O ministerio de Cultura incoa a declaración da ponte de Cruzul como Ben de Interese Cultural

O monumento de Becerreá do século XVIII fai parte da rede viaria estatal

O monumento de Becerreá do século XVIII fai parte da rede viaria estatal
A ponte de Cruzul, fotografiada por Jean Laurent no último terzo do século XIX. Fonte: Galipedia
O Boletín Oficial do Estado deste 19 de novembro publicaba a incoación do expediente para declarar a ponte de Cruzul, en Becerreá, como Ben de Interese Cultural na categoría de Monumento. A Dirección Xeral de Patrimonio Cultural e Belas Artes do Ministerio de Cultura iniciou este proceso para recoñecer este obra de enxeñaría civil do século XVIII, única do país do período neoclásico, creada baixo o reinado Carlos III para facilitar a comunicación entre Galicia e Madrid.

A localización da construción no trazado da antiga estrada N-VI, de titularidade estatal, é o que leva a que sexa o Ministerio de Cultura que ten a competencia para iniciar o procedemento de declaración. A infraestrutura, que se empregou como parte da rede viaria ata os anos 60, fixo parte do esforzo por modernizar a infraestrutura de estradas do Estado no século XVIII.

A ponte comezou a se construír entre 1776 e 1778 e entrou en funcionamento durante o reinado de Carlos IV. O lugar foi escenario dun combate contra o exército francés durante a Guerra da Independencia. Da súa localizacón, no contorno da Reserva da Biosfera dos Ancares Lucenses e Montes de Cervantes, Navia e Becerreá, a declaración destaca "a súa interacción coa paisaxe", e en particular a proximidade ao aciñeiral de Cruzul ou de Ousón.

Con tres arcos de medio punto de 12 metros de diámetro e unha altura total de 29,20 metros, o monumento caracterízase pola súa sobriedade ornamental, segundo apunta a declaración. Neste campo destacan os monólitos situados nos seus extremos, rematados nun corpo de forma piramidal, e mais o frontón situado no centro dun dos parapetos, que se supón acolleu unha inscrición sobre a construción. Construído con pedra de orixe local, a construción conta con apartadoiros circulares para facilitar a circulación.

Aínda que o expediente saliente un bo estado de conservación xeral do conxunto, advirte de danos por colisión nun dos seus parapetos e o deterioro en varios elementos, así como a invasión de vexetación na contorna deste espazo. A incoación do expediente supón a inscrición preventiva da ponte como Ben de Interese Cultural, polo que conta xa coa máxima protección prevista no ordenamento xurídico.