O ferrolán Nüca publica o seu primeiro LP 'Slow Missiles'

Presenta seis temas que dan conta da boa saúde da nosa electrónica de vangarda

Capa do disco  Arte: @irnsanz
Capa do disco Arte: @irnsanz
Ferror Records publica hoxe un novo traballo de longa duración que reforza a identificación deste selo coas vangardas electrónicas galegas actuais, trátase de 'Slow missiles' de Nüca, nome artístico do ferrolán Pablo Saénz Carballeira. O músico, con inquietudes próximas ao IDM, ambient, deep-house e á música experimental presenta este primeiro LP da súa traxectoria tras os EP’s 'Gnosis' (Prinzedom Records / Ataque!, 2020), 'Niké' (Ferror Records, 2020), 'WRB Split' (Ferror Records, 2021) con Legítimo Polvo, e 'Y Das4' (Prinzedom, 2021). Catro anos despois chega agora este disco no que o artista redeseñou o seu proxecto para dar forma a este traballo de sete temas contundentes que xa pode escoitarse nas plataformas dixitais. E o vindeiro xuño sairá en formato vinilo nunha tiraxe para coleccionistas

O son deste traballo, totalmente instrumental, o músico defíneo "como electrónica, con boa carga melódica, ritmos movidos e, sobre todo, positiva e motivacional. Non teño nin un só tema depresivo, ou unha balada. Si que hai algúns temas que posúen matices escuros, outros macarras e agresivos, pero a conxunción entre a percusión e as melodías nutridas que uso, sempre tentan emocionar mediante resolucións maiores, aumento do número de instrumentos de percusión. Sempre me gustou a música que che sobe ata arriba do todo. Neste álbum decidín pisar un pouco o freo e centrarme máis na carga melódica". A súa composición foi fundamentalmente enfocada ao directo, unha decisión que xa fai saborear ese momento ante a expectativa de poder gozar bailando estas detallistas composicións ao vivo. Cada unha das pistas do disco representa, segundo Nüca, unha emoción como factor desencadeante, desde o sobrio 'Must be an anthem', ata os moi bailables como 'Ging" ou 'Quite', pechando o disco 'Problems', un Drum&bass. Ademais inclúese un bonus track (non dispoñible en todas as plataformas) 'Deep cumbia', un tema que aparece pola súa inclusión na película francesa 'A Historia de Souleymane' (2024).

Con respecto ao nome do disco, conecta directamente co mundo dos videoxogos: "Slow Missiles é unha habilidade pasiva do videoxogo 'Diaño II'", explica nun texto recollido por Fernando Fernández reco, de Ferror Records. O tema homónimo é, para o artista, "o tema fundamental do disco, e probablemente o meu favorito, polo que decidín que tamén fose o nome do álbum, ademais de que me gusto a idea de definir o disco como unha chea de auténticos canonazos", asegura.