O legado tamén é dixital

O escritor e tradutor Henrique Harguindey cedeu o seu web Palabras Desconxeladas aos fondos de web histórica do CCG

Henrique Harguindey / Wikipedia
Henrique Harguindey / Wikipedia
Na breve autobiografía que o profesor, escritor e tradutor Henrique Harguindey (1946-2024) publicou no seu web Palabras desconxeladas, máis da metade do texto está dedicado á súa infancia. Velaí narra dúas anécdotas na que o escritor se decata que naceu a súa conciencia lingüística e galeguista. Nunha da súa infancia luguesa lémbrase con dez ou doce anos diante da libraría Celta de Lugo, e descubrindo dicionarios galego-castelán e as primeiras traducións da editorial Galaxia, coma o Cancioneiro da poesía céltiga de Julius Pokorny, Heideger, da esencia da verdade ou Poesía inglesa e francesa verquida ao galego. "Carai co gallego!", exclamou o neno Harguindey. "Aquel día descubrín asombrado que se podía traducir ao galego desde o alemán, o inglés ou o francés, e que aquela lingua servía tamén para os asuntos máis raros e elevados".

Desde aquela Henrique Harguindey desenvolveu unha vida de docente, de compromiso político na esquerda nacionalista, de investigador da cultura oral galega e, sobre todo, de tradutor e ponte entre a cultura clásica francesa e Galicia. Foi un dos fundadores do Facho, concelleiro en Cangas polo PSG-EG e tradutor ao galego de autores clásicos franceses como Molière, Voltaire, Cyrano de Bergerac, Víctor Hugo, Alfred Jarry ou François Rabelais entre outros. Pero unha característica singular do seu traballo foi a decisión que adoptou en 2012: a posta en libre disposición para o público de numerosas traducións a través dunha web publicada con tecnoloxía Wordpress chamada Palabras Desconxeladas. Co permiso das editoriais e entidades que publicaran inicialmente as traducións, Harguindey puxo en libre descarga en versións pdf e para libro electrónico estes grandes clásicos, enriquecendo en cualidade a oferta cultural dixital en galego e o acceso á cultura universal na nosa lingua. As obras, licenciadas baixo a licenza Creative Commons, supuxeron unha achega singular e pouco frecuente desde o individual ao panorama da cultura dixital galega. Xa no ano 2000 a Asociación de Tradutores Galegos creara a Biblioteca Virtual Galega (BIVIR), aínda dispoñible, reunindo traducións de diferentes clásicos internacionais da literatura universal.

No ano 2024, Harguindey, consciente da súa enfermidade, comezou a pensar nun futuro para estas obras dixitais e contactou co Consello da Cultura Galega. Coa axuda do seu fillo Breixo, acordou que o web palabrasdesconxeladas.gal pasara a formar parte, como facsímile, dos fondos dixitais da institución, garantindo o acceso a estes clásicos da cultura francesa e universal. Henrique Harguindey foi un dos primeiros creadores galegos en preocuparse expresamente pola preservación seu legado dixital, e que esta herdanza de diálogos, teatrais, versos, aventuras e crónicas históricas perviva baixo a filosofía do libre acceso para goce os lectores.