Santiago reivindica desde hoxe á escritora e xornalista Concha Castroviejo

Roteiros e outras actividades difundirán a vida e obra e darán a coñecer o seu traballo

Roteiros e outras actividades difundirán a vida e obra e darán a coñecer o seu traballo
Este mes de decembro de 2025 cúmprense 30 anos do pasamento da escritora, crítica literaria e xornalista Concha Castroviejo Blanco-Cicerón (Santiago de Compostela, 1910- Madrid, 1995). Baixo a idea de popularizar a súa figura, o Centro de Información ás Mulleres do Concello de Santiago de Compostela quere facer deste, un momento de merecida reivindicación co proxecto '30 anos con Concha Castroviejo'.

A cooperativa Maos organiza as actividades que darán comezo hoxe mércores ás 18:30 horas cun paseo guiado que percorrerá diferentes espazos da cidade relacionados coa autora para coñecer mellor a súa figura. Este roteiro desenvolverase igualmente os vindeiros venres (18:30 hrs.) e sabado 13 de novembro (12.00 horas). As tres sesións contarán coa xornalista Marga Tojo para ler extractos da obra da autora e outros escritos da súa propia creación que invitan a reflexionar sobre a vida de Castroviejo.

A modo de xincana darase a coñecer a vida de Concha Castroviejo dunha maneira amable e amena, percorrendo a cidade histórica centrándose nas sete portas da antiga muralla de Compostela, baseándose no libro da escritora El jardín de las Siete Puertas. Este xogo adaptouse a unha versión online para descubrir os diferentes aspectos da vida da homenaxeada.

Concha Castroviejo naceu o 6 de decembro de 1910 no número 3 da Rúa da Senra de Santiago de Compostela. En 1934, coincidindo coa morte de seu pai, iniciou a carreira de Filosofía e Letras e entrou en contacto cos círculos republicanos no ámbito universitario, onde coñeceu a Francisco Comesaña. Fuxiu a Bordeos ante o Golpe de Estado (1937) e casou con Joaquín Seijo en Valencia. Traballou en Madrid como crítica literaria e no xornal Informaciones e, entre 1951 e 1953, traballoou no periódico El Correo Gallego e La Noche. Publicou varias novelas: Los que se fueron, Víspera del odio, Los días de Lina, El jardín de las siete puertas e, xa póstumamente, En las praderas del Gran Manitú. Para afondar no coñecemento sobre a autora está dispoñible unha entrada de documentación e biográfica no Álbum de Galicia do Consello da Cultura Galega en web.