Antía Yañez gaña o XIX premio Raíña Lupa de literatura infantil

O xurado deixou deserto o galardón na categoría xuvenil

A escritora Antía Yáñez (Burela, 1991) é, con "Bragakadabra", a gañadora, na modalidade infantil, do XIX premio Raíña Lupa de LIX, convocado pola Deputación da Coruña e ao que este ano concorreron 49 orixinais. O xurado declarou deserto o galardón na categoría xuvenil. O certame está dotado con 6.500 euros e a publicación da obra premiada. De "Bragakadabra", o comité avaliador valorou, por unanimidade, "o humor, imaxinación, fantasía e tenrura con que a autora traballa a historia, unha narración fresca e chea de personalidade". O xurado puxo tamén en valor "a reflexión que propón o libro sobre a capacidade de superación e empoderamento". A deputada de Cultura, Natividade González, presidiu o xurado integrado por Berta Dávila, Miguel Alonso Diz (representante da Asociación Galega do Libro Infantil e Xuvenil), Abel Tomé e as gañadoras do certame na anterior edición, Rosa Aneiros e Érica Esmorís. Como secretaria actuou Manuela Muñiz, xefa do Servizo de Acción Social, Cultura e Deportes da Deputación da Coruña.

Ligazóns