Curtocircuíto tomará espazos e rúas de Santiago o vindeiro 1 de xullo

O festival comezará con 'Ariel' de Lois Patiño e dedicará unha sesión a Adrián Canoura

O festival comezará con 'Ariel' de Lois Patiño e dedicará unha sesión a Adrián Canoura
O Festival Internacional de Cinema Curtocircuíto, organizado polo Concello de Santiago de Compostela inaugurarase o vindeiro 1 de xullo coa estrea estatal do último traballo de Lois Patiño, Ariel. Será o comezo dunha vixésimo segunda edición reformateada do evento, que cambia en canto a datas e tamén na súa formulación espacial, combinando entre o 1 e o 6 de xullo a súa programación nas sedes habituais coa presenza no espazo público da capital galega. O festival ven de dar a coñecer moitas das claves da súa programación, desde a citada película de inauguración ata os filmes participante na sección Planeta GZ, dedicada ao cinema galego. Ademais tamén deu a coñecer os filmes dos creadores emerxentes participante na sección Supernova. A sesión especial Terra estará dedicada este ano ao cineasta e artista visual Adrián Canoura.

O filme, Ariel, protagonizado por Irene Escolar, Agustiña Muñoz e actores da compañía de teatro Voadora, Hugo Torres, Marta Pazos e José Díaz, é o último traballo do galego Lois Patiño, cineasta que mantén un estreito vínculo con Curtocircuíto, festival no que participou en diversas edicións. A inauguración a cargo de Ariel en Santiago será a estrea en España do filme, que ven respaldado por seleccións en certames internacionais como o IFFR en Rotterdam, FICCI en Cartagena de Indias ou BAFICI en Buenos Aires e se presenta como unha das películas galegas do ano. A película explora a obra 'A Tempestade' de Shakespeare a través dunha viaxe da actriz Agustina Muñoz polas illas Azores. Ariel é unha reflexión sobre o concepto de liberdade desde o medo, a aventura e a dúbida.



Sección Terra dedicada a Adrián Canoura
Outro dos nomes propios desta edición será o de Adrián Canoura. A sesión especial Terra está dedicada este ano ao cineasta e artista visual, recoñecido pola súa capacidade para reimaxinar a identidade cultural galega e pola súa busca constante de novos horizontes estéticos. Estreito colaborador no eido musical con Baiuca, a través dos videoclips e das videocracións dos concertos, así como con bandas como Blanco Palamera. A súa obra sitúase nun espazo único entre o cinema, a arte e o ensaio audiovisual, consolidándoo como unha das voces máis frescas e orixinais do panorama actual. A súa obra destaca pola súa fusión entre o analóxico e o dixital, o cotián e o onírico. Na sesión Terra realizará unha charla-percorrido visual dende a súa primeira participación en Curtocircuíto co seu filme iniciático Nistra, ate 'Fomos ficando sós', última longametraxe na que navega co seu pai a bordo do barco pesqueiro familiar.

A creación galega en Planeta GZ
A sección Planeta GZ reafirma a súa vocación como espazo de encontro co cinema galego máis innovador e diverso. Este ano ofrece unha selección de once filmes que, a través de linguaxes variadas, explorarán as relacións entre territorio, memoria, corpo e percepción. A sección acollerá a estrea estatal dos filmes 'Un dragón de cien cabezas', de Helena Girón & Samuel Delgado; Alboroque, de Sabrina Fernandez Casas e 'Santa Clara. Nascimento em três fases', de Arturo Franco, Tono Mejuto.
A Sección acolle tamén as proxeccións de Nayán, de Carla Andrade; 'Furada Negra', de Berio Molina; 'Feeling Away', de Andrés Búa, Iker Ruiz, Tristán Ron; Delincuente, de Alba Domínguez Serén e Nuria Vil; Abellón, de Fon Cortizo; 'Boca de Asno' de Carlos Malvar; 'Non Sinto A Forma' de Óscar Silva e 'The Unbearing' de Also Sisters.

Cinema emerxente en Supernova
Supernova é a sección do festival que descobre os traballos dos creadores máis emerxentes do circuíto galego. Este ano, selecciona 10 títulos de diferentes estilos e formatos. Desde a exploración de lendas e santuarios en 'O Corpiño' (Antía Rodeiro, Blanca Navarrete) ou os corpos e o xénero en Pupa (Antía Carreira) ata as relacións en Áncora (Cris Souto). Pezas como 'Aquel ruido nocturno' (Mario Filloy), 'O costume do traballo' (Luís Morla) e 'Home que foxe' (Pablo Dopazo) exploran conflitos humanos e sociais con olladas persoais e directas. Tamén hai humor camp e trash con 'Delirium Sketchs' (Bea Saiáns), viaxes insólitas con 'Senda Estrela' (Eva Vaeli, Manu Sacoga), reflexións sobre a sexualidade con 'El que no se agache' (Agustín Segura Prado) e sobre os espazos colectivos en Cristal (Ana Sánchez, Mara Varela).