Un roteiro celebra a dedicatoria dunha rúa aos Diplomáticos de Monte Alto

A AC Alexandre Bóveda organiza a iniciativa este venres 19 na Coruña

O pasado 11 de xullo o Concello da Coruña aprobaba dedicarlle unha rúa ao conxunto musical Os Diplomáticos de Monte Alto. A conmemorar esta iniciativa, a Asociación Cultural Alexandre Bóveda celebra ás 19 horas deste 19 de setembro o roteiro Todas somos Diplomáticas. O percurso contará coa guía de Xurxo Souto e estará acompañado da música de Guni Varela e Pulpiño Viascón na forma dunha "ópera ambulante".

A rúa, dedicada anteriormente ao alcalde franquista Sanjurjo de Carricarte será o eixe dunha traxectoria na que se dará a coñecer a historia do grupo e da súa relación coa cidade. Con comezo na Praza de San Xosé, o traxecto rematará no Circo de Artesáns, onde se celebrará unha festa a partir das 21 horas.

A Alexandre Bóveda reclamara a mudanza de nome desta rúa xa en maio deste ano, e foi en xullo cando o concello adoptou a proposta. A entidade presenta este troco como "un logro colectivo" e lembra que "os Diplomáticos de Monte Alto non só representan unha expresión musical singular e profundamente galega, senón que tamén son símbolo de resistencia cultural, irreverencia democrática, compromiso social e defensa da identidade popular".

Así, defende que "o seu legado artístico, o seu arraigamento na cidade e a súa conexión coa cidadanía fan que esta proposta sexa un acto de xustiza simbólica e un tributo á memoria colectiva do barrio e da cidade que permitiría visibilizar referentes locais positivos e conectados coa cidadanía".