A Fundación Rosalía convoca a súa primeira residencia literaria

A persoa seleccionada pasará dúas semanas en Inglaterra o vindeiro mes de agosto

A persoa seleccionada pasará dúas semanas en Inglaterra o vindeiro mes de agosto
Local da residencia en Inglaterra. Fonte: Fundación Rosalía
Ata o vindeiro 15 de xuño está aberto o prazo para concorrer á primeira residencia literaria da Fundación Rosalía de Castro. A iniciativa, que se desenvove en colaboración coa coa autora británica Fiona Sampson e a Lower Brinsop Writers House en Hereford (Inglaterra), permitirá a unha autora ou autor do noso país pasar dúas semanas nesta localidade.

A convocatoria diríxese a "calquera escritor ou escritora en galego que teña polo menos unha obra publicada". O xurado, nomeado pola Fundación "avaliará as candidaturas en base á traxectoria literaria e á calidade da proposta presentada". A persoa seleccionada desenvolverá a súa estancia entre os vindeiros 10 e 23 de agosto. A xeito de intercambio, Fiona Sampson pasará á súa vez dúas semanas en Padrón a traballar na súa vindeira obra.

Segundo explica a Fundación Rosalía, "os obxectivos deste intercambio literario son a promoción da produción literaria galega e a proxección internacional da figura de Rosalía de Castro e da cultura galega en xeral, ademais do intercambio cultural arredor das figuras de Rosalía de Castro e de Thomas Traherne, destacado poeta metafísico inglés do século XVII".