Sara Guerrero recibirá a homenaxe Nosa señora das letras

A xornalista e escritora protagonizará o XII Día das Galegas nas Letras que organiza a Plataforma de Crítica Literaria Feminista A Sega

Sara Guerrero. Fonte: Facebook de Euseino? Editores
Sara Guerrero. Fonte: Facebook de Euseino? Editores
A Plataforma de Crítica Literaria Feminista A Sega daba a coñecer este 24 de maio a autora que recibirá a homenaxe Nosa señora das letras. Sara Guerrero, xornalista, escritora e crítica literaria protagonizará a celebración coa que a entidade quere recoñecer anualmente a figura "dunha muller que contribuíse de forma sobranceira á cultura en xeral e á literatura en particular".

Nada en México en 1994, Guerrero colabora en diferentes medios de comunicación. Recibiu o Premio á Mellor Interpretacion no Festival Internacional Outono de Teatro de Carballo polo seu ensaio escénico Raigame. En 2024 publicou a novela Eu son o monte, na que reflexiona sobre a identidade, a aprendizaxe dunha nova lingua, a migración e a pertenza a unha comunidade. A homenaxe celébrase o 15 de agosto, no marco do Día das Galegas nas Letras.

No manifesto A literatura é unha casa, co que presentan a homenaxe, A Sega apunta que "tanto a literatura coma as casas poden ser espazos de violencia atroz ou mans coas que construímos a cociña e o coidado. A miúdo, é o noso traballo redefinir as paredes e abrilas de novo, sobre todo cando as nosas vidas, letras e corpos voan coma a semente que se traslada entre linguas, fronteiras e emocións. A semente lémbranos que, para construír casa nova noutro lugar, primeiro debemos rachar o tegme e a testa, o tegumento que nos envolve".

O texto continúa a sinalar que "sempre é este un proceso doloroso ao final do cal aparecen as preguntas e sospeitas dunha terra nova (de onde es? Que fas aquí? Quen che corrixe o que escribes nunha lingua que che resulta nova?). Despois do esforzo que implica xermolar lonxe da orixe, que acontece se a terra non é mol e nutrinte? Que pasa se atopa a rocha do racismo, da xenofobia, do odio á diferente? Quen acolle? Quen atende? Quen celebra a forza da semente que é quen de crebar a pedra máis dura para buscar a vida? A semente que busca facer a súa casa, cando fala en feminino, cando fala en migrante, cando devolve unha imaxe rebelde e incómoda, non sempre atopa a terra acolledora. Por iso ese é o traballo vital que nos corresponde ás que segamos: crear a confluencia da semente con terra vizosa para construírmos xuntas casas novas. Mesmo para poñer en cuestión que a casa sexa necesaria, cando podemos ser o monte. Porque na intersección entre o humus cálido e a escrita que nos axuda a vernos con ollos menos compracentes, celebramos a nosa señora das letras, Sara Guerrero".