulado "Roteiro literario de A Esmorga" que non só facía recalada nos espazos da novela, senón tamén nos lugares nos que Blanco Amor viviu ou cos que tivo algunha relación. Para todo iso, creouse un plano do casco vello e colocáronse nove placas de cerámica, que sinalan as oito paradas dos tres protagonistas da novela máis a casa na que naceu Blanco Amor.

E eses espazos son a taberna da tía Esquilacha (preto do Posío), o lavadoiro da Burga, a fonte de San Cosme, o calexón de Pena Vixía, a Paraza do Correxedor (detrás da Catedral), a Fonte do Rei, a rúa do Instituto (hoxe Lamas Carvajal) cara a Praza Maior a a Alameda e acaba o percorrido na que foi a casa de Blanco Amor, no barrio das Lagoas.

A importancia do camiño cultural, xa non só é ir percorrendo o periplo fatal que fixeron os protagonistas da Esmorga, senón enriquecer a lectura da obra. De parada en parada lense fragmentos da novela ou de poemas, cóntanse anécdotas que se conservan dalgúns personaxes secundarios citados na novela e vanse facendo explicacións sobre a figura do escritor.

Este martes 16, da man da sección de Literatura do Liceo de Ourense e o Concello, celebrouse unha nova edición á que asistiron persoas que trataron ao escritor e que enriqueceron o camiño que acabou cunha tertulia sobre a figura de Blanco Amor e unha cea. E neste caso Teresa Devesa e Loli Conde foron as encargadas de recitar poesía.

Camiños literarios fronte camiños culturais
A principal peculiaridade do "Roteiro Esmorga" é que non é só un camiño cultural, senón que é moito máis. Un camiño literario que cambiando toma por guía a novela e que permite ir saboreando a obra ao tempo que fas un percorrido pola cidade de Ourense.

En Galicia existen outras iniciativas aínda que con máis fondo pedagóxico que literario teñen as novelas como tear de fondo. Son xornadas que se organizan para dar a coñecer o entorno aproveitando como reclamo que serviu de inspiración para moitos escritores. Neste sentido A Pobra organiza camiños culturais sobre a figura de Valle Inclán, Mondoñedo fai o mesmo a partir da vida e da obra de Álvaro Cunqueiro. Son camiños culturais, mais cun amplo fondo pedagóxico e cunha forma lúdica.

E moitos máis
O propio Marcos Valcárcel recoñece que cando se puxo en marcha o camiño "A Esmorga" o que quería facer era emular o "Bloomsday". Cada 16 de xullo os seguidores da obra de Joyce xúntanse para facer seguir por Dublín o periplo que o escritor narrou no "Ulises". Unha peregrinaxe literaria que tamén se recupera pola Mancha, a partires das andanzas de Don Quíxote e Sancho Panza por diferentes puntos de Castela. É literatura para camiñar.