Plataforma espallará por Santiago as artes performativas

A sexta edición do festival comeza o vindeiro día 21 e xuntará creadores do país e artistas estatais e internacionais

A sexta edición do festival comeza o vindeiro día 21 e xuntará creadores do país e artistas estatais e internacionais
O programa completo foi presentado hoxe en rolda de prensa pola concelleira de Capital Cultural, Míriam Louzao, que estivo acompañada polo director do CGAC, Santiago Olmo, e polos directores do festival, Mónica Maneiro e Iñaki Martínez Foto: Concellod e Santiago de Compostela
O mércores 21 de maio comeza a programación da VIª edición de Plataforma. Festival de artes performativas en Santiago de Compostela que terá lugar ata o 25 de maio. O festival organizado pola Cooperativa Performa caracterízase pola deslocalización dos espazos e a aposta pola colaboración entre as institucións culturais da cidade, ademais de pola proposta dunha programación de rúa que sorprende a viandantes e transeúntes. A bailarina e coreógrafa Nuria Sotelo será a encargada de abrir o festival ás 20.00 horas na sede de SGAE coa peza 'Sobre o extravío ou a arte de perderse', dirixida por Ana Vallés. O mapa de espazos singulares que viran en escenario de propostas de performances, música, danza, propostas escénicas, talleres e exposicións está conformado este ano pola praza de Praterías, o parque de Bonaval, a Casa das Máquinas, ou a Sala Agustín Magán, que darán acubillo a unha programación que se espalla pola cidade e se estende tamén ao CGAC, á sede da SGAE, á Fundación DIDAC ou a galería Patio de Luz.

O cartel ofrece as actuacións de artistas do país, na compaña de creadoras e creadores das contornas estatal e internacional e contará con varias estreas absolutas. Nesta edición gozaremos das actuacións e performances en múltiples escenarios: Andrea Mosquera e Benxamín Otero serán os encargados de protagonizar o xoves 22 na Praza das Praterías 'Sinfonía dunha Cidade-Corpo', unha performance, que se estrea por primeira vez, que conecta os sons de Santiago de Compostela e do corpo humano. O venres 23, as artistas portuguesas Vera Mantero e Teresa Silva estrearán en Galicia 'Un pequeno exercicio de composición', un xogo escénico de presenza e asombro que terá lugar na Sala Agustín Magán. O sábado 24 ás 12:30 inaugurarase a exposición de Francisca Aires Mateus 'Regarding Far Away Water Won't Save Closeby Fire' na Fundación DIDAC, onde a artista portuguesa realizará unha performance con motivo da apertura. Ese mesmo día, as actividades continuarán no CGAC. Así, presenciaranse tres intervencións protagonizadas por Itsaso Iribarren e Germán de la Riva, Itziar Okariz en colaboración con Izar Okariz e as irmás Noa e Lara Castro Lema que estrearán a súa nova performance en primicia. Ao día seguinte, domingo 25, os artistas galegos Alejandra Balboa e Pavel Amílcar interpretarán en Casa das Máquinas 'Cando lle permito ao corpo aquilo que digo', un diálogo íntimo entre danza contemporánea e música barroca. Para rematar, o festival pecharase nesta mesma localización con 'Interconexións atlánticas', unha estrea absoluta de Paula Quintas e Ana Gesto que mestura danza, performance, escultura e instalación.

Obradoiro de Neves Seara
Como previa, o sábado 17, coincidindo co Día das Letras Galegas, e o domingo 18, comezarán as actividades formativas de Plataforma cun obradoiro de performance a cargo da artista Neves Seara. O obradoiro, para o que é necesaria inscrición a través da web do festival plataforma.gal, terá lugar na Fundación DIDAC. O día 23 de maio, os participantes realizarán unha mostra dos resultados na galería Patio de Luz acompañados pola artista. A este obradoiro súmanse outras propostas educativas como o obradoiro infantil Variacións para un mesmo obxecto (isto non é un zapato), dirixido por Ana Gesto, que terá lugar no Parque de Bonaval o día 24 de maio. Organizado pola Cooperativa Performa (Mónica Maneiro Jurjo e Iñaki Martínez Antelo), Plataforma. Festival de artes performativas está realizado co apoio do Concello de Santiago de Compostela a través da Concellería de Capital Cultural, Turismo, Educación e Memoria Histórica, o CGAC (Centro Galego de Arte Contemporánea), a Deputación de A Coruña, Fundación DIDAC e Signus Ecovalor e co apoio de SGAE e Patio de luz.
Ligazóns